Xosé Ramón Gayoso Bonigno, nado na Coruña o 25 de abril de 1956, é un presentador da Televisión de Galicia e un dos personaxes públicos máis coñecidos en Galicia. Presentou varios programas da canle pública galega dende a súa mesma creación, en 1985, facéndose enormemente popular polo seu traballo en Luar, programa que presenta dende 1992.

Traxectoria Naceu no negocio familiar de seus avós maternos Ramón e Rosa, a confeitaría La Imperial, situada na rúa Panadeiras da Coruña, onde traballaba tamén súa nai Rosa Benita Bonigno Villarméa. Pasou os seus primeiros anos na rúa Cartuchos (actual Varela Silvari), onde vivía coa súa familia antes de se mudaren á rúa José Luis Pérez Cepeda. Estudou no colexio coruñés da Grande Obra de Atocha e dende pequeno comezou a actuar xunto a seu irmán Juan Bautista na rondalla do centro.

Comezou a practicar atletismo con 12 anos, cando estudaba na hoxe desaparecida Academia Galicia, e especializouse en lanzamento de martelo. Federouse no Club Atletismo Coruñés e adestraba a diario no estadio de Riazor, e en 1973 foi internacional coa selección española xunto ao seu irmán Juan Bautista, participando ambos nos xogos da FISEC en Francia, e subindo os dous ao podio do lanzamento de martelo, sendo a vitoria para Juan e o terceiro posto para Xosé Ramón. Foi campión de Galicia xuvenil e en 1975 campión de España xuvenil cun lanzamento de 46 m. Foi tamén medalla de bronce nos campionatos de España júnior.

Practicando atletismo coñeceu a Álvaro Someso, campión galego de salto de altura en 1973 e xogador de balonmán do OAR A Coruña, con quen en 1976 formou o dúo Álvaro y José Ramón. En marzo do ano seguinte o dúo saíu vencedor da cuarta edición do Festival da Canción «Liceo La Paz», onde un xurado formado entre outros por Nonito Pereira, lles deu a maior puntuación, por diante de Ana Mediero (segunda) e o grupo Escaino (terceiros).

En 1978 o dúo mudou o seu nome polo de "Keltia" e a finais dese ano editaron Choca esos cinco, un disco que foi producido por CBS, onde a metade das cancións estaban interpretadas en galego, e onde facían versións de José Afonso e musicaban a Rosalía de Castro. En marzo de 1979 Keltia realizou unha actuación en TVE, dentro do programa musical Aplauso.

Licenciouse en dereito na Universidade de Santiago de Compostela e recomendado pola cantante Elsa Baeza, marchou a Madrid traballar ao despacho de avogados de Luis Zarraluqui, especializado en divorcios e nulidades, co que tivo que intervir en casos no Tribunal de La Rota. Logo de tres anos, regresou a Galicia e comezou a traballar na nacente TVG. Tentouno primeiro como asesor xurídico, pero ao non conseguilo, acabou conseguindo un posto de presentador. Exerceu como presentador dende o 24 de xullo de 1985, o primeiro día da emisión da canle, xunto a outros rostros como Dolores Bouzón, Xosé Manuel Maseda, Eva Veiga ou Mon Santiso.

Nos seguintes anos presentou programas como Entre nós, Boa Noite, Lúa Nova, O veciño do xoves, Corazonada, Adiviña quen ven esta noite e Pensando en ti. Pero foi a partir de 1992 cando se fixo inmensamente popular, grazas ao seu traballo como presentador de Luar, un programa eminentemente musical e con especial atención á música tradicional e popular galega, emitido os venres pola noite. O programa foi líder de audiencia durante décadas e Gayoso converteuse nunha das personalidades máis célebres da sociedade galega.

No ano 2003, na 1ª edición dos Premios Mestre Mateo, recibiu o galardón ao mellor comunicador de Galicia, recoñecemento que repetiu na edición de 2013. No ano 2017 recibiu a Medalla Castelao e o Premio Rebulir da Cultura Galega, en recoñecemento á súa traxectoria na difusión e posta en valor da cultura de Galicia a través do programa Luar. Foi Premio da Cultura Galega, modalidade Audiovisual en 2022. Segundo o xurado, "o seu rostro aparece desde o primeiro minuto da emisión da TVG, e desde entón mantense na pantalla nun dos programas máis lonxevos". alt=Gayoso con Miss Vaca 2019|miniatura|Xosé Ramón Gayoso na edición de 2019 do certame Miss Vaca celebrado no programa Luar da TVGNo ano 2023 someteuse a unha operación de cadeira, sendo substituído durante tres programas por Esther Estévez, ata o seu regreso ás pantallas en outubro.

Galardóns e nomeamentos Premios Mestre Mateo Ano Categoría Produción Resultado2002Mellor comunicador de televisiónLuarGañador2010Mellor comunicador de televisiónLuarNomeado2013Mellor comunicador de televisiónLuarGañador2025Mellor comunicador de televisiónLuarNomeado

Medalla Castelao en 2017."Justo Beramendi, Cristina Pato y Xosé Ramón Gayoso, medallas Castelao", en La Voz de Galicia 9.06.2017. Premio da Cultura Galega en 2022..

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas Luar no sitio web da TVG.

Categoría:Presentadores da TVG Categoría:Nados na Coruña Categoría:Medalla de Prata de Galicia Categoría:Nados en 1956 Categoría:Medallas Castelao Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Atletas de Galicia Categoría:Cantantes de Galicia Categoría:Cantantes en lingua galega Categoría:Cantantes en lingua castelá Categoría:Avogados de Galicia Categoría:Premios da Cultura Galega