O arroaz, Tursiops truncatus (Montagu 1821), é, entre todos os golfiños, a especie máis común e máis coñecida, porque adoita achegarse á costa e entrar no interior das rías, debido a que o seu comportamento social a achega ás proximidades dos barcos e mesmo dos nadadores, e porque é a que mellor se adapta ás condicións de catividade dos delfinarios, o que o converteu no protagonista habitual destes espectáculos.

Está presente en augas quentes e temperadas de todo o mundo, en todos os océanos excepto no Ártico e no Antártico.

Sinonimia Científica A especie foi descrita en 1821 por George Montagu, que a denominou Delphinus truncatus.Tursiops truncatus (Montagu, 1821) en SIIT. Máis tarde foi reclasificada dentro do xénero Tursiops, que fora definido por Paul Gervais en 1855.

Vulgar Galego: arroaz , arroás, bota, boto, botiña, botiño, bufa, bufo, bufana.Ríos Panisse, M. C. (1983), pp. 16-17. Portugués: arroaz, roaz, roaz-corvinheiro, golfinho-nariz-de-garrafa. Por extensión, chámase "arroaz negro" á Pseudorca crassidens. Castelán: delfín mular, tursión, delfín nariz de botellaTradución directa do seu nome inglés, sen ningún uso popular, toniña, arroaz Inglés: Bottlenose dolphin.

Francés: grand dauphin.

Descrición O corpo é fusiforme, robusto, dun tamaño moi variable segundo as poboacións que se estuden, e que oscila, nos adultos, entre os 2 e os 4 m; o peso oscila entre os 275 e os 650 kg, sendo os machos máis grandes e máis pesados que as femias ás mesmas idades. O corpo é robusto, co terzo posterior comprimido lateralmente.

A cor da pel é gris escura a negra, uniforme, con degradacións a gris abrancazado na cara inferior da cabeza e no ventre. As aletas dorsal, caudal e pectorais adoitan seren máis escuras que o resto da pel.

A aleta dorsal é central, de ancha base e bordo traseiro escotado, dándolle unha forma falciforme. A aleta caudal mostra unha escotadura central ben definida. O pedínculo caudal é groso.

O fociño, curto e romo (en comparación co fociño do golfiño común), destaca claramente da cabeza, cunha prega ben marcada que o delimita do melón; desta característica deriva o nome de delfín nariz de botella, que quere recoller a semellanza co colo dunha botella. A boca debuxa un sorriso característico que non se aprecia noutras especies de delfínidos. Os dentes son cónicos e fortes, en número de 20 a 25 por hemimandíbula.

Reprodución A madurez sexual alcánzase ós 11 anos nos machos e 12 anos nas femias, cunha xestación de ó redor de 12 meses seguida dunha lactación de 12 a 18 meses. A cría mide ó redor de 80–100 cm no momento do nacemento.

Alimentación Os arroaces aliméntanse de diferentes especies de peixes e de cefalópodos (luras), incluíndo tamén na dieta algún crustáceo. Tamén é posible que coman do peixe capturado nunha rede, chegando a romper as mallas, o que explicaría a tradicional aversión que lles teñen moitos pescadores. Poden mergullarse buscando comida ata os 100 m de profundidade.

Distribución Está presente en todos os océanos do mundo, excluíndo as augas circumpolares. É moi común nas costas galegas (sobre todo na beira occidental, sendo máis escasos na costa cantábrica) e disponse de numerosa información visual da súa presenza no interior das rías galegas. Tamén hai numerosas citas de varamentos desta especie, moito máis abundantes nas rías Baixas.

Distribúese en poboacións costeiras, que habitan na plataforma continental a profundidades de entre os 100 e os 200 m; e poboacións oceánicas, que habitan en augas profundas en mar aberto. Hai algunhas diferenzas entre ambas as poboacións, sendo os costeiros algo máis pequenos, e de corpo máis delgado, que os espécimes que viven en mar a fóra.Carwardine, M. (1995), pp. 192-193.

Tamén en Galicia se coñece a existencia destas dúas poboacións, a costeira, residente, que vai buscando bancos de peixe ó longo da costa, con incursións nas rías; e a oceánica, que pode chegar a desaparecer segundo as estacións do ano. Sábese igualmente que existe un constante intercambio entre exemplares dunha e doutra poboacións e que a presenza de crías é unha constante na poboación costeira.

Comportamento miniatura|esquerda|300px|Arroaz saltando sobra a auga (nótese o espiráculo aberto). O arroaz é un excelente nadador e gusta de saltar sobre as augas aproveitando o impulso das ondas. As inmersións adoitan durar entre 3 e 4 min, ata un máximo de 8.

Adoitan vivir en grupos ou mandas de 12 ou máis exemplares, que forman unha unidade familiar estable, dirixida por unha femia adulta e que conta con nais, crías e subadultos. Os machos adultos viven illados ou en grupos moi reducidos (2-3 exemplares) e pouco estables. Ás veces, estes grupos familiares agrúpanse en mandas de centos de exemplares. Tamén se viu que forman mandas conxuntas con outros cetáceos, como caldeiróns e, ocasionalmente, con baleas e xibardos.

