miniatura|Retrato de Benito Pérez Galdós pintado por Sorolla, 1894. Orixinal en: Casa-Museo Pérez Galdós. Cabido de Gran Canaria. Benito Pérez Galdós, nado nas Palmas de Gran Canaria o 10 de maio de 1843 e finado en Madrid o 4 de xaneiro de 1920, foi un novelista, dramaturgo e articulista canario, probablemente un dos escritores máis representativos e prolíficos do século XIX.

Traxectoria Galdós era o décimo fillo dun coronel do exército, Sebastián Pérez, e de Dolores Galdós, unha dama de forte carácter e filla dun antigo secretario da Inquisición. O seu pai inculcou no fillo o gusto polas narracións históricas contándolle acotío historias da guerra da independencia, na que participara. A súa imaxinación foi desbordante xa desde moi novo. En 1852 ingresou no Colexio de San Agustín, que aplicaba unha pedagoxía activa e bastante avanzada para a época, durante os anos en que empezaban a espallarse por España as polémicas teorías darwinistas, do cal hai ecos en obras súas como, por exemplo, Dona Perfecta (Doña Perfecta).

Obtivo Galdós o título de bacharel en Artes en 1862, no Instituto da Lagoa, e comezou a colaborar na prensa local con poesías satíricas, ensaios e algúns contos. Tamén se destacou polo seu interese polo debuxo e a pintura. Logo da chegada dunha curmá súa a casa, o novo Galdós trastornouse emocionalmente e os seus pais decidiron que se fose á capital a estudar a carreira de Dereito.

En setembro dese ano inicia a súa marcha a Madrid onde cursa a carreira de Dereito, como previsto. No entanto, dedica o curso a escoitar a Fernando de Castro, Francisco de Paula Canalejas, Adolfo Camus e Valeriano Fernández. Alí tamén coñecerá ao fundador da Institución Libre de Ensino, Francisco Giner dos Ríos, que o alentou a escribir e fíxolle sentir curiosidade por unha filosofía, o Krausismo, que marcará fortemente a súa primeira novelística; pero de momento limítase a frecuentar os teatros e crear con outros escritores paisanos seus a «Faladoiro Canaria» en Madrid, mentres acode a ler ao Ateneo aos principais narradores europeos en inglés e francés.

En 1865 asiste aos feitos da Noite de San Daniel, os cales o impresionan vivamente, e ese mesmo ano comeza a escribir como redactor meritorio nos xornais La Nación e El Debate, así como na Revista del Movimiento Intelectual de Europa. Ao ano seguinte, e en calidade de xornalista, é testemuña do pronunciamento dos sarxentos do cuartel de San Gil. Leva unha vida cómoda vivindo primeiro por dúas das súas irmás e logo na casa do seu sobriño, José Furtado de Mendoza. Segundo pintou Ramón Pérez de Ayala, o que as fotografías confirman, era un descoidado no vestir, conformábase sempre con ir de tons sombríos para pasar desapercibido e no inverno levaba enrolada ao pescozo unha bufanda de la branca, cun cabo colgando do peito e outro ás costas, un puro a medio fumar na man e, cando estaba sentado, aos pés o seu can alsaciano. Cortaba o pelo ao cero e padecía horribles xaquecas.

Era proverbial a súa timidez, que lle facía ser máis que parco en palabras e en aspecto dunha modestia inverosímil, ata o punto de sufrir ao falar en público. Entre os seus dotes estaba posuír unha memoria visual portentosa e unha retentiva incrible que lle permitía lembrar capítulos enteiros do Quixote e detalles minúsculos de paisaxes vistas soamente unha vez vinte e cinco anos antes. Diso nacía tamén a súa gran facilidade para o debuxo. Todas estas calidades desenvolveron nel unha das facultades máis importantes nun novelista, o poder de observación.

En 1867 viaxa en calidade de correspondente a París para dar conta da Exposición Universal. Le a Balzac e a Dickens, e traduce deste, a partir dunha tradución francesa, a súa obra máis cervantina, Os papeis póstumos do Club Pickwick. Toda esta actividade supón a súa falta de asistencia ás clases de Dereito e bórrano definitivamente da matrícula en 1868. Nese mesmo ano, prodúcese a chamada revolución de 1868, na que cae a raíña Sabela II. O ano seguinte encárgase de facer crónicas xornalísticas sobre a elaboración da nova Constitución.

En 1870 publica a súa primeira novela, A Fontana de Ouro (La Fontana de Oro) grazas ós cartos da súa tía. En realidade, nesa época a publicación dun libro facíase grazas á axuda dos xornais e das revistas ou corría a conta do autor. Esta obra bosquexa a situación ideolóxica de España durante o Trienio Constitucional (1820-1823).

En 1876, publícase Dona Perfecta, un panfleto anticlerical contra a intolerancia ideolóxica. A pesar das oposicións que suscitou a obra entre os neos ou neocatólicos, Galdós foi elixido membro da Real Academia Española.

Galdós asistiu con regularidade ao vello Ateneo da Rúa da Montera e fai amizade con personaxes de ideoloxía nada afín á súa, pois era home pouco inclinado a fanatismos ideolóxicos; así se fixo grande amigo de José María de Pereda, Antonio Cánovas del Castillo, Francisco Silvela e Marcelino Menéndez Pelayo. Tamén frecuenta os faladoiros do Café inglés, da Iberia e do vello Café de Levante. Fixo varias viaxes por Francia, Inglaterra e Italia, máis a súa amizade con Pereda fíxolle afeccionarse a Santander, en cuxo Sardinero tomou o costume de veranear xunto a Pereda e Menéndez Pelayo, e onde se construíu a súa soada casa de San Quintín. Tamén gustaba de visitar Toledo, cidade pola que sentía un grande agarimo e á que fixo escenario dalgunhas das súas novelas, como Angel Guerra e Tristana. En 1884 viaxou a Portugal en compañía do seu amigo Pereda.

