Este artigo trata sobre o libro; para outros usos véxase a información sobre o filme e mais o videoxogo.
Harry Potter e a Cámara dos Segredos (en ) é unha novela de fantasía escrita pola autora británica J. K. Rowling. É a segunda novela da saga Harry Potter. O libro continúa a historia de Harry Potter no seu segundo ano na Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería, durante o cal aparecen unha serie de mensaxes nas paredes do colexio advertindo de que a Cámara dos Segredos foi aberta e que o herdeiro de Slytherin ía matar a todos aqueles que non proviñesen de familias máxicas. Estas ameazas descóbrense xusto despois de ataques que deixan petrificados os residentes do colexio. Ao longo do ano, Harry e os seus amigos Ron e Hermione investigan os ataques.
O libro publicouse no Reino Unido o 2 de xullo de 1998 por Bloomsbury e máis tarde nos Estados Unidos o 2 de xuño de 1999 por Scholastic Inc. Publicouse traducido ao galego no mes de novembro de 2002 pola Editorial Galaxia coa tradución de Eva Almazán. Aínda que Rowling declarou que lle resultou difícil rematar o libro, obtivo grandes eloxios e premios da crítica, dos lectores novos e da industria do libro, aínda que algúns críticos pensaron que a historia quizais era demasiado aterradora para os máis pequenos. Do mesmo xeito que con outras novelas da serie, Harry Potter e a Cámara dos Segredos desencadeou debates relixiosos; algunhas autoridades relixiosas condenaron o seu uso de temas máxicos, mentres que outras eloxiaron a súa énfase no sacrificio propio e na forma en que o carácter é o resultado das eleccións.
Varios comentaristas sinalaron que a identidade persoal é un tema importante no libro e que recolle cuestións de racismo a través do tratamento de persoas non humanas, non máxicas e non vivas. Algúns comentaristas consideran que o diario máxico que responde é unha advertencia contra a aceptación acrítica de información procedente de fontes cuxos motivos e fiabilidade non se poden comprobar. A autoridade institucional preséntase como egoísta e incompetente.
A versión cinematográfica, estreada en 2002, converteuse (naquela época) no quinto filme con maior recadación da historia e recibiu valoracións positivas por parte da crítica. Tamén se lanzaron videoxogos baseados libremente en Harry Potter e a Cámara dos Segredos para varias plataformas, e a maioría deles obtiveron críticas favorables.
Sinopse miniatura|esquerda|250px|Coche voador dos Weasley. Mentres pasa o verán cos Dursley, Harry Potter, de doce anos, recibe a visita de Dobby, un elfo doméstico. Dobby di que Harry está en perigo e debe prometer non volver a Hogwarts. Cando Harry se nega, Dobby usa a maxia para destruír un pudin feito pola tía Petunia. Crendo que Harry creou a lea, o tío Vernon encérrao no seu cuarto. O Ministerio de Maxia envía un aviso acusando a Harry de realizar maxia sendo menor de idade e ameazando con expulsalo de Hogwarts.
Os irmáns Weasley Ron, Fred, e George chegan no coche voador do seu pai e levan a Harry á súa casa. Cando Harry e os Weasley van a Travesa Diagon a buscar material escolar, coñecen a Gilderoy Lockhart, un autor famoso que é o novo profesor de Defensa contra a Maxia Negra. Na Estación de King's Cross, Harry e Ron non poden entrar na Plataforma 9¾ para abordar o Hogwarts Express, polo que voan a Hogwarts no coche encantado.
Durante o curso escolar, Harry escoita unha voz estraña que sae dos muros do castelo. O gato de Argus Filch atópase petrificado, xunto cunha advertencia na parede que di que a Cámara dos Segredos fora reaberta e que o herdeiro de Slytherin mataría todos os alumnos cuxos pais fosen muggles. Harry descobre que a Cámara supostamente contén un monstro que ataca os estudantes fillos de muggles, e que só o Herdeiro de Slytherin pode controlar. Durante un partido de quidditch, unha bludger maliciosa golpea a Harry, rompéndolle o brazo. O profesor Lockhart fracasa nun intento de reparalo, o que envía a Harry ao hospital. Dobby visita a Harry e revélalle que foi el quen enmeigou a bludger e selou o portal de King's Cross. Tamén di a Harry que os elfos domésticos están obrigados a servir a un amo e que non poden ser liberados a menos que o seu amo lles dea unha peza de roupa.
