Etiopía (en amhárico: ኢትዮጵያ, ʾĪtyōṗṗyā, oficialmente República Democrática Federal de Etiopía) é un país situado na parte centroriental de África, no chamado Corno de África. Limita ao norte con Eritrea, ao leste con Djibuti e Somalia, ao sur con Kenya e ao oeste co Sudán e co Sudán do Sur. En 2017 tiña unha poboación estimada de máis de 94 millóns de habitantes, que o converten no segundo país máis poboado de África despois de Nixeria. É o décimo país africano en extensión con 1 104 300 quilómetros cadrados. A súa capital é Adís Abeba, situada uns poucos quilómetros ao oeste do Rift de África Oriental que divide o país entre as placas nubia e somalí.

Etiopía, e tamén Eritrea, usan o alfabeto ge'ez, un dos alfabetos máis antigos do mundo en uso. O calendario etíope, que vai aproximadamente sete anos e tres meses por detrás do calendario gregoriano, coexiste desde hai tempo co calendario borana. A relixión maioritaria é o cristianismo, principalmente a igrexa etíope tewahedo. O histórico reino de Aksum foi un dos primeiros estados en adoptar oficialmente a relixión cristiá. Arredor dun terzo da poboación e musulmá, principalmente da rama sunnita. As relacións do país co islamismo remóntanse aos inicios deste, cando o reino de Aksum acolleu a algúns dos primeiros seguidores de Mahoma que fuxían das persecucións que estaban sufrindo na Meca. De feito a vila de Negash, que naquela época facía parte do reino de Aksum, é considerada como o primeiro asentamento musulmán en África. Ata a década de 1980 houbo unha considerable poboación de xudeus etíopes, coñecidos como Beta Israel. Etiopía é unha nación multilingüe con arredor de 80 grupos etnolingüísticos, dos que os máis numerosos son os oromo, os amháricos, os somalís e os tigriña. A maioría da xente fala linguas afroasiáticas das ramas cuxita ou semítica. Adicionalmente, minorías étnicas que habitan as rexións do sur, falan linguas omóticas. Linguas nilo-saharianas son faladas por minorías étnicas do pobo nilótico. A lingua oromo é a máis numerosa en falantes nativos, mentres que a amhárica é a máis populosa en número total de falantes e serve como lingua de traballo no goberno federal e como lingua franca do país. O ge'ez conserva a súa importancia como lingua litúrxica, tanto para a igrexa etíope tewahedo como para os xudeus de Bete Israel.

A nación é unha terra de contrastes naturais co seu vasto e fértil oeste, os seus bosques e numerosos ríos, e o sitio rexistrado máis quente do mundo en Dallol, no norte do país. O Macizo etíope é o conxunto continuo de montañas máis extenso de África e as Covas de Sof Omar conteñen a cova máis longa do continente. Etiopía é tamén o país africano, xunto con Marrocos e Suráfrica, co maior número de sitios Patrimonio da Humanidade (9). Ademais, Etiopía é membro fundador da Organización das Nacións Unidas, da Organización para a Unidade Africana, do Movemento de Países non Aliñados , do Grupo dos 24 e do Grupo dos 77. Ademais a capital, Adís Abeba, é a sede da Unión Africana, da Comisión Económica para África das Nacións Unidas, da Forza Africana de Intervención Rápida, da Cámara Panafricana de Comercio e Industria, e de moitas ONGs que traballan en África. Desde 1961, cando comezou a guerra de independencia de Eritrea, ata o ano 2008, Etiopía sufriu varios conflitos armados con países limítrofes, tivo que sufocar insurreccións nalgunhas rexións e mesmo aturar unha guerra civil. Esta situación de estado de guerra continuo obstaculizou o progreso da súa economía, porén, durante os últimos anos o país foise recuperando e hoxe é a maior economía e o país máis populoso de África Oriental.

