San Vicente da Sariña é unha parroquia do concello de Chantada, situada preto da ribeira do río Miño, a 2 km da ponte de Portotide, e a 6 km da vila de Chantada. Segundo o INE e o IGE en 2019 tiña 26 habitantes. Ten unha superficie de 1,14 km².

Economía As principais actividades desta parroquia baséanse na explotación dos recursos naturais propios desta terra; así, os seus habitantes dedicáronse dende sempre á venda de produtos naturais como os tomates, patacas, froita de tempada etc, nas feiras e mercados máis próximos e coñecidos, como son os de Chantada e Escairón, aínda que tamén existe actividade gandeira e sobre todo vitivinícola, debido en gran parte á cultura do viño promovida pola proximidade da coñecida Ribeira Sacra lucense.

Pódese apreciar certa actividade artesá, pois era a xente da parroquia quen facía coas súas propias mans as cestas para a recollida das uvas na vendima ou as olas de vimbio.

Patrimonio A pesar de se tratar dunha pequena parroquia, destaca a súa fermosa igrexa, coñecida como Igrexa de Santa María da Sariña. Construída na primeira metade do século XVIII, presenta planta e ábsida rectangulares. Os muros son de cantaría de granito e a cuberta a dúas augas. A fachada, que se remata cunha espadana de dous vans, responde a características barrocas, cun frontón partido pola espadana e un gran óculo central. No lado norte atopamos un altar exterior pegado ó muro, cunha imaxe da Virxe sobre un podio, todo isto en pedra. Dentro impresiona o maxestoso altar que a domina. Esta igrexa xurdiu en principio como unha ermida de peregrinación. Era coñecida ata hai ben pouco a romaría do día 9 de setembro, que actualmente vai a menos a pesar dos esforzos dos escasos párrocos para atender as numerosas parroquias da zona.

Galería de imaxes

Lugares e parroquias Lugares da Sariña

Parroquias de Chantada

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Chantada

Notas

Categoría:Parroquias de Chantada Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Vicente