Despois doutro ataque do monstro, os estudantes asisten a unha clase de duelo. Durante a clase, Harry mostra a rara habilidade de falar pársel, a lingua das serpes. Myrtle a Choricas, unha pantasma do baño das rapazas, móstralle a Harry e aos seus amigos un diario que algúen lle tirou. Pertencía a Tom Riddle, un estudante que foi testemuña da morte doutro estudante cando se abriu a Cámara por última vez. Durante o seguinte ataque do monstro, Hermione Granger queda petrificada.
miniatura|250px|Diario de Tom Riddle. Harry e Ron descobren que o monstro é un basilisco, unha serpe xigantesca que pode matar as súas vítimas cunha mirada directa e petrificalas cunha mirada indirecta. Harry decátase conta de que o Basilisco está a producir a voz que escoita nas paredes. Despois de que a irmá de Ron, Ginny, sexa secuestrada e levada á Cámara, Harry e Ron descobren a entrada da Cámara no baño de Myrtle. Cando obrigan a Lockhart a entrar con eles, confesa que as historias que contaba das súas heroicas aventuras son inventos. Intenta borrar as lembranzas dos rapaces, pero o seu feitizo falla e borra a súa propia memoria.
Harry atopa unha Ginny inconsciente na Cámara. Aparece unha manifestación de Tom Riddle e revela que é Lord Voldemort e o Herdeiro de Slytherin. Despois de explicar que abriu a Cámara, Riddle convoca o basilisco para que mate a Harry. Chega o fénix de Dumbledore Fawkes, traendo a Harry o Sombreiro Escolledor. Mentres Fawkes cega o basilisco, Harry saca a Espada de Gryffindor do Sombreiro. Mata a serpe, despois apuñala o diario cun cairo de basilisco, destruíndoo xunto coa manifestación de Riddle. Máis tarde, Harry libera a Dobby enganando ao seu amo para que lle dea roupa. Ao final da novela, os estudantes Petrificados son curados e Gryffindor gaña a Copa das Casas.
Publicación e acollida Desenvolvemento J.K Rowling tivo dificultades para rematar Harry Potter e a Cámara dos Segredos porque tiña medo de que non cumprise as expectativas alcanzadas despois de Harry Potter e a pedra filosofal. Despois de entregar a tempo o manuscrito a Bloomsbury, revisouno de novo durante seis semanas.
Nos primeiros bosquexos do libro, a pantasma de Nick Case Decapitado cantaba unha canción composta por el que explicaba a súa condición e as circunstancias da súa morte. Esta parte foi suprimida por petición do editor, pero publicouse como material extra na páxina web oficial de J. K. Rowling. A historia da familia de Dean Thomas tamén foi eliminada porque Rowling e os editores a consideraron unha "digresión innecesaria", á vez que considerou que a propia viaxe de descubrimento de Neville Longbottom era "máis importante para a trama central".
O personaxe de Gilderoy Lockhart inspirouse nun coñecido de Rowling que, segundo as súas palabras, era "aínda máis censurable que o seu homólogo ficticio" e "adoitaba contar unhas fantásticas falacias sobre a súa vida pasada, todas elas deseñadas para demostrar que era unha persoa marabillosa, valente e brillante".
Publicación Harry Potter e a Cámara dos Segredos publicouse no Reino Unido o 2 de xullo de 1998 e nos Estados Unidos o 2 de xuño de 1999. Inmediatamente ocupou o primeiro lugar nas listas dos máis vendidos do Reino Unido, desprazando a autores populares como John Grisham, Tom Clancy e Terry Pratchett, e convertendo a Rowling na primeira autora en gañar os Premio British Book ao Libro Infantil do Ano durante dous anos consecutivos. En xuño de 1999, pasou directamente ao primeiro lugar das tres listas dos máis vendidos dos Estados Unidos, incluíndo The New York Times.
