miniatura|Jolly Roger de Calico Jack Rackham, tida como representación clásica e simbólica da piratería. A piratería ou pirataría é unha práctica que consiste en que unha embarcación ataca a outra co propósito de roubarlle a carga, esixir rescate polos pasaxeiros, convertelos en escravos e moitas veces apoderarse da nave. A súa definición segundo o dereito internacional pode atoparse no artigo 101 da Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar. A pirataría refírese tamén, desde mediados do século XX a un tipo de accións realizadas en avións que buscan reter pola forza tripulacións e pasaxeiros, así como as propias aeronaves. Outros autores, como Wolfram zu Mondfeld, consideran tamén pirataría os ataques privados realizados desde o mar contra buques e posicións en terra para roubar ou conquistar.

Xunto coa actividade dos piratas que roubaban pola súa conta pola cobiza, os corsarios eran mariñeiros contratados para traballar en naves privadas con patente de corso, que atacaban embarcacións dun país inimigo. A distinción entre pirata e corsario é necesariamente parcial, pois corsarios como Francis Drake ou a frota francesa no desembarque da Baía das Mós foron considerados piratas polas autoridades españolas, ao entenderen estas que non existía unha guerra declarada entre as súas nacións. Dispor dunha patente de corso ofrecía certas garantías de ser tratado como soldado doutro exército e non coma un ladrón e asasino, se ben ao mesmo tempo carrexaba certas obrigacións. Os termos filibusteiro e bucaneiro, máis específicos, están relacionados coa piratería no mar Caribe.

Etimoloxía A voz pirata vén do grego πειρατής (peiratés), que á súa vez vén do verbo πειράω (peiráo), que significa «esforzarse», «tratar de», «intentar a fortuna nas aventuras».

Historia A piratería, como forma de delincuencia, foi unha constante na historia dende a Antigüidade ata os nosos días. Coñecida por referencias entre os gregos, converteuse nun problema de estado en Roma, cando os piratas cilicios ameazaban as rotas comerciais e a subministración no Mediterráneo. Unha expedición de Pompeio, que foi investido como máxima autoridade marítima con poderes especiais, acabou con esa ameaza no século I a. C. miniatura|Pistolas na exposición "Piratas, os ladróns do mar".

Na derradeira etapa do Imperio Romano as rutas comerciais comezaron a sufrir ataques dos pobos xermánicos, entre eles os dos Hérulos, que foron avistados nas costas galegas segundo Hidacio no século V. Coa caída do Imperio Romano a maior ameaza pirata en Occidente representárona os viquingos. Estes mantiveron durante máis de douscentos anos unha política de ataque a todas as costas da fachada atlántica europea, avanzando amplamente cara ao interior. Foron os viquingos os primeiros piratas que lanzaron ataques coñecidos contra as cidades da Galicia medieval (ano 840).

O peso e dinamismo económico árabe motivou a recuperación da pirataría no Mediterráneo, cos piratas bérberes e otománs, contra os que España librou a batalla de Lepanto. Ademais, a piratería comezou neste tempo a estar indisolublemente asociada co tráfico de escravos, que os árabes do norte de África comezaban a realizar cos reinos subsaharianos.

Pero o contacto de Europa con América e a creación de numerosas rotas comerciais no Atlántico estimularon a aparición da época máis brillante da piratería. Os piratas, ben pola súa conta (bucaneiros), ben seguindo as ordes dun monarca e protexido por el (corsario) atacaron as frotas española e portuguesa, que posuían a maior parte do negocio americano. O Caribe e as súas illas, moitas delas baixo goberno francés ou inglés, foron porto seguro para estes piratas, que tamén importaron escravos e estimularon o comercio na área favorecendo o contrabando e permitíndolles aos produtores escapar do prezo único que fixaba a Casa da Contratación.