Historia Prehistoria

Algúns achados importantes puxeron a Etiopía e rexións veciñas na vangarda da paleontoloxía. O homínido máis antigo do que se ten constancia, o Ardipithecus ramidus (coñecido popularmente por Ardi), foi descuberto en 1994 en Etiopía onde viviu hai 4,2 millóns de anos. O homínido máis coñecido é un exemplar de Australopithecus afarensis, coñecido por Lucy. Foi descuberto na rexión etíope de Afar en 1974 e é un dos máis completos e mellor conservados fósiles dun Australopitecus adulto xamais atopado. Estímase que viviu hai 3,2 millóns de anos. miniatura|esquerda|Cranio de Homo sapiens idaltu. En Etiopía acháronse tamén algúns dos máis antigos fósiles de Homo sapiens. O máis vello descubriuse no suroeste do país, na formación rochosa de Omo Kibish e calcúlase a súa idade en 200.000 anos. Ademais, encontráronse esqueletos de Homo sapiens idaltu, unha subespecie extinta de Homo sapiens, no val do río Awash, no sitio arqueolóxico do Awash medio, na rexión de Afar. Están datados en aproximadamente 160.000 anos. Recentes escavacións no sitio arqueolóxico de Djebel Irhoud, en Marrocos amosaron fósiles de Homo sapiens máis antigos, de arredor 300.000 anos.

Segundo os lingüistas, os primeiros falantes afroasiáticos chegaron á rexión no neolítico procedentes da área onde se iniciaron estas linguas, probablemente no val do Nilo ou en Oriente Próximo. Outros expertos sosteñen que a familia de linguas afroasiáticas se desenvolveu no Corno de África, e se espallou de aí para outros lugares.

Antigüidade miniatura|200px|Obelisco de Aksum. Etiopía é un dos países máis antigos de África. As súas orixes remóntanse ao segundo milenio antes de Cristo. O sistema de goberno foi a monarquía durante a maior parte da súa historia. A tradición oral conta que a monarquía etíope foi fundada pola dinastía salomónica da Raíña de Saba, baixo o seu primeiro rei, Menelik I.

Arredor do século VIII a.C., un reino coñecido como Damot estableceuse na rexión de Tigray, no norte de Etiopía, e en Eritrea. A capital estaba localizada en Yeha, no norte de Etiopía. Logo da caída de Damot durante o século IV a.C., a rexión foi dominada por pequenos reinos ata que no século I emerxeu o reino de Aksum no que hoxe é a rexión de Tigray e en Eritrea, e que máis tarde estendería o seu poder ao Iemen, na outra beira do Mar Vermello. Fontes gregas refiren que o reino de Aksum era extremadamente rico no século I e a cidade de Adulis é frecuentemente mencionada como un dos máis importante portos de África. Rexistros oficiais, con todo, colocan a cidade de Aksum como a capital. Este reino tiña, no século II dereito a tributo de estados da Península Arábica e conquistara incluso o reino meroítico de Kush, no actual Sudán. Hai indicacións do carácter cosmopolita deste reino, con poboacións xudaicas, nubias, cristiás e mesmo minorías budistas. Unha moeda datada no ano 324 mostra que este reino foi o segundo país en adoptar o cristianismo como relixión oficial despois de o facer Armenia no ano 301.

O reino de Aksum foi declinando gradualmente, feito que foi aproveitado por un dos primeiros estados musulmáns para establecerse na rexión de Shewa. A dinastía Zagüe estableceuse no século X en parte dos territorios que eran do reino de Aksum. Finalmente, en 1270 estableceuse o imperio etíope cuxa existencia se prolongou ata 1974.

Tempos modernos miniatura|250px|Haile Selassie, derradeiro emperador de Etiopía. Deste xeito, Etiopía (ou Abisinia, como era referida polos europeos) nunca foi colonizada polos expansionistas e, no século XIX, foi convidada á Conferencia de Berlín, onde as potencias coloniais decidiron a división de África, e conseguiu manter a súa independencia grazas á vitoria en Adua do emperador Menelik II sobre o exército de invasión italiano. Despois da primeira guerra mundial, Abisinia, gobernada polo emperador Haile Selassie I, integrouse na Liga das Nacións, e apenas perdeu a súa independencia entre 1936 e 1941, cando o exército de Mussolini a invadiu —Italia posuía xa dúas pequenas colonias no corno de África, Eritrea e a Somalia italiana, e tiña vontade de se tornar un imperio, aliándose coa Alemaña nazi— mais o negus recuperouna, despois da segunda guerra mundial, con auxilio da Gran Bretaña (onde se refuxiara) e comezou a modernizar o país. miniatura|200px|esquerda|Meles Zenawi, primeiro presidente despois da caída do Derg. En 1963, Etiopía participou na fundación da Organización da Unidade Africana, que colocou a súa sede en Adís Abeba. No 1974, o emperador foi deposto nun golpe militar, liderado por Mengistu Haile Mariam, mais o goberno despótico que se seguiu, de carácter marxista e dirixido por un comando militar, o Derg, non conseguiu, nin desenvolver, nin estabilizar politicamente o país e, en 1991, este goberno foi deposto por un movemento de guerrilla, comandado por Meles Zenawi, quen foi elixido Presidente interino . En 1993 conseguiu . En 1993 conseguiu negociar a independencia de Eritrea, pondo momentaneamente fin a cerca de 30 anos de guerra.negociar a independencia de Eritrea, pondo momentaneamente fin a cerca de 30 anos de guerra.

