Gaspar Nava Álvarez de las Asturias, conde de Noroña, nado en Castelló de la Plana en 1760 e finado en Madrid en 1815, foi un militar e escritor español que se distinguiu durante a Guerra da Independencia española. Con frecuencia é citado erradamente como conde de Noreña.

Traxectoria O militar Gaspar Nava Álvarez naceu en Castelló en 1760, cando seu pai era gobernador militar da cidade. Ingresou no exército español e serviu no asedio de Xibraltar (1782). Durante a Guerra do Rosellón, alcanzou o grao de coronel (1793). Foi embaixador acreditado perante o tsar de Rusia. Durante a Guerra da Independencia española incorporouse no Exército da Esquerda, baixo o mando do marqués de la Romana, como segundo comandante xeneral. Séndolle encomendada a misión de obstaculizar o avance do mariscal Ney cara a Vigo, o conde de Noroña dispuxo as súas tropas nos arredores de Ponte Sampaio, lugar que defendeu entre os días 7 e 9 de xuño de 1809, obrigando a retirarse a Ney. A vitoria liberou o sueste da Galiza dos franceses.

Aínda que Gaspar Nava figura nalgunhas listas como Capitán xeneral de Galiza en dúas datas distintas do ano 1809, en realidade este cargo ocupouno como subcomandante do marqués de la Romana, ante a imposibilidade deste de exercer o seu cargo, a súa función foi pois delegada. Como tal fíxose cargo da autoridade legal na Galiza e emitiu bandos. En 1811 foi nomeado gobernador militar de Cádiz.

O escritor O conde de Noroña foi tamén escritor de poemas e atribúenselle algunhas obras teatrais. Aínda que hoxe está bastante esquecido como escritor, foi no seu tempo un representante da poesía neoclasicista e prerromántica, amigo e compañeiro de armas de José Cadalso e admirador de Meléndez Valdés.

A antoloxía Poesías asiáticas puestas en verso castellano, publicada postumamente, inclúe as traducións de poesía árabe que fixo a partir de versións en inglés e en latín. Con elas encetou o gusto polo exótico e orientalizante en España, que desenvolverán José de Espronceda ou José ZorrillaColetes Blanco, Agustín (1993) Un apunte sobre la fortuna de Tagore en España, e deixou tamén pegada na obra de Gustavo Adolfo Bécquer.Bécquer, Gustavo Adolfo (1997) Rimas y leyendas (ed. de Francisco López Estrada e María Teresa López García-Berdoy). Espasa-Calpe. Colección Austral Guiado polo lema horaciano de Carmina non prius audita... virginibus puerisque canto, Noroña pretendía renovar a poesía española contrastando "as composicións cheas de lume e imaxes pintorescas" dos orientais e a súa "calor e entusiasmo" coas "insulsas filosóficas prosas rimadas" dos franceses.

Obras publicadas Poesías. Madrid. Imprenta de Vega y Compañía. 1799-1800. Odas al coronel del regimiento de la Posma. Imprenta de la Calle de la Greda. 1807. Omníada: poemas. Madrid. Imprenta Real. 1816, 2 vols. Poesías asiáticas puestas en verso castellano. París. Imp. Julio Didot. 1833.

Existe unha escolma, relativamente recente, dos seus poemas so o título: Antología poética. Edición de Santiago Fortuño Lloréns. Madrid. Cátedra. 1997.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Batalla de Ponte Sampaio

Categoría:Militares da Guerra de Independencia Española Categoría:Escritores en lingua castelá Categoría:Nados en Castelló de la Plana Categoría:Nados en 1760 Categoría:Finados en 1815