A pirataría comeza a diminuír no século XVII cando os estados desenvolven armadas estábeis e adestradas e non necesitan máis do s mercenarios. Porén, durante todo o o XVIII e boa parte do XIX, o proceso de independencias americanas estimulou a acción dos piratas que, ou ben aproveitaban a fraqueza das metrópoles europeas, ou ben participaban das estratexias expansionistas das novas nacións americanas, como foi o caso dos Estados Unidos. Desta época é o pirata galego máis famoso, Benito Soto.

Na actualidade, a piratería marítima está restrinxida a unhas poucas áreas subdesenvolvidas, fundamentalmente nas costas de Somalia e no Índico, entre Indonesia e Malaisia.

Antigüidade As zonas de maior actividade dos piratas coincidían coas de maior tráfico de mercadorías e de persoas. Aínda que os datos non son moi abondosos, polos mitos sabemos que os gregos clásicos foron bos piratas. Un dos máis famosos foi Xasón, quen guiou os argonautas ata a Cólquida á procura do vélaro de ouro, e que poderiamos entender como un acto de pirataría. Tamén Ulises realizou varios actos de pirataría no seu regreso a Ítaca, como narra Homero na Odisea. Nestes dous exemplos vemos unha constante que se repetirá ao longo dos séculos: os piratas son a miúdo considerados heroes nacionais nos seus países malia practicaren o que en terra se chamaría roubo e secuestro.

Un dos piratas gregos máis famosos dos que si se teñen referencias foi Plutarco de Samos, quen no século VI a.C. saqueou Asia Menor en diferentes expedicións e chegou a reunir máis de 100 barcos.

miniatura|Trirreme romano nun mosaico tunisiano No Mediterráneo, baixo o dominio de Roma, os piratas chegaron a converterse nun problema de estado ao impediren o comercio e o fornecemento de produtos. As bases piratas estiveron na súa orixe ao sur de Asia Menor, nas montañosas costas de Cilicia e máis tarde por todo o Mediterráneo. Os piratas da antigüidade adoitaban ser escravistas e a captura de persoas para seren vendidas resultaba unha práctica altamente lucrativa. Pero tamén se buscaban pedras preciosas, metais, esencias, seda, sal, tinguiduras, viño e outros tipos de mercadorías que se transportaban en barcos, e dos que os fenicios eran dominadores.

Dun dos casos máis coñecidos de pirataría contra as liñas de navegación foi vítima o daquela mozo Xulio César, que caeu prisioneiro dos piratas cilicios no ano 75 a.C. Plutarco conta a historia nas súas Vidas paralelas, e sinala que o xefe cilicio estimaba o rescate en 20 talentos de ouro, e que César lle retrucou: «¿Vinte? Se coñeceses o teu negocio saberías que vallo polo menos 50». O cativerio durou 38 días, durante os cales o refén ameazou os seus captores con crucificalos. Finalmente o rescate pagouse e César foi liberado; cando recobrou a liberdade organizou unha expedición durante a cal apreixou os seus captores e os crucificou.

A pirataría, sobre todo a perpetrada polos cilicios, acadou niveis preocupantes contra o final da República. No 67 a.C., o senado romano nomeou a Pompeio "procónsul dos mares", outorgándolle o mando supremo do Mediterráneo e das súas costas ata 75 km mar dentro. Concedéronlle o mando de todos os exércitos costeiros (150 000 efectivos), así como orzamento libre e unha frota ben armada. En diversas operacións eliminou en corenta días todos os piratas de Sicilia e Italia e, tras o asedio e toma de Coracesium, tamén os piratas de Cilicia, acabando en 49 días cos piratas da zona oriental do Mediterráneo.

Pero só uns anos despois, no 30 a.C. o romano Sexto Pompeio levantouse contra Roma e realizou accións que lle permitiron reunir riquezas e armar unha frota propia. Con esta escuadra tomou Sicilia e Sardeña ata que Octavio Augusto lanzou contra el unha frota que o derrotou e o obrigou a navegar ata o Mediterráneo Oriental para pedir refuxio a Marco Antonio. Este, aínda non enfrontado con Octavio, executouno e envioulle a cabeza ao segundo triunvirato de Roma.

