Mortadelo e FilemónNome empregado nas edicións en galego. (en castelán, Mortadelo y Filemón) é a serie de banda deseñada humorística máis popular do autor español de banda deseñada Francisco Ibáñez. Como o seu nome indica, están protagonizadas por Mortadelo e por Filemón, dous axentes secretos.

Historia A primeira banda deseñada de Mortadelo e Filemón apareceu o 20 de xaneiro de 1958 no número 1394 de Pulgarcito co título xenérico de Mortadelo y Filemón, agencia de información. Por aquel entón era usual que as series humorísticas tivesen un pareado como título, xeralmente co nome dos seus protagonistas no primeiro verso. Nese mesmo número 1394 de Pulgarcito inclúense Margarito Celemín, un vendedor muy pillín de Sanchís, Rigoberto Picaporte, solteirón de mucho porte de Roberto Segura, Pascual, criado leal de Nadal e Doña Lío Portapartes, señora con malas artes de Raf. miniatura|Ibáñez facendo un debuxo de Mortadelo. As historietas da editorial Brugera amosaban un mundo achegado ó lector, no que a pobreza, a fame, a picaresca e as diferenzas de clases eran comúns (os títulos de historieta antes mencionados son unha proba diso). Os propios nomes de Mortadelo e Filemón falan da época na que xurdiron. Co recordo aínda próximo da época de escaseza provocada polos racionamentos de comida que seguiron á Guerra Civil, Ibáñez bautizou ás súas personaxes con nomes que ó escoitalos evocan alimentos; Mortadelo e Filemón serían pois un eco de Mortadela e Filetón 40 años de MortadeloEntrevista a Francisco Ibañez.

Etapa primitiva Nas súas orixes, Mortadelo e Filemón eran unha parodia do doutor Watson e Sherlock Holmes respectivamente (outras fontes de referencia citadas en ocasións son os personaxes do gordo e o fraco ou a obra Novísimas aventuras de Sherlock Holmes de Enrique Jardiel Poncela). Filemón tiña nariz aquilino, vestía chaqueta e sombreiro de felpa e fumaba en pipa (no número 1404 de Pulgarcito chegou mesmo a vestir o impermeable e sombreiro a cadros característico da maioría das ilustracións de Holmes). Mortadelo, pola súa parte, ademais dos habituais lentes e levita negras, levaba bombín e paraugas tamén negros. O bombín servíalle ademais a Mortadelo para gardar os disfraces, un recurso que co tempo se faría prescindible. Outra característica do primeiro Mortadelo -e que só durou uns poucos episodios- eran uns ollos perpetuamente entrepechados que lle conferían un aspecto despistado.

Este primitivo aspecto foi depurándose co tempo, adquirindo pronto un aspecto similar ó actual: Mortadelo mantería a súa levita negra, pero desaparecerían o sombreiro e o paraugas; mentres tanto Filemón viu reducido paulatinamente o seu nariz longo e afiado e a súa indumentaria pasou a consistir nunha gravata de lazo negra, camisa branca, pantalóns xeralmente vermellos e, en ocasións, chaqueta a xogo.

En Mortadelo y Filemón, agencia de información, Filemón é o xefe dunha axencia de detectives e ten a Mortadelo como empregado. As primeiras historias eran dunha soa páxina en branco e negro (agás cando esta ocupaba a portada) con seis ringleiras de viñetas e seguindo un esquema moi sinxelo: alguén contrata os servizos da axencia, pero ó intentar cumprir a misión, prodúcese algún equívoco que resulta nun completo fracaso da mesma. O descubrimento do equívoco termina xeralmente nunha persecución ou con alguén esvaéndose. Esta estrutura de presentación-equívoco-desenlace era extremadamente común nas historietas da época.

