Fernando Echavarri Erasun, nado en Santander o 13 de agosto de 1971, é un regatista galego de orixe cántabra, campión mundial da clase tornado. Criado en Pontevedra, compite no Real Club Náutico de Sanxenxo, habitualmente facendo parella na clase tornado con Antón Paz.

Traxectoria Fillo dun médico santanderino trasladado a Pontevedra, medrou como deportista en Galicia: aos oito anos xa practicaba a vela na ría. Echavarri comezou navegando na clase infantil optimist e aos 15 anos pasa a láser, categoría que cinco anos despois (1992) é sinalada como olímpica para os vindeiros Xogos de Atlanta.

En primavera de 1993, entra por primeira vez no equipo preolímpico de España como número dous da clase láser, e proclámase subcampión estatal en 1994, 1995 e 1996. Non participa nos Xogos de Atlanta, e en 1997 forma equipo con Antón Paz na clase tornado para tentar acceder aos Xogos de Sydney, pero quedaron cualificados como equipo B e non acudiron á cita olímpica.

A primeira participación olímpica de Echavarri e Paz ten lugar en 2004, onde obteñen unha oitava praza. En 2005 proclámanse campións do mundo de tornado en La Rochelle, campións de Europa en Vastervik e de España en Palma (triunfo este que obtiveron consecutivamente dende 2000 a 2007), e dominan a maior parte das probas do circuíto euroolímpico. Por iso a ISAF os nomea mellores navegantes do ano e concédelles o Rolex-ISAF ao Regatista Mundial do Ano.

En 2006 participa Echavarri en tres tiradas da edición de 2005-06 da Volvo Ocean Race dentro da tripulación do barco español Movistar, e en clase tornado consegue, sempre canda Paz, o campionato Suramericano e a sexta posición no mundial, celebrado nas augas arxentinas de San Isidro. Pero o máximo trofeo mundial volveu ao seu barco en 2007, neste caso nas augas portuguesas de Cascais, o que lles outorgou a clasificación directa para os Xogos de Beixín.

Principais títulos Medalla Olímpica de Ouro na clase tornado nos Xogos Olímpicos de 2008 Campión do mundo de tiger en 2005 Campión do mundo de tornado en 2005 e 2007 Elixido, canda Antón Paz, mellor regatista do mundo en 2005 pola Federación Internacional de Vela Sétimo clasificado, e diploma olímpico, na proba de clase tornado dos Xogos Olímpicos de Atenas Campión de España na categoría tornado en todas as tempadas entre 2000 e 2007 Cuarto clasificado na Spa Regatta (2001) e no Campionato de Europa de Cagliari de clase tornado (2003).

Véxase tamén Ligazóns externas

Ranquin mundial da Federación Internacional de Vela (en inglés)

Categoría:Regatistas olímpicos de Galicia Categoría:Medalla de Ouro da Real Orde do Mérito Deportivo Categoría:Medallistas olímpicos de Galicia Categoría:Nados en Santander Categoría:Nados en 1971 Categoría:Personalidades sen imaxes Categoría:Medallistas olímpicos en vela Categoría:Medallistas olímpicos de ouro por España Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 2008 Categoría:Regatistas nos Xogos Olímpicos de 2004 Categoría:Regatistas nos Xogos Olímpicos de 2008 Categoría:Regatistas nos Xogos Olímpicos de 2016