Reciben o nome común de lebres as especies do xénero Lepus, o tipo da familia dos lepóridos, sendo chamadas o resto "coellos" de forma común. Tal división dos lepóridos non é científica, pois non responde a unha realidade dende o punto de vista evolutivo, senón a observacións sobre o seu aspecto e hábitos.
Características Polo xeral, dise que as lebres son os lagomorfos coas orellas e os ollos máis desenvolvidos, son máis lixeiras e veloces (algunhas especies chegan ata case os 80 km/h),V. Battaglia: Lièvre en dinosoria.com:Consultada o 30 de decembro de 2018. non constrúen coelleiras senón simples leitos nos acobillos do terreo e paren crías provistas de pelo e cos ollos abertos. Porén, existen excepcións a algúns destes trazos xerais, como por exemplo os coellos do xénero Sylvilagus, que non constrúen coelleiras como os coellos europeos, pero que non se consideran lebres.
Polo xeral as lebres son animais de figura lixeira e patas traseiras moi adaptadas para a carreira. As orellas, xeralmente longas, varían en lonxitude dunhas especies a outras, sendo máis longas e amplas naqueles animais que viven en climas desérticos como a lebre de California, chamada popularmente jackrabbit nos Estados Unidos, mentres que as que viven en climas fríos, como a lebre ártica, son proporcionalmente máis pequenas e aseméllanse ás dos coellos. Todas as especies posúen un oído moi agudo e probablemente é o principal sentido á hora de detectar aos seus eventuais depredadores, aínda que tamén dispoñen dunha boa vista e olfacto. Ao mínimo indicio de perigo o animal comeza unha frenética carreira que, nalgunhas especies como a lebre europea, inclúe constantes cambios de sentido e rodeos para confundir ao atacante.
A lonxitude e cor da súa pelaxe varía en cada especie, pero sempre adaptado para camuflarse coa contorna. A lebre ártica varía de cor cada ano, sendo parda en primavera e verán, gris en outono e branca en inverno. Son completamente vexetarianas e a súa dieta é similar á dos coellos.
As lebres son animais solitarios, aínda que non lles importa a presenza doutros conxéneres nos arredores do seu territorio. Tan só pelexan na época de cío (variable segundo as especies). As lebres europeas macho apenas comen durante este período de tempo (primavera) e pasan o día loitando cos seus rivais, golpeándose coas patas dianteiras nunha especie de boxeo ritual. En Inglaterra, o dito popular Estás máis tolo ca unha lebre marceira ten a súa orixe nesta conduta. Curiosamente, as femias que non aceptan emparellarse loitan cos pretendentes rexeitados do mesmo xeito que estes se desfán dos seus competidores.
O que todas as lebres teñen en común entre si é o feito de pariren crías (lebratos ou lebrachos) moi precoces e seren especies moi prolíficas. Paren entre 3 e 8 crías en cada parto e cada femia é capaz de producir máis de 4 camadas ao ano. Viven en todos os continentes, salvo Oceanía (aínda que en Australia foron introducidas recentemente) e na Antártida.
As lebres constitúen as presas de multitude de mamíferos carnívoros e aves de presa, e son unha especie de interese cinexético en todo o mundo. Nalgunhas zonas as lebres son transmisoras da tularemia, unha enfermidade infecciosa que tamén afecta aos humanos.
Diferenzas coas especies próximas As lebres son lagomorfos e non roedores. Distínguense deles pola dentición (os lagomorfos teñen dous pares de dentes incisivos no maxilar superior), así como pola ausencia de báculo (óso peneano).
No seo dos lagomorfos cómpre tamén diferenciar as chamadas "lebres verdadeiras" das picas, tamén denomionadas lebres asubiadoras ou lebres ananas, que se clasifican nunha familia diferente (a dos ocotónidos).
Tamén hai notables diferenzas cos coellos: As orellas son máis longas que a cabeza. O iris é amarelado. As uñas das dedas están fendidas. A xestación dura uns 40 días, contra os 31 dos coellos. Segundo es especiess, as lebres poden seren solitarias ou vivir en parellas monogamia. A súa dotación xenética consta de 48 cromosomas, contre os 44 dos coellos. O extremo da orella de todas as lebres é negra. Contrariamente aos coellos, as lebres non habitan nun tobo subterráneo. Descansan e crían os lebratos nun "niño" no solo, frecuentemente unha simple depresión que o animal profunda. Os seus habitáculos subministran menos protección que os tobos dos coellos, especialmente con respecto á regulación da temperatura e á protección contra os depredadores; pero os lebratos nacen desprovistos de olor ao naceren., e teñen un desenvolvemento moito máis rápido que os coellos xoves: nacen xa cubertos de pelo, poden ver desde o nacemento e poden resolver as súas necesidades moi rapidamente. Todas as lebres son animais salvaxes. Non existe ningunha especie doméstica. Porén, a súa crianza practícase amplamente, principalmente con fins de repoboación (especialmente para os coutos de caza).Fédération des éleveurs de lièvres de France . e, hai anos, para aproveitar a súa pelaxe e a súa pel.