Etapa madura (clásica) En 1969 prodúcese un cambio importante. Tras once anos de axencia propia, Mortadelo e Filemón ingresan na T.I.A., unha organización con claras reminiscencias da C.I.A. Isto coincide co comezo das historias longas e marca o inicio da madurez destes personaxes. O estilo de debuxo está case totalmente definido, así como as personalidades dos dous detectives. Ademais, novas personaxes se incorporan ás historias: o superintendente Vicente, o profesor Bacterio e, tempo despois, a secretaria Ofelia. As referencias a Holmes, que xa había tempo que desapareceran, son substituídas pola parodia das historias de espías, moi comúns daquela. A referencia máis clara desta época é a serie Superaxente 86, estreada en España dous anos antes da publicación de O sulfato atómico; esta serie reflicte un mundo de espías incompetentes, entradas secretas e ata zapatófonos, moi similar ó das aventuras de Mortadelo e Filemón.

As historias longas acostuman ter 44 páxinas e habitualmente están organizadas en episodios autoconclusivos de 4 caras que acostuman narrar os sucesos dun día. A razón desta estrutura era que estes episodios serían publicados semanalmente, inicialmente na revista Gran Pulgarcito e máis tarde na revista Mortadelo. Á parte da publicación seriada, tamén se publicaban de forma completa na colección OLÉ. O fío argumental das historias serve só como medio para estruturalas e como base para encadear as situacións cómicas. Nesta nova etapa, o humor non se basea tan só no descubrimento dun equívoco, senón que múltiples recursos humorísticos son empregados de forma continua: parodias, gags visuais, humor absurdo, slapstick, xogos de palabras etc.

A primeira historia longa é O sulfato atómico. Nesta historieta, o estilo do debuxo é inusitadamente detallista, con claras influencias da escola francobelga de banda deseñada, especialmente de Franquin (). Este estilo relaxouse nas seguintes aventuras, volvendo ó trazo sobrio habitual. Nestas primeiras aventuras longas, Ibáñez experimenta coa estrutura das viñetas, dando ás historietas un aspecto menos ríxido e conseguindo ademais unha maior expresividade; porén, pronto retorna á estrutura ríxida de cinco filas de viñetas.

Unha aventura arquetípica desta etapa podería ser Os diamantes da gran duquesa. No primeiro episodio descríbese o fío argumental, mentres que nos seguintes desenvólvese a busca durante dez días consecutivos dos correspondentes diamantes, agochado cada un deles nun sitio distinto (localización que conseguen, aínda que o final de cada episodio é desastroso dun ou doutro xeito, especialmente no caso do último).

Etapa madura (moderna) A división da etapa madura en dous (clásica e moderna) pode resultar controvertida; porén, poden establecerse diferenzas entre ambas. Unha destas diferenzas é o número de ringleiras de viñetas. Ata O transformador metabólico, as historias tiñan cinco ringleiras, pero a partir de entón pásase a catro. Tendo en conta que o número de páxinas non varía, isto implica unha diminución no número total de viñetas por aventura. Estas perden -por tanto- algo de densidade, tanto na historia como no aspecto visual.

Outro cambio (que non é simultáneo necesariamente co cambio no número de viñetas) é que as historias pasan a ter claras referencias á actualidade, o que daría razóns para chamar clásicas ás anteriores aventuras, con historias máis atemporais.

Ademais, entre 1986 e 1987, Ibáñez perdeu os dereitos de publicación das súas personaxes, que foran rexistradas pola editorial Bruguera. Durante estes anos publicáronse unha serie de aventuras realizadas por outros autores. Aínda despois de recuperar os dereitos, Ibáñez seguiu apoiándose por un tempo en colaboradores. En total pódese estabelecer un período de 5 anos aproximadamente que divide en dous a etapa madura, na que ademais fai aparición unha nova personaxe, a señorita Irma, que posteriormente sería eliminada.Historietas de Mortadelo y Filemón por orden de publicación, ademais de interesantes comentarios sobre la vida y obra de Ibáñez.

Autoría das historietas Durante a etapa madura, gran parte do material publicado foi escrito e debuxado por outras persoas; porén, debido a que estas colaboracións adoitaban ser anónimas, é difícil saber que historias ou que debuxos son realmente de Ibáñez. As únicas acreditadas oficialmente como "non-ibañez" son aquelas firmadas polo Brugera equip (durante o tempo en que Ibáñez perdeu os dereitos das súas personaxes), algunha historia curta con guión firmado por Jesús de Cos e unha colección de aventuras pouco coñecidas, editadas en forma de libros en branco e negro, firmadas por Ibáñez e José Cubero Valero. Ó parecer a maioría destas historietas bastardas publicábanse sen que Ibáñez recibise remuneración económica algunha por elas (e talvez sen o seu consentimento), aínda que parece ser que entre 1987 e 1990 Ibáñez asinou aventuras que non estaban debuxadas por el.

