miniatura|Alimentación de Gastón. miniatura|Gastón nadando na sala Nautilus.
Gastón foi un tiburón touro (Carcharias taurus) macho que viviu en catividade no Aquarium Finisterrae. Naceu en Suráfrica cara a 1996 e faleceu na Coruña en 2026, converténdose nun dos tiburóns máis lonxevos en catividade de España.
Historia Gastón naceu na costa de Suráfrica. Calcúlase que cando se capturou tiña uns tres anos de idade, medía 180 cm de lonxitude e pesaba cincuenta quilos. Levouse ao acuario Océanopolis de Brest (Bretaña), onde viviu varios anos en compañía doutros exemplares da súa mesma especie ata que a convivencia se volveu imposible, xa que pelexaban con frecuencia. Entón os seus coidadores decidiron que había que buscarlle outro lugar no que vivir.
En Brest estaba nun tanque tropical de auga cálida cunhas características físico-químicas moi distintas ás do acuario coruñés. O proceso de traslado incluíu a redución paulatina da temperatura da auga até os 16 °C habituais no mar galego, a redución paulatina do volume de auga do tanque, sedación e a introdución nun tanque de traslado. Chegou á Coruña en febreiro de 2006, cunhas medidas de case tres metros de longo e algo máis de 120 quilos de peso. Permaneceu en corentena varias semanas, e ao principio non comeu debido ao estrés do traslado e o proceso de adaptación ás novas condicións de vida. En poucas semanas comezou a comer con normalidade, alimentándose sobre todo de xardas, e engordou vinte quilos. Ramón Núñez Centella, fundador dos museos científicos da Coruña, foi quen o nomeou como Gastón.
Transcorrida a adaptación con éxito, o 24 de maio de 2006 incorporouse ao tanque da sala Nautilus do Aquarium Finisterrae, unha piscina de cinco millóns de litros de auga de mar onde viviu en compañía doutras especies de tiburóns, como musolas, cazóns, melgachos e roxas. Tamén compartiu sala cunha femia da súa especie, Hermosa, pero non tiveron descendencia.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Categoría:Animais famosos reais Categoría:Lamniformes