Os arroaces son especialmente sociais e parecen trasladar esta relación ó home, sendo frecuente que se acheguen á estela dos barcos ou ós nadadores.

Parece ser que, en ocasións, chegaron a salvar a náufragos manténdoos a flote e está documentado o salvamento de catro persoas en Nova Zelandia cando estaban a ser atacados por un gran tiburón branco.Dolphins prevent NZ shark attack en BBC News.

En calquera caso, isto non impide que teñan tamén comportamentos agresivos entre si, con loitas entre os machos para o acceso ás femias. De feito, son frecuentes as marcas e cicatrices na pel dos adultos. Tamén se sabe de ataques a quenllas e a toniñas (outro cetáceo de tamaño notablemente inferior).

A lonxevidade estimada é duns 30 anos os machos e 40 anos as femias.

Comunicación O biólogo galego Bruno Díaz, do Bottlenose Dolphin Research Institute no Grove, estudou a comunicación vocal dos arroaces na costa noroeste de Sardeña, debido á menor densidade de poboación comparada coa costa galega. A investigación revelou que, durante a época de apareamento, as parellas mixtas aumentan a produción de sons, posibelmente para o cortexo. Ademais, entre os arroaces do mesmo sexo, a comunicación varía segundo a proximidade da súa relación, sendo menor entre os máis afíns. O estudo tamén atopou que os asubíos, usados para a cohesión grupal e coordinación de actividades como a alimentación, cambian segundo o ruído ambiental, adaptando os arroaces a lonxitude e o ton dos seus sons para se comunicar eficazmente en condicións ruidosas.

Caza miniatura|dereita|150px|Arroaz adestrado pola Mariña norteamericana para detectar minas submarinas. Ver tamén Caza de baleas

O arroaz foi capturado abundantemente para aproveitar a súa carne nos Estados Unidos e no Xapón, país este onde se segue cazando como recurso pesqueiro (neste vídeo pódese ver un exemplo desta caza).

Tamén se cazaron no océano Pacífico oriental e no mar Negro.

Ademais da caza voluntaria, outra causa de morte inducida pola acción humana son as capturas accidentais cando quedan enmallados nas redes de pesca, causa da maioría dos varamentos identificados, e as producidas por restos de rede que aboian no mar.

E, a maiores, está a caza de exemplares vivos para fornecer os delfinarios.

Aínda así, a poboación de arroaces mantense en niveis elevados, e por iso a UICN cualificou en 2008 o estado de conservación da especie como "LC" (pouco preocupante).Hammond, P. S., Bearzi, G., Bjørge, A., Forney, K., Karczmarski, L., Kasuya, T., Perrin, W. F., Scott, M. D., Wang, J. Y., Wells, R. S. & Wilson, B. (asesores) (2008): Turisop truncatus na "Lista vermella" de especies ameazadas da UICN.

Cornide, en 1788, dicía que:

Por outra parte, descríbese no dicionario de Eladio Rodríguez:

De feito, o propio Sarmiento insistiu en varias cartas ó seu irmán, en 1757 e 1758, na conveniencia de organizar batidas de arroaces (como se facían contra o lobo) aproveitando a época na que entraban nas rías, fenómeno que el explicaba erroneamente por cousa dunha membrana que se lles poñía nos ollos deixándoos cegos.

O arroaz na cultura popular

Fraseoloxía Calarás, arroás!: dise ó que non para de rosmar, alborotar e facer ruído. Haber arroases no mar: haber moita maruxía (en Cariño) Parecer un arroás/arroaz: dise dunha persoa forte, moi gorda

Refraneiro

Arroases na ría, boureles tiran. Arroaces na ría, moita sardiña. Candorcas na ría, arroases á costa. O arroás na ría, miña nai, para a casa. Os arroaces brincan no mar? Forte norte vai dar / van dar. Os arroaces brincan no mar, forte norte vai dar / van dar / vai entrar Tramalleiros ó mar, arroaces ó par.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Carwardine, M. (1995): Ballenas, delfines y marsopas. Guía visual de todos los cetáceos del mundo Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1037-3. López, A., Dacosta, M. e Barreiro, A. (CEMMA) (1993): Achegándonos aos mamíferos mariños. Natureza Galega. Penas Patiño, X. M. e Piñeiro Seage, A. (1989): Cetáceos, focas e tartarugas mariñas das costas ibéricas. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Consellería de Pesca. Quiroga Lorenzo, H. (1996): Guía de cetáceos. Madrid: Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. Ríos Panisse, M. C. (1983): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II. Mamíferos, aves y algas. Verba, Anexo 19. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-291-0.

Outros artigos Catálogo galego de especies ameazadas Gaspar

Ligazóns externas The Bottlenose Dolphin Research Institute BDRI: Golfiños, Educación e Investigación

Categoría:Delphinidae Categoría:Mamíferos de Galicia Categoría:Animais descritos en 1821