Entre os negros que supostamente debuxaron aventuras de Mortadelo e Filemón e que nunca foron acreditados pódense citar os nomes de Ramón Bernardó, Ramón María Casanyes, Mart-Os e mesmo un autor de primeira fila como Raf que colaborou anonimamente en As embaixadas chifladas, se ben neste caso o seu traballo reduciuse ó entintado.

Linguaxe A linguaxe que Ibáñez pon en boca das súas personaxes é peculiar. Palabras e expresións de uso reducido ("colodrillo", "beodo", "mofa e befa", "merluzo" etc.) son comúns no universo de Mortadelo y Filemón.

Outra característica da linguaxe é que os protagonistas se tratan de vostede, aínda cando son vellos coñecidos. Algo moi pouco corrente en España, mesmo entre persoas en diferentes estamentos dunha xerarquía.

Mortadelo e Filemón noutros medios Producíronse varias películas de animación ("Mortadelo y Filemón, Primer Festival del Humor", "Mortadelo y Filemón, Segundo Festival del Humor" e "El armario del Tiempo") dirixidas por Rafael Vara a principios dos 70.

Na década de 1990 unha produtora alemá creou unha serie de deseños animados ("Mortadelo y Filemón") de desapercibido éxito, que foi transmitida en España por Antena 3 e actualmente é emitida pola canle de operadoras dixitais Jetix.

Estes debuxos foron levados ó cine con personaxes reais en La gran aventura de Mortadelo y Filemón (2003) dirixida por Javier Fesser e protagonizada por Benito Pocino no papel de Mortadelo e Pepe Viyuela no papel de Filemón.

Unha película, Mortadelo y Filemón - Misión: Salvar la Tierra, apareceu no 2008 a modo de conmemoración do 50 aniversario das personaxes. Pepe Viyuela repetiu como Filemón, pero Mortadelo foi interpretado por Eduard Soto (coñecido tamén polo personaxe do Neng de Castefa) debido a discrepancias con Benito Pocino.

Ademais Mortadelo e Filemón cobraron vida no musical Mortadelo y Filemón, the miusical que se estreou en xuño de 2008 no Teatro Campoamor de Oviedo e que en setembro dese mesmo ano presentouse no Teatro Tivoli de Barcelona. Dirixido por Ricard Reguant e producido por Zebra Producciones e Mucho Ruido Records.

Personaxes Mortadelo é alto, delgado e cun gran nariz. É o rei do disfrace, capaz de transformarse, para asombro de todos, en calquera cousa, desde nun elefante ata nunha campá. Tiña unha portentosa melena ata que probou un invento do profesor Bacterio contra a caída do cabelo. Pódese dicir que, desde entón, nunca máis tivo que preocuparse polo seu pelo. Leva lentes e un traxe negro con levita. Nas súas orixes portaba un paraugas negro colgado do brazo e lucía un sombreiro de onde sempre extraía os disfraces. Filemón Pi é o xefe de Mortadelo, e é un pouco máis baixo ca este. Ten só dous pelos na cabeza, e leva unha camisa branca e un pantalón vermello, se ben nos primeiros anos da súa publicación levaba unha gran pipa na boca e un vestiario similar ó de Sherlock Holmes. É quen acostuma levar os golpes cando algo sae mal (é dicir, case sempre). Como bo superior de Mortadelo, é un tipo culto e con gran sapiencia sobre practicamente todo tipo de temas, como bioloxía ou xeografía. O Súper, ou Superintendente Vicente, é o superintendente da TIA. Encomenda as misións máis difíciles a Mortadelo e Filemón, permitíndolles o uso de mediocre maquinaria (automobilística ou armamentística) para resolvelas. Leva un poboado bigote e un traxe azul. De entre as personaxes habituais, é o de maior grao xerárquico, pero en ocasións o visitan os seus superiores, normalmente o Director Xeral.