José Daniel Ortega Saavedra, nado en La Libertad (Chontales) o 11 de novembro de 1945, é un ex-guerrilleiro e político nicaraguano, copresidente do seu país. Ortega foi comparado con Somoza e sinalado como autoritario tanto por medios de comunicación como políticos e activistas.
Traxectoria Daniel Ortega foi un dos comandantes da guerrilla do Fronte Sandinista de Liberación Nacional (FSLN), organización que combateu a ditadura de Anastasio Somoza Debayle até que o 19 de xullo de 1979 conseguiu derrotala militarmente (Revolución Sandinista) instaurando un goberno de unidade nacional que tomou o nome de Xunta de Reconstrución Nacional (goberno do que forma parte Daniel Ortega) no que, ademais dos sandinistas, estaban representados as principais formacións contrarias á ditadura.
Desfeito o goberno de unidade por diferenzas internas, Ortega foi escollido presidente do país en 1984. O seu goberno, de orientación claramente progresista, conseguiu mellorar a calidade de vida da poboación pero tivo que facer fronte á oposición armada das forzas contrarevolucionarias de dereitas, contras, instruídas pola CIA e financiadas polo Goberno dos Estados Unidos.
Nas eleccións presidenciais de 1990 Ortega foi derrotado por unha escasa marxe de votos, debido a unha alianza de 14 partidos políticos antisandinistas liderados por Violeta Chamorro. Dezasete anos despois, nas eleccións do 5 de novembro de 2006, Daniel Ortega foi novamente escollido presidente.
En 2018 tiveron lugar protestas cívicas que deron lugar a unha crise política e que foron duramente reprimidas polo goberno de Ortega. Houbo posteriores protestas para pedir a liberación de "presos políticos" e pedindo "eleccións xustas e transparentes" contra o goberno, que rematou sen negociar e continuo con Ortega no poder.
Nas eleccións de novembro de 2021 Daniel Ortega foi reelixido para un cuarto mandato de cinco anos co 75 % dos votos, segundo os primeiros resultados oficiais parciais publicados polo Consello Supremo Electoral. Durante esta campaña leváronse a cabo detencións de opositores e a anulación da personalidade xurídica de algúns partidos, imposibilitando a súa participación. Ademais, a oposición tomou a decisión de non participar nos comicios. Varios países europeos e latinoamericanos, así como Canadá e Estados Unidos, criticaron as eleccións considerándoas "fraudulentas".
As protestas de abril de 2018 propiciaron unha crise política coa emigración de máis de 30.000 nicaraguanos a Costa Rica, arrestos a opositores de medios e ONG, así como persecución á comunidade católica e a ilegalización de máis de 5.000 organizacións da sociedade civil, segundo datos de Human Rights Watch, Amnistía Internacional e a Asociación Centroamericana para o Desenvolvemento e a Democracia.
En 2024 un xuíz arxentino ordenou a súa captura internacional, e tamén da súa esposa e copresidenta, Rosario Murillo, así como a unha ducia de colaboradores pola "violación sistemática de dereitos humanos en Nicaragua".
Notas
Véxase tamén Outros artigos
Categoría:Nados en 1945 Categoría:Nados no departamento de Chontales Categoría:Presidentes de Nicaragua