Umar Sadiq Mesbah, nado en Kaduna (Kaduna, Nixeria) o 2 de febreiro de 1997, é un futbolista nixeriano que xoga de dianteiro no Valencia da Primeira División, e na selección nacional de Nixeria.
Gañou a medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de 2016.
Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol nas rúas da súa cidade natal. Máis tarde xogou no Kusa Boys, antes de unirse á Future of Africa Football Academy e, finalmente, ao Football College Abuja. En xuño de 2013 viaxou coa FCA a Croacia e participou no torneo xuvenil Kvarnerska Rivijera, proclamándose campión e máximo goleador.
Spezia Tras as súas prometedoras actuacións en Croacia, Sadiq foi fichado polo club Spezia italiano para as súas categorías inferiores.
Cesión ao Lavagnese Pouco despois de chegar ao Spezia, foi cedido ao Lavagnese da Serie D, facendo o seu debut como sénior na xornada final da tempada 2013/14.
De regreso no Spezia, na tempada 2014/15 foi o máximo goleador do Campionato Primavera, con 26 goles en só 24 partidos.
Cesión á Roma En xullo de 2015 saíu cedido por un ano á Roma xunto ao seu compañeiro de equipo e compatriota Nura Abdullahi. Despois de marcar oito goles nos tres primeiros partidos do Campionato Primavera, Sadiq debutou na Serie o 21 de novembro, substituíndo a Juan Iturbe nos minutos finais dun empate 2-2 ante o Bologna. Marcou o seu primeiro gol o 20 de decembro, despois de entrar ao campo no minuto 82 no lugar de Mohamed Salah ante o Genoa. Terminou a tempada con dous goles en seis partidos na Serie A.
Roma O 21 de xuño de 2016, anunciouse que a Roma exercera a súa opción de compra e fichara a Sadiq, así como a Nura, de forma permanente ata o 30 de xuño de 2020. Viaxou co primeiro equipo aos Estados Unidos para a International Champions Cup de 2017, marcando no seu único partido ante o Paris Saint-Germain, no que Roma caeu na quenda de penaltis.
Cesión ao Bologna O 31 de agosto de 2016 foi cedido ao Bologna ata o final da tempada cunha opción de compra. Xogou sete partidos na Serie A, antes de regresar á Roma.
Cesión ao Torino O 16 de agosto de 2017 anunciouse a súa fichaxe polo Torino cedido ata o 30 de xuño de 2018. O acordo incluía unha opción para facer o traspaso permanente cunha cláusula de recompra a favor da Roma.
Cesión ao NAC Breda En xaneiro de 2018 foi cedido por seis meses ao NAC Breda neerlandés. Axudou ao club a evitar por pouco o descenso, contribuíndo con cinco goles en 12 partidos na Eredivisie.
Cesión ao Rangers En xullo de 2018 Sadiq fichou cedido por unha tempada polo Rangers, da Scottish Premiership. Despois de só catro partidos co primeiro equipo entre todas as competicións, o club puxo fin á súa cesión ao remate do ano.
Cesión ao Perugia En xaneiro de 2019 uniuse ao Perugia da Serie B, fichando ata o final da tempada. Marcou tres goles en 17 partidos, axudando ao seu equipo a rematar no oitavo lugar e disputar a promoción de ascenso á Serie A.
Cesión ao Partizan A principios de xullo de 2019 foi cedido ao Partizan serbio. Co conxunto de Belgrado anotou o primeiro triplete da súa carreira, nunha goleada por 6-2 contra o Javor Ivanjica.
Almería Entre 2020 e 2022 xogou no Almería, da Segunda División, co que conseguiu o ascenso á máxima categoría.
Real Sociedad O 1 de setembro de 2022 asinou un contrato de seis anos coa Real Sociedad. Só dous días despois marcou o seu primeiro gol no seu debut nun empate 1-1 na casa contra o Atlético de Madrid. O 8 de setembro xogou 46 minutos en Old Trafford nunha vitoria por 0-1 sobre o Manchester United. Tres días despois, durante o partido de liga contra o Getafe sufriu unha lesión no ligamento cruzado anterior, perdendo o resto da tempada.
Regresou aos terreos de xogo na primeira xornada da tempada 2023-24, ante o Girona, entrando ao campo no minuto 74 como substituto de Mikel Oyarzabal. O 23 de novembro debutou na Liga de Campións, substituíndo de novo a Oyarzabal contra o Inter de Milán.
Valencia En xaneiro de 2025 saíu cedido ao Valencia. O 8 de xaneiro de 2026 volveu ao Valencia cun contrato ata xuño de 2028.
Notas
Categoría:Xogadores do Valencia CF Categoría:Xogadores da Real Sociedad Categoría:Xogadores da UD Almería Categoría:Xogadores do FK Partizan Categoría:Xogadores do AC Perugia Categoría:Xogadores do Rangers FC Categoría:Xogadores do NAC Breda Categoría:Xogadores do Torino FC Categoría:Xogadores do Bologna FC 1909 Categoría:Xogadores do AS Roma Categoría:Xogadores do Spezia Calcio Categoría:Medallistas olímpicos en fútbol Categoría:Futbolistas olímpicos de Nixeria Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 2016 Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 2016 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Nixeria Categoría:Nados en 1997