Josefa Úriz Pi, nada en Badostain (Eguesibar) o 15 de marzo de 1883 e finada en Berlín Leste o 2 de agosto de 1958, foi unha mestra, pedagoga e activista política, navarra de nacemento e ilerdense de adopción. Era irmá de Elisa Úriz Pi, ambas consideradas precursoras da Escola Moderna en España.

Traxectoria

Primeiros anos e formación Era filla do capitán de infantería Benito Úriz Erro e de Filomena Pi Céspedes, de orixe catalá. De 1909 a 1912 estudou na sección de Ciencias da Escola de Magisterio en Madrid —onde foi a primeira da súa promoción—, animada polo seu propio pai. Este tiña ideas liberais respecto á educación das súas fillas, contrarias ás que eran usuais da época e próximas á Institución Libre de Enseñanza. En 1914 traballou como profesora de ciencias e de pedagoxía na Escola de Mestres de Xirona, da que foi directora temporalmente en 1919. Foi bolseira da Junta de Ampliación de Estudios en Bruxelas, onde contactou con Ovide Decroly e as correntes de renovación pedagóxica europeas que despois poría en práctica. Debido á súa implicación sindical o 21 de maio de 1921 foi trasladada e obtivo a praza de profesora de pedagoxía na Escola Normal de nenas de Lleida.

Pronto chocou cos métodos tradicionais da entón directora, Lilian Heras. Pouco despois de ser nomeada, fixo declaracións críticas sobre a relixión na aula e suxeriulles ás nenas de cuarto curso leren libros de Margarita Nelken, Ramon Turró i Darder e Pedro Dorado Montero. Isto provocou a queixa do bispo de Lleida, Josep Miralles i Sbert, ao reitor da Universidade e a apertura dun expediente disciplinario. Recibiu moita atención da prensa local grazas á defensa de El Ideal (órgano da Joventut Republicana de Lleida). Varios intelectuais como Ramón Menéndez Pidal, Santiago Ramón y Cajal, Gabriel Alomar i Villalonga ou Julián Besteiro asinaron un manifesto ao seu favor. Mesmo o presidente do Parlamento español paralizou o proceso, o que supuxo a dimisión do ministro de Educación.

Porén, coa chegada da ditadura de Primo de Rivera reabriuse o proceso. Finalmente en 1925 foi castigada cun ano de exilio a 100 quilómetros da cidade sen traballo nin soldo. O 6 de marzo de 1926, cumprida a condena, reincorporouse á Escola.

Pedagoxía e activismo político Tras a proclamación da Segunda República Española, as Escolas Normais para mulleres e homes unificáronse nunha soa, e en maio de 1931 Josefa foi nomeada directora da Escola unificada. Decidida a modernizar o centro, introduciu os métodos pedagóxicos de Maria Montessori, Célestin Freinet, Ovide Decroly e Jean Piaget. Creou a primeira cátedra para o estudo do catalán, abriu unha residencia laica para que as mozas non tivesen que aloxarse en conventos e modernizou a biblioteca escolar, cunha sala de lectura e xestión de préstamos de libros.

Politicamente comprometida cos sectores obreiros de Lleida, colaborou coa CNT, o Bloc Obrer i Camperol, a Associació Ilerda ou o Ateneu Popular Lleidatà. Tamén foi unha das fundadoras do Grupo Batec (1930-1936), destinado a aplicar o Método Freinet, e editou, baixo a súa dirección, a revista Escola desde 1932. En 1932 foi nomeada secretaria xeral da FETE-UGT en Lleida. En xaneiro de 1934 foi destituída do cargo de directora da Escola Normal e substituída por Felip Solé i Olivé, o que provocou unha folga estudantil de 48 horas liderada por Dolors Piera i Llobera e Josefa Reimundi. O 27 de maio de 1934 foi nomeada vicepresidenta da FETE-UGT de Barcelona e, xunto coa súa irmá Elisa, promoveu a Unió de Dones Antifeixistes.