Os viquingos miniatura|Modelo de barco viquingo No 793 os viquingos realizan o primeiro ataque na costa norte de Inglaterra e dous anos despois en Irlanda. Desde esa data ata pouco despois do ano 1000 os pobos do norte realizaron todo tipo de incursións no mar do Norte, o Cantábrico e o Mediterráneo (tanto oriental como occidental). O radio que alcanzaban as súas excursións foi aumentando progresivamente conforme medraban os seus coñecementos da costa e dos ríos navegables. Así, entre outras accións, podemos apuntar:

793. Primeiro ataque nas Illas Británicas. 795. primeiro ataque a Irlanda. 820. Ataque aos actuais Países Baixos. 834. Ataque polos ríos Sena e Loira. 840. Ataque á Península Ibérica.

A formación de grandes partidas para realizar ataques costeiros coincide cando en Escandinavia a poboación comeza a organizarse en reinos extensos e consolidados. As expedicións viquingas adoitaban formalas ducias ou centos de buques navegando e atacando xuntos. Debe terse en conta que o barco viquingo, o drakkar, podía transportar uns 32 ou 35 homes, como o testemuña o barco de Oseberg atopado na granxa Oseberg de Vestfold (Noruega) en 1903.

Un exemplo destas expedicións témolo nas crónicas sobre a primeira incursión normanda á Península Ibérica no 840. Un número indeterminado de naves bordearon a costa asturleonesa ata chegar á torre de Hércules e saquearon a pequena aldea emprazada aos seus pés. Ordoño I tivo noticias da expedición e levou o seu exército contra dela, recuperando boa parte do botín e apreixando ou afundindo entre sesenta e setenta das súas naves, o que quizais non constituía nin a metade da forza desprazada pola expedición, posto que seguiron a súa campaña de saqueos. En Lisboa, os cronistas falan dunha escuadra composta por 53 barcos.

Entre outras expedicións viquingas pode contarse a súa primeira incursión en Al-Ándalus, onde tomaron Cádiz e subiron o Guadalquivir, saquearon Sevilla e foron derrotados por Abd ar-Rahman II; o ataque de París e de York; a captura do rei de Navarra, García Íñigo, no asedio de Pamplona no 858; ou a pretensión ao trono inglés polo rei viquingo Harald III de Noruega derrotado finalmente por Harold Godwinson na batalla da Ponte de Stamford en 1066, onde morreu o monarca pirata.

Numerosas naves normandas eran comandadas e tripuladas por mulleres. É o caso de Rusla de Noruega, filla do rei Rieg e irmá de Tesandus, desposuído do seu trono polo rei Omund de Dinamarca. Rusla armou unha frota coa que atacou todas as naves dinamarquesas que puido, para vingarse da afronta realizada ao seu irmán. Ao remate, Tesandus, posto do lado do rei de Dinamarca, matou a súa irmá.

Non se sabe con certeza a causa do cesamento dos ataques viquingos. Algúns autores opinan que a aceptación da fe cristiá cara ao ano 1000 pola maioría freou o seu desexo de atacar outros cristiáns. De calquera modo os reinos nórdicos desexaban cada vez máis abrirse ao resto de Europa e comerciar con eles no canto de invadilos, e un exemplo é o matrimonio do irmán do rei Afonso X o Sabio cunha princesa norueguesa o 31 de marzo de 1252.

Árabes e cristiáns

miniatura|Dhow mozambicano no océano Índico. Os dhows son embarcacións tradicionais árabes moi parecidas ás utilizadas por ese pobo en tempos dos abásidas, cando foron destros piratas e os mellores navegantes da súa época. Se nos atemos á distancia das súas rutas, os árabes foron os mellores navegantes do seu tempo. Xa no século IX foron capaces de abrir a maior ruta comercial coñecida entre a península Arábiga e a China. A expedicións árabes buscaban materias primas que puidesen logo traballar ou vender, produtos de Oriente e escravos. A zona máis perigosa era o estreito de Malaca.