O transporte marítimo é a actividade adicada a trasladar persoas (pasaxeiros) ou cousas (en estado sólido, líquido ou gasoso) por mar a bordo dun buque. Tendo en conta que o planeta Terra está cuberto por auga nas súas dúas terceiras partes, o transporte marítimo posúe unha gran relevancia na ordeación da maior parte de actividades comerciais, en concreto nunha economía globalizada como a actual.
O transporte marítimo é unha actividade internacional por natureza, se ben existen modalidades que non presentan tal característica, coma o cabotaxe.
Tipos de transporte marítimo segundo o seu obxecto
Transporte marítimo de mercadorías O transporte marítimo de cousas é o que hoxe en día reviste unha maior transcendencia, froito de que o 80% do fluxo de mercadorías global se realiza por mar, sexa en contedores ou con produtos a granel. Fortemente asociada a cada unha desas dúas maneiras de transportar as mercadorías atópanse cada unha das dúas principais modalidades de transporte marítimo: aquel realizado en réxime de fletamentos (tramp) e o realizado en liña regular (liner).
Transporte marítimo de persoas O transporte de persoas por vía marítima, pola contra, perdeu importancia debido ao desenvolvemento da aviación comercial, se ben subsiste en forma de travesías curtas entre illas e en estreitos e nos cruceiros turísticos.
Regulación do sector O carácter internacional do transporte marítimo ocasionou, ao longo da historia, que boa parte da súa regulación non sexa de cuño estatal, senón que proveña de fontes transnacionais, tanto públicas (convenios e normas acordadas entre Estados) coma privadas (usos e costumes dos comerciantes). Tal circunstancia derivou nun alto grado de especialidade deste sector da normativa respecto de outros eidos do ordenamento froito da súa perculiar orixe, así como nunha notable homoxeneidade global de algunhas das institucións e figuras que esas normas regulan como consecuencia desa busca de solucións funcionais en un mercado internacional. En calquera caso, ese escenario de diversidade de fontes vense perpetuando ata a actualidade e, de feito, ningunha deses diferentes ordenamentos regula de forma completa a actividade, polo que as lagoas que cada un deles presenta deben ser integrados polos outros, o cal complica a xestión dos conflitos que poidan xurdir neste sector.
Normativa sectorial internacional Actualmente, son duas as normas primordiais que regulan o transporte marítimo de mercadorías a nivel internacional: o Convenio de Bruxelas de 1924 e as súas emendas (coñecidas como Reglas da Haia-Visby) e o Convenio de Hamburgo de 1978 (coñecido como Reglas de Hamburgo), dos cales so o primeiro foi suscrito polas autoridades españolas. Unha terceira norma foi tamén elaborada, o Convenio de Rotterdam de 2009 (coñecido, como é de esperar, como Reglas de Rotterdam) cun enfoque más moderno (e xa centrado no que se da en chamar «transporte multimodal»), se ben a falta de Estados firmantes de dito instrumento impideu a súa entrada en vigor. Esta normas centranse maiormente nun aspecto: o da limitación de responsabilidade dos carrexadores das mercadorías, dedicando menor atención a outros eidos da relación contractual, lagoa especialmente notoria no máis antigo dos tres instrumentos.
O transporte marítimo de pasaxeiros tamén goza da súa normativa específica, concretamente do Convenio de Atenas de 1974, que regula con carácter xeral a actividade de transporte de persoas por vía marítima, dedicando atención específicamente tamén á cuestión do transporte das súas equipaxes por dita vía.
Normativa sectorial estatal No caso español, a normativa estatal atópase compendiada maiormente na Lei 14/2014, de navegación marítima, norma de caráceter omnicomprensivo e que pretende regular todos os aspectos fundamentais da navegación marítima e que destaca, especialmente, polo seu carácter proteccionista en certos aspectos e pola súa vontade de unificar baixo unha mesma figura os contratos de transporte en réximen de fretamento e os contratos en liña regular.
Dereito «brando» dos operadores comerciais O Dereito «brando» (Soft Law, como se o coñece no ámbito internacional) é aquel conxunto de prácticas ou costumes amplamente aceptados polos actores dun determinado sector que, polo feito de selo, adquire a condición de «norma» e que son útiles como criterio para a resolución de conflitos en sede xudicial (ou arbitral) e como orientación para a elaboración de normas.
Eses usos non xorden de forma espontánea, senón que son froito dun longo procedemento de desenvolvemento e consolidación, no cal determinados actores colectivos (non só os operadores particulares do mercado) xogan un rol central. No caso do transporte marítimo, ditos actores son, por unha banda, unha serie de organizacións comerciais (BIMCO, ICS ou , INTERCARGO, por citar algúns exemplos) e, por outra, certas institucións ligadas aos Estados, como pode ser o Instituto Internacional para a Unificación do Dereito Privado (UNIDROIT). Eses dous grupos contribuen de diferente maneira á elaboración dese Dereito «brando»: as primeiras, mediante a elaboración de modelos de contrato (forms), os cales, pola súa ampla aceptación polos diferentes carrexadores e demais operadores do sector, contribuen á extensión dunhas determinadas solucións e mecánicas de contratación; as segundas, elaborando directamente normas de carácter non legal orientadas a facilitar o desenvolvemento da actividade comercial e que, pola súa gran flexibilidade, son a miúdo empregadas polos operadores comerciais.
Ese conxunto de «normas» e prácticas, se ben non teñen o carácter imperativo propio das normas legais, si presentan tal grao de seguimento que acaban sendo condicionantes da actividade comercial á que atenden, converténdose en criterio determinante para a ordenación do mesmo na medida en que non vulneran aquelas disposición que si gozan do rango de lei.
Outras disposicións relevantes A normativa sectorial do transporte marítimo non abrangue toda problemática que se poida derivar dunha relación contractual desta natureza, senón que, en determinados planos, é necesario empregar normas de carácter xeral ou propias doutros sectores.
Notas
Categoría:Transporte