Influencias da amizade regaláronlle a acta de deputado por Porto Rico (1885) e asistiu ás cortes na lexislatura do ano seguinte sen apenas despegar os beizos: o Congreso foi para el un novo observatorio dende o que analizar "a sociedade española como materia novelable", que será o título do seu futuro discurso de ingreso na Real Academia de la Lengua. De 1886 a 1890 comprométese pouco activamente na política xa que é deputado polo partido de Sagasta.

Un laudo arbitral de 1897 independizou a Galdós do seu editor Miguel Honorio da Cámara e dividíndose todo en dúas partes, do que resultou que Galdós, en vinte anos de xestión conxunta, recibira unhas 80.000 pesetas máis do que lle correspondía; despois pescudarase que a Cámara non fora de todo legal respecto ao número e data das edicións das súas obras, de xeito que a Galdós lle quedou en suma un déficit de 100.000 pesetas nese trato. Con todo quedou na súa propiedade o cincuenta por cento do fondo dos seus libros que quedaban agardando a súa venda, 60.000 exemplares en total. Para librarse deles abriu o escritor unha casa editorial co nome de Obras de Pérez Galdós na rúa Hortaleza (número 132 baixo, hoxe 104). Ansioso de recuperar o terreo perdido, comeza anunciando as súas edicións de Dona Perfecta (Doña Perfecta) e O avó (El Abuelo); continuou esta actividade editorial ata 1904, ano en que asinou cansado un contrato de edición coa Editorial Hernando.

A vida sentimental de Galdós non foi moi estudada, en parte pola discreción que o envolveu en tales asuntos e da que fixo gala ata na súa estudadamente anódina Autobiografía, que semella escrita case para desalentar empeños biográficos ulteriores. O caso é que permaneceu solteiro, aínda que foi asiduo cliente de amores mercenarios e tivo unha filla natural dunha nai que se suicidou; tamén se coñece ben a súa relación coa novelista Emilia Pardo Bazán. Durante os seus derradeiros anos consagrouse fundamentalmente ao teatro, para o que entregou vinte e tres pezas, algunhas delas adaptacións das súas novelas, cuxa evolución lle ía reclamando ademais a forma dialogada. Nesta época comeza a aparecer o espiritualismo europeo na súa obra, cando Galdós comeza ademais a sentir un grande interese pola obra de Tolstoi. Tamén na última parte da súa vida padeceu as consecuencias dos seus descoidos económicos e a súa tendencia a endebedarse de forma continua. Segundo o testemuño de Ramón Pérez de Ayala:

Obras La sombra (1870) La Fontana de Oro (1870) El audaz (1871) Doña Perfecta (1876) Gloria (1877) La familia de León Roch (1878) Marianela (1878).Aguinaga Alfonso, M (edición). Marianela. Editorial Castalia, 2000, Madrid. La desheredada (1881) El doctor Centeno (1883) Tormento (1884) La de Bringas (1884) El amigo Manso (1882) Lo prohibido (1884–85) Fortunata y Jacinta (1886–87) Celín, Trompiquillos y Theros (1887) Miau (1888) La incógnita (1889) Torquemada en la hoguera (1889) Realidad (1889) Ángel Guerra (1890–91) Tristana (1892) La loca de la casa (1892) Torquemada en la cruz (1893) Torquemada en el purgatorio (1894) Torquemada y San Pedro (1895) Nazarín (1895) Halma (1895) Misericordia (1897) El abuelo (1897) Casandra (1905) El caballero encantado (1909) La razón de la sinrazón (1909)

Episodios nacionales

Teatro Quien mal hace, bien no espere (1861, perdida) La expulsión de los moriscos (1865, perdida) Un joven de provecho (1867?, publicada en 1936) Realidad (1892) La loca de la casa (1893) Gerona (1893) Las de San Quintín (1894) Los condenados (1894) Voluntad (1895) La fiera (1896) Doña Perfecta (1896) Electra (1901) Alma y vida (1902) Mariucha (1903) El abuelo (1904) Amor y ciencia (1905) Bárbara (1905) Zaragoza (1908) Pedro Minio (1908) Casandra (1910) Celia en los infiernos (1913) Alceste (1914) Sor Simona (1915) El tacaño Salomón (1916) Santa Juana de Castilla (1918) Antón Caballero (1921, inacabada)

Miscelánea Crónicas de Portugal (1890) Discurso de ingreso en la Real Academia Española (1897) Memoranda, artículos y cuentos (1906) La novela en el tranvía Política española I (1923) Política española II (1923) Arte y crítica (1923) Fisonomías sociales (1923) Nuestro teatro (1923) Cronicón 1883 a 1886 (1924) Toledo. Su historia y su leyenda (1927) Viajes y fantasías (1929) Memorias (1930)

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Escritores en lingua castelá Categoría:Nados en 1843 Categoría:Finados en 1920 Categoría:Nados nas Palmas de Gran Canaria Categoría:Dramaturgos de España Categoría:Novelistas das Canarias Categoría:Escritores das Canarias Categoría:Persoas cegas Categoría:Dramaturgos en lingua castelá Categoría:Krausistas