Festa da Palabra Silenciada é unha revista anual de carácter político-cultural producida dende maio de 1983 en Vigo por Feministas Independentes Galegas (FIGA) e dirixida por María Xosé Queizán.
Aínda que os seus contidos se foron ampliando dende o comezo, os máis significativos son o reflexo do pensamento feminista en moi diversos aspectos da realidade e a crítica, centrada na autoría feminina, de textos literarios galegos.
Contexto Os anos de represión e de silenciamento durante a etapa final do franquismo atinxían moi especialmente ás mulleres. Durante a Transición estalou unha nova actividade política e cultural que deu grande impulso ao asociacionismo feminista.
Neste marco social apareceu a Asociación Galega da Muller (1976), a Asociación Democrática da Muller Galega (1977) ou Feministas Independentes Galegas (1978), agrupacións que se centraron na reivindicación da memoria colectiva silenciada durante a ditadura. Coas leis e institucións emanadas do novo réxime parlamentario, por vez primeira desde a II República as mulleres reinician o camiño da conquista dos seus dereitos.
Primeiros pasos e evolución Festa da Palabra foi creada co obxectivo de promover o pensamento e a crítica feminista nos ámbitos políticos, artísticos e científicos, así como visibilizar a creación feminina, focalizando a súa análise na literatura e nas artes audiovisuais.
Nun primeiro momento a autoría da revista foi exclusivamente feminina, dende a maquetación ata o material gráfico; porén, a partir de 1998 comezou a participación masculina. Este feito coincide coa minimización do adxectivo silenciada na cabeceira da revista, o cal se debe á consideración das editoras dun cumprimento parcial das súas reivindicacións e aspiracións. Como consecuencia, a partir do número 14 a revista pasou a chamarse simplemente Festa da Palabra.
Contidos Unha das principais características da Festa da Palabra é a gran variedade temática. Entre os seus números podemos atopar reflexións sobre arquitectura (nº 14), pintura (nº 11) ou ciencia (nº 20). Este amplo abano de contidos complétase cos números especiais adicados a figuras destacadas tanto da literatura galega como do feminismo. As elixidas ata o número 21 son: Rosalía de Castro (nº 2), Francisca Herrera Garrido (nº 3), Xohana Torres (nº 4), Emilia Pardo Bazán (nº 6), Pura e Dora Vázquez (nº 12), Simone de Beauvoir (nº 15) e María Mariño (nº 21).
Outro trazo destacable do contido da Festa da Palabra é o seu pluralismo cultural e lingüístico. Nas súas páxinas podemos atopar escritoras doutras comunidades autónomas e doutros estados (Kathleen March, Rhea Tregebov no nº 8 etc.)
Produción A coordinación da primeira publicación correu a cargo de Isabel Mouriz e María Xosé Queizán, quen foi a única coordinadora da revista dende os números 2 ata o 13. A partir da publicación do número 14 pasou a ocupar o posto de directora da mesma.
A deseñadora da revista dende os seus inicios é Margarita Ledo. A ela se debe logo un formato moi característico con portada en cor dunha soa imaxe e impresión en branco e negro. Este deseño non sería practicamente modificado nos 29 números publicados.
A asesoría lingüística foi exercida por Marga Rodríguez Marcuño durante toda a traxectoria da revista.
A edición correu a cargo do grupo FIGA, que financiou a revista ata o nº 9. A partir deste momento a Consellería de Igualdade do Concello de Vigo comezou a subvencionar a súa produción.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Bermúdez, Silvia(2011 ). “Festa da Palabra y el canon literario gallego contemporáneo: la labor (des)mitificadora de Chus Pato y Ana Romaní”. En María Luz Suárez e Isabel Seoane (coords.), Letras galegas en Deusto: dez anos de estudios galegos, 1991-2001. Bilbao: Universidade de Deusto, 33-44. Festa da palabra silenciada. Fondos documentais do Consello da Cultura. (s.d.). Cordal, Xabier (s.d.)."A fin do silenciamento" ProTexta, n.º 13. Festa da Palabra Silenciada. (s.d.). Galiza Sempre. (s.d.). As agrupacións feministas galegas dos anos 70 e 80. González, H. (2014). Festa da palabra silenciada. Centre Dona i Literatura.
Ligazóns externas Festa da Palabra Silenciada na Hemeroteca do Consello da Cultura Galega
Categoría:Revistas editadas en Galicia Categoría:Revistas feministas Categoría:Cultura de Galicia sen imaxes Categoría:Revistas españolas do século XX Categoría:Revistas españolas do século XXI Categoría:Cultura en Vigo