Harold e Maude (en inglés Harold and Maude) é un filme clásico de culto dirixido por Hal Ashby en 1971, protagonizado por Ruth Gordon e Bud Cort, e con banda sonora de Cat Stevens. O filme, un drama existencialista, con pinceladas de comedia bufa e humor negro, céntrase nas vivencias de Harold, un rapaz neurótico de gustos mórbidos que intenta liberarse da vida que a súa nai, emocionalmente fría, lle quere impoñer ó tempo que se namora da septuaxenaria Maude.
A película correspóndese co número 45 da lista dos 100 filmes máis divertidos do American Film Institute, e co número 42 dos filmes máis divertidos de Bravo e da lista dos 250 mellores filmes da lista da IMDb. En 1997, foi seleccionada para ser preservada polo National Film Registry da Biblioteca do Congreso.http://www.loc.gov/film/titles.html
É notable, en particular, por ter un moi amplo grupo de seguidores que a teñen como “película de culto”. Foi considerada por moitos críticos como parte integrante das creacións artísticas da contracultura americana dos setenta.
O filme foi un fracaso comercial que recibiu críticas mixtas de moi diferente signo cando foi estreada. O guión no que se baseou a longametraxe foi escrito por Colin Higgins, sendo publicado o mesmo ano da estrea como novela.
A rodaxe da película levouse a cabo na area da Baía de San Francisco.
Harold e Maude converteuse tamén durante algún tempo nunha obra de teatro en Broadway.
Trama
O filme preséntanos primeiro a Harold, un xove triste, alleado e extravagante, dunha familia rica que vive nunha mansión coa súa nai, viúva desde hai tempo e de carácter dominante e aparentemente frío. Harold parodia á perfección distintos tipos de suicidio mais as súas pesadas bromas sucédense con tanta frecuencia que a súa nai xa fai como se non a afectasen. Ata que un día fai que se suicida na bañeira e o fai con tal desorde e estrago que súa nai o envía ó psicólogo. Como diversión, Harold ten por costume visitar funerais de xente que non coñece. Nun deles ve a Maude, unha velliña de 79 anos que trata de facerse a súa amiga con pallasadas. Maude é todo o contrario de Harold: unha señora maior, vitalista, chea de enerxía, impulsiva, e alegre. Os dous acaban por facerse amigos con consecuencias inesperadas.
Temas Hal Ashby, o director da película, intenta representar unha parte da cultura da xuventude de San Francisco. O filme contrasta o fatalismo da xuventude co vitalismo de quen cre en algo e está disposto a preocuparse ou interesarse por algo. É, en certa maneira, o que os sobreviventes do Holocausto tiveron que facer para seguir vivindo, superar o nihilismo e atopar un propósito na vida. O pasado de Maude, aínda que é só un momento, revélase na marca que leva tatuada no brazo, o número de identificación do campo de concentración do que se supón que logrou saír con vida.
Harold forma parte dunha sociedade para a que non ten importancia ningunha, e, existencialmente, por tanto, carece de significado. Maude, porén, sobreviviu e, para ela a vida ten certo sentido. Só o feito de vivir en si é significativo. É nesta crise existencial, vista co pano de fondo da guerra do Vietnam representada no inmenso cemiterio de lápidas brancas que chega a cubrir toda a pantalla, que é posible entrever a diferenza entre dúas formas de entender a vida e a morte. A cultura inicial de Harold é significativa de como os americanos sobrelevan unha guerra sen sentido. A cultura de Maude, que experimentou os efectos desastrosos da guerra e do odio, enfatiza a necesidade de agarrarse á vida e rexeitar o holocausto que conduce á negación de todo tipo de sentido.
A película deu lugar á aparición de dúas novas palabras en inglés: "Harolding" (‘frecuentar os cemiterios’) descrita por Douglas Coupland en "Harolding in West Vancouver" (1996); e "Maudism" ou "Maudianism", a filosofía de vivir plenamente cada día. A connotación da palabra está vinculada dalgún modo a filosofía idéntica dos mods. O inglés, Modism (‘o estilo de vida dos mods’) presenta a mesma converxencia fonética.
Elenco Ruth Gordon como Marjorie Chardin (Maude). Bud Cort como Harold Chasen. Vivian Pickles como Mrs. Chasen. Cyril Cusack como Glaucus. Charles Tyner como Tío Victor. Ellen Geer como Sunshine Doré. Eric Christmas como Crego. G. Wood como Psicólogo. Judy Engles como Candy Gulf. Shari Summers como Edith Phern. Tom Skerritt como Garda de Tráfico.
Equipo de cámara e son Cinematografía: John Alonzo
Música A banda sonora é do músico, cantante e compositor Cat Stevens. Inclúe dúas cancións, "Don't Be Shy" (Non sexas tímido) e "If You Want To Sing Out, Sing Out" (Se queres berrar, berra), que compuxo especificamente para a película pero que non foron reproducidas en disco nin casete ata unha década máis tarde en que apareceron no compacto Footsteps in the Dark (Pegadas na escuridade’). A banda sonora de Harold and Maude nunca foi lanzada nos EUA pero si se chegou a producir e vender no Xapón.
A lista de cancións, seguindo a orde na que aparecen no filme é esta: "Don't Be Shy" "On The Road To Find Out" "I Wish, I Wish" "Miles From Nowhere" "Tea For The Tillerman" "I Think I See The Light" "Where Do The Children Play?" "If You Want To Sing Out, Sing Out" "Trouble"
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Adaptación televisiva francesa escrita por Jean-Claude Carrière e dirixida por Jean-Paul Carrère Guía dos lugares de rodaxe
Categoría:Filmes de 1971 Categoría:Filmes dos Estados Unidos de América Categoría:Filmes en lingua inglesa Categoría:Filmes de Paramount Pictures Categoría:Filmes rodados en San Francisco Categoría:Filmes sobre suicidio Categoría:Filmes sobre a vellez Categoría:Filmes preservados no National Film Registry