Federico de Castro y Fernández, nado en Almería o 30 de decembro de 1834 e finado en Huelva o 10 de abril de 1903, foi un académico e filósofo español, un dos principais representes do krausismo, así coma un destacado bibliófilo.
Traxectoria Os seus pais eran José de Castro, un capitán de infantaría, e María do Carmen Fernández y Gálavez. Comezou o bacharelato aos nove anos no Colexio de San Alberte de Sevilla, centrándose na Filosofía. En 1850 matriculouse na carreira de Dereito, para despois facer as de Filosofía e Teoloxía, que terminou en Madrid. Compaxinou o labor docente coa investigación, defendendo a súa tese de doutoramento en 1861, tamén en Madrid. Nese mesmo ano obtivo a cátedra de Metafísica da Universidade de Sevilla; posteriormente, ostentou tamén as de Historia de España e Historia Crítica de España.
Foi reitor da Universidade de Sevilla, un dos fundadores do Ateneo Hispalense e da Revista mensual de Filosofía, Literatura y Ciencia, así como doutras institucións culturais. Participou na fundación da Biblioteca científico-literaria de Sevilla.
Finou o 10 de abril de 1903, "xunto á súa mesa de traballo e usando por almofada os últimos boletíns da Real Academia da Historia". Contan as crónicas da época que, debido á grande estima que lle tiñan, "os seus alumnos disputaron a honra de levar o seu féretro dende a casa mortuoria até o cemiterio de San Fernando".
Pensamento Federico de Castro foi un dos máximos expoñentes do krausismo en España. Malia que a maioría destes pensadores viraron cara ao positivismo, Castro mantívose fiel á metafísica panenteísta e á analítica idealista de Krause. Deste modo, contra 1896, podía ser considerado o único representante do krausismo en Sevilla.
Porén, non foi un mero divulgador destas doutrinas, senón que disentiu de importantes aspectos doutrinais, preferindo unha actitude máis empirista.
Publicacións
El progreso interno de la razón (tese de doutoramento, 1861). Resumen de las principales cuestiones de Metafísica. Analítica. 1ª Parte (1868). Cervantes y la Filosofía española (1870). Nueva biografía del Doctor Don Antonio Xavier Pérez y López (1736-1792) con un breve estudio sobre su sistema filosófico (1873-74). Ensayo de un programa razonado de Metafísica (1879). Metafísica. Ensayo. T I. Propedéutica (1879). Metafísica T II. Análisis (1890). "Filosofía regional" (¿La Filosofía andaluza?). (Discurso de apertura do curso 1891-92 na Universidade Literaria de Sevilla). Preparación para el estudio de la Metafísica (1896) Positivismo (1896) El monismo filosófico (1897) Las escuelas visigodas (1898). Reseña de la Exposición Histórico-crítica de los Sistemas Filosóficos modernos y verdaderos principios de la Ciencia de Patricio Azcárate (1862). Nueva traducción de La fuente de la vida de Ibn Gabirol (Aven-cebrol) (sic), desde el texto latino de Juan Hispano y Domingo González (s/f). La filosofía de Krause (1933).
Notas
Categoría:Nados en Almería Categoría:Krausistas Categoría:Finados en 1903 Categoría:Nados en 1834 Categoría:Filósofos de España