Uma Devi Badi, nada en Thapagaun en 1965, é unha defensora dos dereitos humanos no Nepal que lidera o coñecido como "Movemento Badi". Loita polo recoñecemento dos dereitos da súa casta, incluído o fin da intocabilidade, a prostitución e a propiedade da terra. En 2017, foi elixida membro da Asemblea Provincial da provincia de Sudur Paschim no Nepal.
Traxectoria Desde temperá idade, comezou a súa vida como prostituta, única profesión posible para as mulleres da casta Dalit naquel momento. Con 21 anos, casou con Prem Bhatta, da casta Brahmana. Este matrimonio entre castas foi motivo de escándalo, xa que a casta Dalit é considerada unha das máis baixas do Nepal e tratada como intocable. Badi non tivo descendencia, pero se ocupou de criar a dous fillos da súa irmá.
Devi non se conformou coas expectativas da sociedade para as mulleres da súa casta e escapou da prostitución para traballar e ofrecer á súa comunidade mellores oportunidades de futuro. Con 40 anos e o apoio da organización ActionAid International, converteuse na directora da organización local Community Support Group e estableceu un albergue para 25 nenos e nenas da caste de Badi nunha propiedade alugada en Tikapur, ao Oeste do Nepal. Alí dáselles aloxamento, asisten á escola local e ofréceselles un apoio adicional despois da escola coa súa alfabetización e os seus coñecementos de aritmética. O éxito desta iniciativa conduciu ao desenvolvemento doutro proxecto máis ambicioso, actualmente en construción, cuxo obxectivo é albergar a máis de 100 nenos no futuro.
En 2007, dous anos despois de instalar o albergue, liderou un movemento de protesta de 48 días polos dereitos da comunidade de Badi, o que se coñeceu como o "Movemento Badi". Durante ese período, Devi chegou a dirixir a uns 500 activistas de 23 distritos de Badi desde as súas aldeas ata Singha Durbar en Katmandú. Á súa chegada, organizaron protestas pacíficas fronte á oficina do primeiro ministro e o Templo Pashupatinath. As súas demandas reclamaban ao goberno promulgar a Orde da Corte Suprema de 2005 para mellorar as condicións de vida da comunidade de Badi, cunha lista de 26 puntos dos temas que se debían tratar.
Entre esas demandas, incluíanse o fin da prostitución e a intocabilidade, o refuxio permanente para unha comunidade nómade, o rexistro dos nacementos e a cidadanía dos fillos a partir do nome da nai. Ao non ser atendidas as súas demandas, Devi intensificou a protesta quitándose parte da súa roupa e colgándoa da porta da sede do goberno mentres cantaba consignas. Outras mulleres da manifestación seguiron o seu exemplo e isto atraeu a atención dos medios de comunicación, polo que a protesta alcanzou cobertura internacional e obrigou ao goberno a actuar. O 10 de setembro de 2007, o goberno acordou unha reunión de traballo con Devi para introducir un programa residencial público na comunidade de Badi.
Notas
Categoría:Nados no Nepal Categoría:BBC 100 Mulleres Categoría:Nados en 1965