Alfredo Pérez Rubalcaba, nado o 28 de xullo de 1951 en Solares e finado en Majadahonda o 10 de maio de 2019, foi un político cántabro pertencente ó Partido Socialista Obrero Español. Era doutor en Ciencias Químicas e foi profesor universitario na Universidade Complutense. Foi Ministro de Educación e Ciencia (1992 - 1993) e Ministro da Presidencia (1993 - 1996). Na V lexislatura foi deputado por Toledo, e despois pasou a selo por Madrid nas eleccións de 1996 e de 2000, por Cantabria en 2004 e por Cádiz en 2008. Entre abril de 2006 e xullo de 2011 foi Ministro do Interior e dende outubro de 2010 até xullo de 2011 foi ademais voceiro do Goberno e vicepresidente primeiro.
Traxectoria Alfredo Pérez Rubalcaba ingresou no PSOE en 1974, no que comezou a colaborar na Federación Socialista Madrileña e, máis tarde, nas comisións de Ensino e Investigación tanto do partido coma do Grupo Parlamentario Socialista.
Coa chegada ó Goberno do PSOE en 1982, Rubalcaba asumiu distintos cargos relacionados coa universidade e a educación. De feito, en 1988 foi nomeado Secretario de Estado de Educación, e entre 1992 e 1993 foi nomeado ministro de Educación e Ciencia. Tralas eleccións xerais de 1993, o daquela presidente do Goberno, Felipe González, nomeouno ministro da Presidencia e de Relacións coas Cortes (carteira de nova creación), cargo no que se mantivo ata as eleccións xerais de 1996.
Nas xerais de marzo de 1996, que o PSOE perdeu fronte ó PP, Rubalcaba resultou elixido deputado por Madrid.
Un ano máis tarde, no XXXIV Congreso do PSOE, foi elixido membro da Executiva e secretario de Comunicación. A súa inclusión nas listas do partido por parte do por entón secretario xeral do PSOE, Joaquín Almunia, veu a refrendar a súa notable importancia no partido na nova etapa. De feito, Rubalcaba foi un dos principais encargados de manter contactos co goberno popular sobre ETA a raíz da tregua de 1999.
No XXXV Congreso socialista, no que José Luis Rodríguez Zapatero foi elixido novo secretario xeral do PSOE, Rubalcaba entrou a formar parte do Comité Federal do partido. Nesta etapa, encabezou a delegación socialista que acordou co PP o denominado Pacto polas Liberdades e contra o Terrorismo, asinado en decembro de 2000.
Nas eleccións xerais de marzo de 2004, Rubalcaba foi responsable da Estratexia Electoral do PSOE, e máis tarde foi nomeado voceiro do Grupo Socialista no Congreso dos Deputados. O 11 de abril de 2006 substituíu a José Antonio Alonso Suárez á fronte da Carteira de Interior. Este relevo produciuse tralo "alto o fogo" da banda terrorista ETA. A partir de 2010 sumoulle tamén a vicepresidencia do goberno e mais o cargo de voceiro, que desempeñou ata uns meses antes das eleccións xerais de 2011, nas que Rubalcaba encabezou a candidatura do PSOE á presidencia do goberno.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Biografías de Altos Cargos en archive.org. Ministerio do Interior
Categoría:Vicepresidentes do goberno de España Categoría:Ministros do Interior de España Categoría:Ministros da Presidencia de España Categoría:Personalidades de Cantabria Categoría:Nados en 1951 Categoría:Nados en Solares Categoría:Profesores da Universidade Complutense de Madrid Categoría:Políticos do PSOE Categoría:Finados en 2019 Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (X Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (IX Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (VIII Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (VII Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (VI Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (V Lexislatura)