miniatura|Manuel Romón, Antón Reixa e Alberto Avendaño: Rompente. Presentación de Que hostia din os rumorosos? da Libraría Miranda de Bueu o 23/08/2021

O Grupo de Comunicación Poética Rompente foi creado en 1975 por Alfonso Pexegueiro, Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manuel M. Romón, e a el estiveron vencellados de maneira máis fugaz Camilo Valdehorras e Xosé Leira López.

Traxectoria Rompente comezou en 1975 cando no verán deste ano Pexegueiro coñece a Antón Reixa e fálalle de crear un Grupo de Poesía en Galicia. Antes, Pexegueiro, fixera a proposta de crear un Grupo de Poesía a Darío Xohan Cabana, que nese momento por razóns persoais non podía. Darío presentolle entón a Méndez Ferrín e este a Antón Reixa, quen despois de pensalo durante uns días, aceptou. O primeiro recital dérono Pexegueiro e Reixa en outubro de 1975 no IES Valle Inclán de Pontevedra.

En decembro de 1975 preparouse a edición de Seraogna na casa do pintor Vázquez Diéguez, en Pontevedra; imprimiuse na imprenta Paredes, e saíu á rúa o 10 de maio de 1976, sendo a primeira publicación de Rompente. Este primeiro núcleo -formado xa por Pexegueiro, Reixa, Romón e Avendaño- preparou manifestos, recitais e interviu poeticamente en festas e manifestacións. Dese momento son as Follas de resistencia poética (1976-77). En maio de 1976 Rompente foi convidado á homenaxe que Los Pueblos de España lle fixeron a Miguel Hernández en Orihuela, do 17 ao 27 de maio. Ata alí se desplazaron Alfonso Pexegueiro, Antón Reixa e a súa compañeira, Enma Pino, e Alberto Avendaño. Rompente tivo tres actuacións, o 22, 23 e 24 de maio. A primeiros de 1978, Pexegueiro marchou do Grupo. En 1977 vertebrouse como grupo cohesionado esteticamente que quere controlar a comunicación literaria dunha maneira total, polo que se constituíron como editores alternativos publicando Seraogna de Pexegueiro e Con pólvora e magnolias de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Pasou a chamarse Colectivo de Comunicación Poética Rompente comportándose como unha factoría poética e asumindo como propia a vangarda como actitude. O seu concepto integral da creación levounos a montar diversos espectáculos poéticos que se presentan en institutos e festivais de música: Moisés e a Mona, A tristeza de Ezza e A Dama que fala. Desta época data a publicación de varios libros de poesía asinados polo colectivo e outros por cada un dos poetas.

Cultivaron moitas das modalidades da poesía experimental, especialmente as empregadas polo dadaísmo: poesía fonética, disolución dos xéneros literarios, espontaneidade...

O grupo desfíxose en 1983. Volveron xuntarse en 2021 para publicar Que hostia din os rumorosos?, ilustrado e deseñado por Menchu Lamas, Rubén Romero e Antón Patiño, con limiar do músico Julián Hernández, de Siniestro Total.

Publicacións Publicacións e libros colectivos Seraogna (1976) "Crebade as liras" (1976) "Follas de resistencia poética Nº4" (1977) Silabario da turbina (1977). ¡Fóra as vosas sucias mans de Manuel Antonio! (1979). A dama que fala, Xerais (1983). Que hostia din os rumorosos? (2021). Editorial Elvira.

Libros individuais Alberto Avendaño, Facer pulgarcitos tres (1979). Antón Reixa, As ladillas do travestí (1979). Manuel M. Romón, galletas kokoschka non (1979).

Antoloxías En 1998 Xerais publicou Upalás, unha antoloxía do Grupo poético, realizada por Iris Cochón e Helena González.

Notas

Véxase tamén Bibliografía Diccionario da literatura galega. IV Termos e institucións literarias. Vigo: Galaxia, 2003.

Ligazóns externas A mediados dos anos setenta, "Rompente" un grupo de afoutos mozos rachou todas as convencións da poesía galega CCG. Rompente, 'poderosa pomada' de Helena González Fernández

Categoría:Grupos literarios de Galicia Categoría:Poesía