A Caixa Rural de Lugo foi unha cooperativa de crédito galega constituída en 1966 na cidade de Lugo. Foi a única caixa rural galega que logrou manter a súa independencia durante a reestruturación do sector das cooperativas de crédito das décadas de 1980 e 1990, e en 2002 adoptou a denominación de Caixa Rural Galega.

Historia A entidade foi creada en 1966 a partir da Caja Central de Ahorros y Préstamos, promovida polos Sindicatos Católicos Agrarios, organizacións con especial implantación en Mondoñedo. Dende a súa fundación estivo dirixida por Arcadio López Lens, que impulsou a consolidación da entidade como cooperativa de crédito especializada no financiamento do sector agrario lucense.

Durante os seus primeiros anos de actividade concentrou a súa actuación no financiamento de explotacións agrícolas e gandeiras, cooperativas agrarias e pequenas empresas da provincia de Lugo. Posteriormente ampliou a súa oferta de servizos ao conxunto da poboación e aos distintos sectores económicos, mantendo o seu carácter cooperativo.

Durante a crise das caixas rurais da década de 1980 integrouse inicialmente no grupo do Banco de Crédito Agrícola–Caixas Rurais Asociadas. Posteriormente abandonou este grupo para participar na constitución da Asociación Española de Cajas Rurales, do Banco Cooperativo Español e da Sociedad Civil de Estudios y Proyectos, organismos que serviron de base ao actual Grupo Caja Rural.

Ao remate do século XX a entidade experimentara unha importante expansión territorial. No ano 2000 contaba con 32 oficinas distribuídas pola provincia de Lugo e unha máis en Melide, ademais de recursos propios superiores aos 1.500 millóns de pesetas e un investimento crediticio de case 11.800 millóns de pesetas.

En 2002, a entidade modificou a súa denominación social, pasando de Caixa Rural de Lugo, Sociedade Cooperativa de Crédito Limitada a Caixa Rural Galega, Sociedade Cooperativa de Crédito Limitada Galega. O cambio foi inscrito no Rexistro Oficial de Cooperativas de Crédito do Banco de España e publicado no Boletín Oficial del Estado.

A entidade continuou desenvolvendo a súa actividade baixo a nova marca, mantendo a sede social en Lugo e o seu modelo de banca cooperativa de proximidade.

Notas

Categoría:Bancos e caixas de aforro de Galicia Categoría:Provincia de Lugo