As impresións da primeira edición tiñan varios erros, que foron corrixidos en reimpresións posteriores. Inicialmente, Dumbledore dixo que Voldemort era o derradeiro devanceiro que quedaba de Salazar Slytherin no canto do seu descendente. O libro de Gilderoy Lockhart sobre os lobishome titúlase Weekends with Werewolves nun momento e Wanderings with Werewolves máis tarde no libro.
Resposta da crítica Harry Potter e a Cámara dos Segredos recibiu unha aclamación case universal. En BookBrowse, unha páxina que recolle recensións de libros como recensións de medios de comunicación, o libro recibiu unha cualificación de a partir da "opinión dos críticos".
miniatura|200px|Mandrágora, empregada para curar a petrificación das vítimas do basilisco. En The Times, Deborah Loudon describiuno como un libro para nenos que sería "relido ata a idade adulta" e destacou os seus "argumentos fortes, personaxes atractivos, excelentes brincadeiras e unha mensaxe moral que flúe naturalmente da historia". O autor de fantasía Charles de Lint estivo de acordo e considerou que o segundo libro de Harry Potter era tan bo como Harry Potter e a pedra filosofal, un logro raro entre as series de libros. Thomas Wagner considerou a trama moi semellante á do primeiro libro, baseada na procura dun segredo agochado baixo a escola. Porén, gostou da parodia das celebridades e dos seus seareiros que se centra en Gilderoy Lockhart, e aprobou o manexo do racismo no libro. Tammy Nezol describiu o libro como máis perturbador ca o seu predecesor, particularmente no comportamento temerario de Harry e os seus amigos despois de que Harry ocultase información a Dumbledore, e no comportamento humano das mandrágoras utilizadas para facer unha poción que cura a petrificación. Porén, considerou a segunda historia tan agradable como a primeira.
Mary Stuart pensou que o conflito final con Tom Riddle na Cámara era case tan arrepiante como nalgunhas das obras de Stephen King, e quizais demasiado forte para nenos pequenos ou tímidos. Comentou que "hai sorpresas e detalles imaxinativos abondos como para encher normalmente cinco libros menores". Do mesmo xeito ca outros críticos, pensou que o libro compracería tanto aos lectores infantís como adultos. Segundo Philip Nel, as primeiras recensións do libro eloxiárono sen disimulo, mentres que as posteriores incluíron algunhas críticas, aínda que todas coincidieron en que o libro era excelente.
miniatura|esquerda|200px|Fawkes, o fénix de Dumbledore. Graeme Davis, quen escribiu críticas dos sete libros da saga logo de que foran publicados, considerou Harry Potter e a Cámara dos Segredos como o máis débil da serie, e coincidiu en que a estrutura da trama é moi semellante á de Harry Potter e a pedra filosofal. Tamén describiu a aparición de Fawkes en axuda de Harry como un deus ex machina: dixo que o libro non explica como Fawkes sabía onde atopar a Harry; e o momento de aparición de Fawkes tiña que ser moi preciso, xa que chegar antes probablemente impediría a batalla co basilisco, mentres que chegar máis tarde sería fatal para Harry e Ginny.
Premios e recoñecementos Harry Potter e a Cámara dos Segredos de Rowling recibiu varios premios. A Asociación de Bibliotecas dos Estados Unidos de América incluíu a novela entre os seus 2000 Notable Children's Books, así como entre os mellores libros para mozos. En 1999, Booklist nomeou Harry Potter e a Cámara dos Segredos como unha das opcións dos seus editores, e como unha das súas dez mellores novelas fantásticas para a xuventude. O Centro Cooperativo de Libros Infantís incluíu a novela como CCBC Choice do ano 2000 na categoría "Ficción para nenos". A novela tamén gañou o Premio ao Libro Infantil Británico do Ano, e foi preseleccionado para o Premio Guardian Infantil de 1998 e o Premio Carnegie de 1998.