Manuel Daniel Varela Buxán, nado en Lamas (A Estrada) o 2 de marzo de 1909 e finado en Cercio (Lalín) o 25 de setembro de 1986, foi un escritor e director teatral galego.
Traxectoria Naceu en Sanlouzáns (Lamas) o 2 de marzo de 1909, fillo de solteira de Ángela Buján Vilela, xornaleira que procedía de Merlán (Palas de Rei). Aos tres anos levárono para O Carballal (A Estrada) canda Pilar Figueiras, quen o coidou. Foi á escola da Unión de Rubín. En 1919 a súa nai Ángela casou con Jesús Varela, traballaron de caseiros en Lamas e marcharon despois para Vinseiro. Establecéronse definitivamente anos máis tarde no lugar das Pallotas da parroquia de Cercio. Ese mesmo ano de 1919 Manuel trasladouse a Cádiz co seu padriño, quen tiña un fritidor de peixe, e ficou alí durante dez meses. Con vinte e un anos viuse na obriga de emigrar para a Arxentina. En Buenos Aires fundou a compañía Aires da Terra. En 1938 estreou nesa cidade a súa primeira obra de éxito: Se o sei... non volvo á casa. Editou con Xosé Tobío Mayo e Manuel García Gerpe a folla "Crisol Gallego" que saía publicada no xornal Sábado.
Na Arxentina casou coa actriz Maruxa Villanueva, con quen fundou a Compañía Gallega de Comedias Marujita Villanueva. En 1942 Daniel Castelao asistiu á representación da obra de Varela Buxán Pola Nosa Culpa. Marabillado do éxito de público co que contaba, confioulle á compañía a estrea da súa obra Os vellos non deben de namorarse. Precisamente, a representación desta obra alternaba cada dez días con outra de Varela Buxán, Taberna sen dono. miniatura|Busto de Varela Buxán en Cercio. En 1950 retornou a GalizaEl Pueblo Gallego, 18-3-1950, p. 5. e instalouse en Cercio (Lalín). Exerceu como asistente técnico sanitario e continuou desenvolvendo o seu labor teatral. Foi presidente da xunta de electrificación de Cercio e como tal participou no acto de despedida do gobernador civil Rafael Fernández Martínez en representación das xuntas locais de electrificación da provincia.El Pueblo Gallego, 14-3-1961, p. 7. As súas obras non gozaron de edición escrita ata a década de 1970.
Faleceu en Cercio o 25 de setembro de 1986, aos 77 anos.
Temática e estilo O de Varela Buxán é un teatro que se adecúa sen problemas ao gusto do emigrante galego da época. Tratábase dunha dramática costumista, ruralista e folclórica de evocación do país. Con abondosas pasaxes cómicas, a súa creación teatral garda relación coa de Xavier Prado "Lameiro". Así mesmo, recolle a reivindicación dos problemas de Galiza.
Obras miniatura|Monumento a Varela Buxán na Rúa da cultura da Estrada. Taberna sen dono (editada en 1975). O ferreiro de Santán (editada en 1975). Se o sei... non volvo á casa (editada en 1977). A xustiza do muiñeiro (editada en 1977). O cego de Fornelos (editada en 1981). Triste chegada (editada en 1981). Os casados de pouco (editada en 1981). ¿Pista ou peste? (editada en 1981). De mulleres non me fales (editada en 1981). ¡Meu pai! (editada en 1981). Salaios dun vello labrego (editada en 1981).
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Premio de teatro MOME Varela Buxán Literatura galega do século XX Ligazóns externas Xosé Luna. "Manuel Daniel Varela Buxán. Traxectoria biográfico-dramática" tabeirosmontes.com. Daniel Varela Buxán na Biblioteca Virtual Galega.
Categoría:Dramaturgos en lingua galega Categoría:Directores de teatro de Galicia Categoría:Actores da Estrada Categoría:Galegos da Arxentina Categoría:Nados na Estrada Categoría:Nados en 1909 Categoría:Finados en 1986