Antonio Abadín Guerra, nado en Viveiro o 20 de outubro de 1774 e finado en Reis (Teo) o 27 de febreiro de 1813, foi un relixioso católico galego e deputado nas Cortes de Cádiz pola provincia de Mondoñedo.

Traxectoria Logo de aprender latín incorporouse ao convento de San Domingos de Mondoñedo para estudar tres anos de Filosofía, antes de trasladarse á Universidade de Santiago de Compostela en 1792 e acadar o título de bacharel en Filosofía un ano despois. Continuou os seus estudos cursando Artes e Teoloxía acadando o grao de bacharel en 1797.

A súa carreira eclesíastica comezou sendo capelán de San Xoán do Freixo (diócese de Mondoñedo) en 1792, ordenado presbítero en 1801, en 1804 obtivo licenza para presentarse a cargos na arquidiócese de Santiago de Compostela sendo designado párroco de San Cristovo de Reis (Teo).

Foi electo deputado pola provincia de Mondoñedo en 1810 para as Cortes que se ían celebrar en Cádiz. Tomou posesión do cargo en Cádiz o 24 de setembro de 1810, morando na rúa da Tenería número 138, aínda que pronto se ausentou das Cortes. No verán de 1811 solicitou catro meses de permiso por problemas de saúde, regresando a Galicia para a súa recuperación. Foille concedida unha nova prórroga para a súa estadía fóra de Cádiz o 28 de xaneiro de 1812 e tamén ofreceulle ás Cortes a súa renuncia por mor da enfermidade para que a deputación fose ocupada polo suplente, Francisco Jerónimo de Cora. Na sesión das Cortes do 3 de marzo de 1813 deuse conta do seu pasamento en San Cristovo de Reis.

Xosé Ramón Barreiro Fernández considera que, malia a non estaren documentados, debeu gañar sona entre os antifranceses durante a Guerra de Independencia. Aínda que as súas contribucións nas Cortes foron escasas, semella próximo ao absolutismo por rexeitar o proxecto de lei de prensa na sesión do 19 de outubro de 1810.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Cortes de Cádiz Galicia nas Cortes de Cádiz

Categoría:Nados en Viveiro Categoría: Nados en 1774 Categoría: Finados en 1813 Categoría:Deputados de Galicia no Congreso dos Deputados Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes finados hai máis de 80 anos