Taxonomía Descrición O xénero Lepus foi descrito en 1758 por Linneo na páxina 57 do volume 1º do seu Systema Naturae.Lepus Linnaeus 1758 en MSW.
Etimoloxía Nome científico Linneo tomou o nome Lepus do latín clásico lĕpus.
Nome vulgar en galego O termo lebre vén do latín clásico lĕpus ou, máis exactamente, do acusativo lĕpŏrem, do que procede *lĕpŏre do latín vulgar.
Sinónimos Ademais do nome que lle impuxo Linneo, o xénero coñeceuse tamén polos sinónimos seguints:
Allolagus Ognev, 1929 Boreolagus Barrett-Hamilton, 1911 Chionobates Kaup, 1829 Eulepus Acloque, 1899 Lagos Palmer, 1904
Clasificaión Na actualidade, recoñécense dentro do xénero os subxéneros e especies seguintes:
Xénero Lepus Linnaeus, 1758 Subxénero Eulagus Gray, 1867 Lepus (Eulagos) Gray, 1867 no ITIS. Lepus castroviejoi Palacios, 1977 Lepus comus Allen, 1927 Lepus coreanus Thomas, 1892 Lepus europaeus Pallas, 1778 Lepus granatensis Rosenhauer, 1856 (incertae sedis) Lepus mandshuricus Radde, 1861 Lepus starcki Petter, 1963 Subxénero Indolagus Gureev, 1953 Lepus (Indolagus) Gureev, 1953 no ITIS. Lepus hainanus Swinhoe, 1870 Lepus nigricollis F. Cuvier, 1823 Lepus peguensis Blyth, 1855 Suxénero Lagus Linnaeus, 1758 Lepus (Lepus) Linnaeus, 1758] no ITIS. Lepus arcticus Ross, 1819 Lepus othus Merriam, 1900 Lepus timidus Linnaeus, 1758 Subxénero Macrotolagus Mearns, 1895 Lepus (Macrotolagus) Mearns, 1895 no ITIS. Lepus alleni Mearns, 1895 Subxénero Poecilolagus Lyon, 1904 Lepus (Poecilolagus) Lyon, 1904 no ITIS. Lepus americanus Erxleben, 1777 Subxénero Proeulagus Gureev, 1964 Lepus (Proeulagus) Gureev, 1964 no ITIS. Lepus insularis W. Bryant, 1891 Lepus tibetanus Waterhouse, 1841 Lepus tolai Pallas, 1778 Subxénero Sabanolagus Averianov, 1998 Lepus (Sabanolagus) Averianov, 1998 no ITIS. Lepus fagan Thomas, 1903 Lepus microtis Heuglin, 1865 Subxénero Sinolagus Averianov, 1998 <ref>[https://www.itis.gov/servlet/SingleRpt/SingleRpt?search_topic=TSN&search_value=727741#null Lepus (Sinolagus) Averianov, 1998] no ITIS.</ref> Lepus sinensis Gray, 1832 Subxénero TarimolagusGureev, 1947 (incertae sedis) Lepus (Tarimolagus) Gureev, 1947 no ITIS. Lepus yarkandensis Günther, 1875 (incertae sedis)
Na Península Ibérica atópanse tres especies diferentes: Lepus europaeus (lebre europea) nos Pireneos e zonas limítrofes. Lepus granatensis (lebre ibérica) no resto da Península Ibérica. Conta cunha subespecie Lepus granatensis gallaecius (lebre galega). Lepus castroviejoi (lebre de piornal) nos montes de León e na zona oriental de Galicia.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Kingdon, Jonathan & M. Hoffmann (eds.) (2015): The Kingdon Field Guide to African Mammals. Volume V: Carnivores, Pangolins, Equids and Rhinoceroses. Second Edition. Londres: Bloomsbury Publishing. Bloomsbury Natural History. ISBN 978-1-4729-1236-7. Walker, E. (1975): Mammals of the World. 2 Vols. Sixth edition. Baltimore, Maryland, USA e Londres Reino Unido: Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-5789-8. Wilson, D. E. & Reeder, D. M., editors (2005): Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference'', 3rd ed. Baltimore, Maryland, USA: Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-0.
Outros artigos Lagomorfos Lepóridos
Ligazóns externas Lepus. Common hares and jackrabbits na ADW. Lepus Linnaeus 1758 na EOL.
Categoría:Lagomorfos Categoría:Taxons descritos por Linné