Unha Asemblea Constitutiva foi elixida en 1994 e, no ano seguinte, proclamouse a República Federal Democrática de Etiopía e foron convocadas as primeiras eleccións multipartidistas que foron gañadas pola Fronte Democrática Revolucionaria do Pobo Etíope (EPRDF, nas súas siglas en inglés). Negasso Gidada foi elixido Presidente e o líder da EPRDF, Meles Zenawi, foi proclamado Primeiro Ministro, cargo que ocuparía ata a súa morte en 2012.

En 1998, problemas fronteirizos con Eritrea, levaron a ambos os países a unha nova guerra que terminou no ano 2000 coa mediación da ONU e da OUA. Nese mesmo ano houbo novas eleccións, gañando novamente a EPRDF e continuando Meles Zenawi como Primeiro Ministro. Meles Zenawi revalidaría o cargo de Primeiro Ministro nas eleccións de 2005 e 2010. Tras o falecemento de Zenawi en 2012, ocupou o seu posto Hailemariam Desalegn ata as seguintes eleccións de 2015, nas que revalidou o cargo. Logo de tres anos de protestas e disturbios, Hailemariam Desalegn renunciou ao seu cargo o 15 de febreiro de 2018. O 2 de abril de 2018 foi nomeado Primeiro Ministro Abiy Ahmed, declarando que unha das súas prioridades era rematar co conflito fronteirizo con Eritrea, así o 9 de xullo de 2018 ambos países asinaron en Asmara a "Declaración conxunta de paz e amizade entre Eritrea e Etiopía".

Xeografía miniatura|250px|dereita|Mapa de Etiopía. Etiopía está localizada no nordeste de África, entre as latitudes 3º e 15º norte, e as lonxitudes 33º e 48º leste, cunha superficie total de 1 104 300 km2 . É un país sen saída ao mar con 5 311 km de fronteiras terrestres repartidas do seguinte xeito: 912 km con Eritrea, ó norte; 830 km con Kenya, ó sur; 1626 km con Somalia e 337 km con Djibuti, ó leste; e finalmente ó oeste, 723 km con Sudán e 883 km con Sudán do Sur.

Pódense considerar as seguintes rexións orográficas: O macizo etíope ao norte, cunha altitude media de 1 680 m ocupa máis da metade da superficie total do país. Está dividido en dúas partes, estando na parte occidental o pico máis alto do país, o Ras Dashen que se ergue a 4 550 metros de altitude. Os bordos orientais do macizo, de pronunciadas escarpas, caen uns 1 200 m cara a depresión de Danakil; mentres que os bordos occidentais descenden suavemente cara ás áreas desérticas do Sudán. Estas terras altas están atravesadas por numerosos ríos e profundos vales. Un destes ríos é o Nilo Azul (Abay para os etíopes) que, logo despois de nacer, pasa polo lago Tana, o maior do país. No nordeste está o triángulo de Afar, tamén chamado depresión de Afar ou de Danakil. É unha zona desértica e volcánica onde as placas africana e arábica estanse separando. Na súa parte máis baixa chega aos 116 m baixo o nivel do mar. A depresión do Gran Val do Rift corta o país na dirección nordeste-suroeste. Na súa parte central áchanse os lagos Shamo, Abaya e Zwai e o río Awash. A rexión do Ogadén no leste. Está formada por altiplanos semidesérticos. Nos extremos sueste e suroeste, as terras perden altitude ata conectar co lago Turkana, na veciña Kenya.

Organización territorial