Fernando de Acuña y de Herrera, falecido en Sicilia en 1495, foi o primeiro gobernador e xustiza maior do reino de Galicia entre 1480 e 1484, nomeado polos reis Católicos co obxectivo de pacificar un reino conflitivo e permanentemente en pé de guerra. A súa decisión máis discutida e aínda hoxe non aclarada foi a de executar o mariscal Pardo de Cela en 1483. Traxectoria Fillo segundo de Pedro de Acuña, I Conde de Buendía (desde 1475), señor da Vila de Dueñas, e Garda Maior do rei Xoán II; e de Inés de Herrera, o seu tío foi Alonso Carrillo (1410-1482), Arcebispo de Toledo. Distinguiuse en accións militares ao servizo dos monarcas casteláns e chegou a Garda Maior e Gran Privado dos Reis Católicos.

Por Real Cédula do 3 de agosto de 1480, os Reis nomean a Fernando de Acuña e a Garci López de Chinchilla «nuestros jueces en todo el dicho reyno de Galicia, en quanto nuestra merced e voluntad fuere», con atribucións amplas esencialmente xudiciais, pero tamén de goberno por canto tiña a autoridade propia dun período de excepciónLaura Fernández Vega, La Real Audiencia de Galicia como órgano de gobierno durante el Antiguo Régimen, 1480-1808, Vol II, A Coruña, 1983, páx. 72.. O cabido de Santiago, nun acordo do 12 de marzo de 1481, cualifica a Fernando de Acuña de visorey.

A política dos reis foi a de levar toda a nobreza autóctona á corte e substituíla por nobres do resto da Coroa de Castela.

Para facer cumprir as ordes Acuña veu a Galicia en 1480 con 300 soldados comandados por Luis de Mudarra, con eles e coa axuda das irmandades derrubou moitos castelos (entre eles os de Tebra, Amarante, A Barreira, ou Tenorio... chegando algunhas fontes a citar até cincuenta) e someteu a nobreza local.

Casou por indicación da raíña con María Dávila (que trala morte de Acuña fundou o mosteiro das "Gordillas" en Ávila). En 1489 foi enviado como vicerrei ao reino de Sicilia, onde morreu en 1495, sendo enterrado na catedral de Catania.

Familia A súa irmá María de Acuña casou o 14 de abril de 1456 con Xoán de Viveiro, I Viceconde de Altamira (título outorgado en 1467 polo rei Henrique IV de Castela). Foi señor de Viveiro até que o desposuíu Henrique IV, o 15 de xuño de 1465, por real sentenza firmada en Zamora. Pedro Pardo de Cela será seu sucesor a partir do 27 de xullo. Foi Contador de Henrique IV, Comendador Maior e Señor de Cabezón (Valladolid).

O seu irmán Alonso Carrillo foi bispo de Pamplona.

Notas

Categoría:Capitáns Xenerais de Galicia Categoría:Vicerreis de Sicilia Categoría:Finados en 1495 Categoría:Nados en ano descoñecido