Isaac Peral, nado en Cartagena (Murcia), o 1 de xuño de 1851 e finado en Berlín o 22 de maio do 1895, foi un científico e mariño español, inventor do submarino Peral (1885), o primeiro submarino da historia que contaba cun sistema de lanzamento de torpedos, o mesmo dos submarinos actuais. Tras unha pequena mais intensa carreira como mariño da Armada Española, interveu na guerra de Cuba e na terceira guerra carlista, acreditando pericia e valor, polo que foi felicitado e condecorado. Tamén destacou en traballos e misións de carácter científico: escribiu un Tratado teórico práctico sobre huracanes e traballou no levantamento dos planos do canal de Simanalés (Filipinas).
Traxectoria miniatura|Isaac Peral.
No 1883 fíxose cargo da cátedra de Física-Matemática da Escola de Ampliación de Estudos da armada española. No 1885, trala denominada crise das Carolinas, na que Alemaña intentou arrebatar este arquipélago a España, Isaac Peral considerouse na obriga de comunicar aos seus superiores que tiña resolto definitivamente o reto da navegación submarina. Tras un rigoroso análise do seu proxecto, por parte dos máis cualificados científicos da mencionada Escola de Ampliación, estes deron a súa aprobación para que fose trasladado ó ministro da Mariña, Almirante Pezuela, quen recibiu o proxecto con caloroso entusiasmo. Mais os sucesivos ministros que lle sucederon, amosaron indiferenza ou aberta hostilidade (Almirantes Rodríguez de Arias e Beránger).
Malia todo e grazas ó apoio da Raíña Rexenta María Cristina, o submarino foi finalmente botado o 8 de setembro de 1888. O buque medía 22 metros de eslora, 2,76 de puntal, 2,87 de manga e desprazaba 77 toneladas na superficie e 85 en inmersión. A propulsión obtíñase de dous motores eléctricos de 30 cabalos cada un, e a enerxía subministrábaa unha batería de 613 elementos. Incorporaba ademais un tubo lanzatorpedos, tres torpedos, periscopio, un sofisticado "aparato de profundidades", que lle permitía ó submarino navegar en inmersión á cota de profundidade desexada polo seu comandante e manter o trimado do buque en calquera intre, incluso tralo lanzamento dos torpedos. Incluía tamén tódolos mecanismos precisos para navegar en inmersión cara ao rumbo prefixado. miniatura|Submarino de Peral no 1888. As probas oficiais desenvolvéronse ao longo de 1889 e 1890. Convén dicir que non se lle concedeu permiso para efectuar a proba clave, que solicitara o propio inventor: atravesar somerxido o estreito de Xibraltar, dende Alxeciras até Ceuta. Malia o cal, amosou nas probas que se verificaron, que podía navegar en inmersión á vontade do seu comandante, co destino, rumbo e cota prefixados e en mar aberto. Ademais, amosou que podía atacar, sen ser visto, a calquera buque de superficie. A Comisión Técnica nomeada ó efecto, avalou o éxito das probas do primeiro submarino da historia. Porén, escuros intereses nunca aclarados, motivaron que as autoridades do momento desbotasen o invento e alentasen unha campaña de desprestixio contra a persoa do inventor, quen tivo que solicitar a baixa na Mariña e tentar aclarar á opinión pública a verdade de ocorrido.
O 5 de novembro do 1891 licenciouse do servizo, e foi operado de cancro en Madrid, mais impídeselle publicar o seu "Manifesto" en ningún medio de comunicación. Finalmente, conseguiu publicalo, costeándoo do seu peto, nun periódico satírico chamado El Matute.
Adicado á vida civil, conseguiu fundar varias empresas con éxito, relacionadas coa súa especialidade, o aproveitamento da enerxía eléctrica.
O 4 de maio do 1895, Peral trasladouse a Berlín para ser operado de cancro, mais un descoido nas curas produciulle unha meninxite que rematou coa súa vida o 22 de maio. O 11 de novembro de 1911 trasladáronse os seus restos mortais a Cartagena.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Submarino Peral
Ligazóns externas Blog adicado aos submarinos Manifiesto de Isaac Peral publicado en el periodico El Matute
Categoría:Científicos de España Categoría:Nados en 1851 Categoría:Finados en 1895 Categoría:Nados en Cartaxena Categoría:Inventores de España Categoría:Navegantes