miniatura|Monumento a Vladimir Nabokov en Montreux. Vladimir Nabokov, nado en San Petersburgo o 23 de abril de 1899 e finado en Montreux (Suíza) o 2 de xullo de 1977, foi un novelista, poeta e crítico estadounidense de orixe rusa. É considerado unha das principais figuras da literatura universal. Traxectoria Nabokov naceu no seo dunha familia aristocrática. En 1919, a familia abandonou o país para escapar da Revolución Rusa. Tres anos máis tarde, Nabokov graduouse na Universidade de Cambridge coa máxima cualificación. Empezou a escribir para os diarios dos emigrantes rusos en Berlín (onde viviu de 1923 a 1937), baixo o pseudónimo de "Vladimir Sirin"). A súa novela sobre xadrez, Zashchita Luzhina (1930), consagrouno como un dos principais valores da xove xeración de escritores emigrados de Rusia. Durante os cinco anos seguintes escribiu catro novelas e un conto, entre as que destacan Desesperación e Convidado a unha decapitación. Do ano 1936 ao 1938 viviu en Francia, onde comezou a escribir en inglés. En 1940, trasladouse aos Estados Unidos e, cinco anos máis tarde, adoptou a nacionalidade estadounidense. Alí publicaría, en 1947, a súa primeira novela en inglés, Bend Sinister. Porén, a súa fama literaria foi discreta ata a publicación en París de Lolita (1955), obra que supuxo a súa consagración como escritor e que narra a intensa e obsesiva relación dun home maduro cunha adolescente, e que pode considerarse un estudo do amor e do desexo sexual. Xunto con esta obra, a que a seguiu, Pale Fire (1962), foi tamén moi eloxiada.
Éxito das súas obras Durante a década de 1960 traducíronse a diversas linguas algunhas das súas primeiras novelas escritas en ruso, coma a obra Convidado a unha decapitación. En 1964 publicou, en edición crítica, a súa tradución ao inglés da novela de Alexander Pushkin, Eugene Onegin, en 4 volumes. Speak, Memory (1966) é un nostálxico relato da súa infancia na Rusia imperial e a súa vida posterior ata 1940; as memorias publicáronse orixinalmente en forma abreviada en 1951, baixo o título de Conclusive Evidence. Korol' Dama Valet, escrita en Berlín e publicada en ruso e alemán en 1928, é unha parodia dunha novela tradicional. En 1969 apareceu Ada or Ardor: A Family Chronicle, un exemplo claro da súa obra. En 1973 publicou dous libros: A Russian Beauty and Other Stories, e o ensaio Strong Opinions. En 1959 Nabokov estableceuse en Suíza, onde viviu recluído ata o 2 de xullo de 1977. O territorio exclusivo de Nabokov é a traxicomedia complexa, na que o tempo e o espazo condénsanse ou se expándense, e as metáforas e os símiles entremestúranse nun xogo incesante. Como dixera o propio autor: "Aínda que camiño sempre á beira da parodia, ten que haber, por outra parte, un abismo de seriedade". miniatura|Lápida de Elena Nabokova, nai de Vladimir
Obras Novelas escritas en ruso: Mashen'ka (Машенька, 1926); Tradución en inglés: Mary (1970). Korol' Dama Valet (Король, дама, валет, 1928); Tradución en inglés: King, Queen, Knave (1968). Zashchita Luzhina (Защита Лужина, 1930); Tradución en inglés: The Luzhin Defense ou The Defense (1964) (tamén levada ao cinema: The Luzhin Defence, no 2001). Sogliadatai (Соглядатай, 1930); tradución ao inglés: The Eye (1965). Podvig (Подвиг, 1932); traduciónn ao inglés: Glory (1971). Kamera Obskura (Камера Обскура, 1932); Traducións ao inglés: Camera Obscura (1936), Laughter in the Dark (1938). Otchayanie (Отчаяние, 1936); Tradución ao inglés: Despair (1937, 1966). Priglasheniye na kazn (Приглашение на казнь, 1938); tradución ao inglés: Invitation to a Beheading (1959). Dar (Дар, 1938); Tradución ao inglés: The Gift (1963). Volshebnik (Волшебник, 1939, inédita); tradución ao inglés: The Enchanter (1985).
Novelas escritas en inglés: The Real Life of Sebastian Knight (1941) Bend Sinister (1947) Lolita (1955), traducida ao galego no 2008 por Xesús Fraga Pnin (1957) Pale Fire (1962) Ada or Ardor: A Family Chronicle (1969) Transparent Things (1972) Look at the Harlequins! (1974) The Original of Laura (sen terminar, 1977)
Teatro: Izobretenie Val'sa (1938); tradución ao inglés: The Waltz Invention: A Play in Three Acts (1966). The Man from the USSR and Other Plays (1984)
Nota
Véxase tamén
Outros artigos
Literatura rusa Literatura estadounidense
Categoría:Escritores en lingua inglesa Categoría:Escritores en lingua rusa Categoría:Escritores de Rusia Categoría:Tradutores de Rusia Categoría:Tradutores do francés Categoría:Tradutores do ruso Categoría:Tradutores do inglés Categoría:Tradutores ao inglés Categoría:Tradutores ao ruso Categoría:Nados en 1899 Categoría:Nados en San Petersburgo Categoría:Finados en 1977 Categoría:Novelistas dos Estados Unidos de América