Mentres tanto, participou nas Misiones Pedagógicas que se organizaron na provincia de Lleida entre 1932 e 1934. A primeira foi no Val de Arán, daquela practicamente illado. En abril de 1934 visitaron os montes entre o Segre e a Noguera: Foradada, Artesa, Alentorn, Vilanova de Meià e Santa Maria de Meià. En maio, Cervià de les Garrigues, e no verán, a serra do Cadí, Josa, Tuixent, Gòsol, La Vansa i Fórnols e Adraén.

En 1934 fundouse a Cooperativa Española de Técnica Freinet, que se expandiu por Cataluña e outras zonas de España e que chegou mesmo ao sur de Francia. O movemento Batec promoveu o contacto directo entre o profesorado e a poboación da aldea. Josefa, xunto coa súa irmá, creou a primeira asociación de pais: opúñanse á aprendizaxe memorística, promovían o traballo cooperativo, as actividades extraescolares e o uso de materiais distintos dos libros de texto. Durante a Guerra Civil seguiu involucrada no seu traballo educativo e social. Comezou un programa para axudar os nenos da retagarda e acabou repartindo 100.000 menús infantís ao día.

Pouco antes do comezo da guerra civil española militaba no Partit Comunista de Catalunya e, xunto con Elisa Úriz, afiliouse ao PSUC. Ao estalar a guerra, foi nomeada de novo directora da Escola Normal, pero pouco despois foi destinada en comisión de servizo a Barcelona, onde en agosto de 1936 foi nomeada secretaria xeral do sindicato FETE-UGT. Desde o 27 de marzo de 1937 foi presidenta da sección de educación artística no primeiro Consello da Nova Escola Unificada (CENU). Nela foi representante do seu sindicato e unha das principais teóricas do socialismo no ensino. En xaneiro de 1938 presidiu o primeiro Congreso da FETE en Barcelona. O 9 de setembro dese ano foi nomeada Directora Xeral de Evacuación e Refuxiados do goberno da República. Dende ese cargo traballou na protección e evacuación das nenas e nenos afectados pola guerra.

Exilio En febreiro de 1939 exiliouse en Francia coa súa irmá. Durante a ocupación nazi de Francia ambas colaboraron na Resistencia francesa dentro do grupo de Josep Miret i Musté e o seu irmán Conrad até que este foi arrestado en 1942. Despois uniuse á Unión Nacional Española liderada polo militante comunista Jesús Monzón Repáraz. Durante a guerra traballou a prol dos mestres internados en campos de concentración.

Ao final da segunda guerra mundial, as autoridades españolas iniciaron un proceso contra ela ante o Tribunal de Responsabilidades Políticas. Debido á súa militancia comunista, en abril de 1951 foi expulsada de Francia xunto coa súa irmá. Cruzaron o Pano de Aceiro e estabelecéronse en Berlín Leste, onde traballou en nome dos exiliados españois ata a súa morte en 1958.

Comezaron uns anos de intensa actividade diplomática. Un dos seus principais éxitos foi a proposta de establecemento do Día Internacional do Neno, proclamado en 1954. Puxo fin así a unha traxectoria que sempre tivera como obxectivo a protección e a preparación intelectual da infancia. Ademais, a defensa dos dereitos das mulleres foi constante na súa vida. En 1934 as irmás Úriz promoveron a Asociación de Mulleres Antifascistas Españolas, que en 1946 se organizou na Unión de Mulleres Españolas con sede en París. Chegou a ter máis de 7000 socias, principalmente exiliadas en Europa e América.

Homenaxe En xuño de 2014, durante a homenaxe que se lles rendeu ás irmás Úriz, familiares, amizades e autoridades visitaron os lugares onde naceron e creceron. Desde ese ano a escola pública de Sarriguren (Eguesibar) e unha praza da vila levan o seu nome.

Notas

Categoría:Finados en 1958 Categoría:Nados en 1883 Categoría:Pedagogos de España Categoría:Pensionados da JAE Categoría:Exiliados do franquismo Categoría:Nados en Navarra