O Estadio Municipal de Pasarón é o campo de fútbol principal da cidade de Pontevedra, onde o Pontevedra CF xoga como local. Ten unha medida de 105 x 66 metros e unha capacidade de 12 000 localidades, todas elas sentadas. Está situado na rúa Luis Otero, no barrio do Burgo.
Historia miniatura|Encontro de liga da segunda división B 2016/17 entre o Pontevedra CF e o Racing de Santander.
O primeiro encontro que se xogou neste espazo tivo lugar o 16 de febreiro de 1919, entre o Pontevedra Athletic Club e o Real Coruña. Foi sede do Pontevedra CF desde a súa fundación en 1941, e acolleu tamén campionatos de atletismo (con pista de cinsa, serviu de feudo á Sociedad Gimnástica) e de balonmán a 11.
Tralo ascenso do equipo granate a segunda división na tempada 1959-60, o concello, presidido polo alcalde José Filgueira Valverde, mercoulle os terreos á familia de Valentín Paz Andrade por 1.900.000 pesetas, nun pagamento a prazos durante cinco anos. O novo estadio deseñárono os arquitectos municipais Emilio Quiroga Losada e Alfonso Barreiro Buján, en colaboración co enxeñeiro José María García-Morán Lima. Inaugurouse en 1965.
O 7 de xaneiro de 1973, nun partido entre o Pontevedra e o Sevilla FC, faleceu o xogador hispalense Pedro Berruezo ao sufrir un paro cardíaco.
Malia as reformas do ano 1982, co gallo da Copa do Mundo, o estadio atopábase demasiado deteriorado. Así, tralo ascenso do Pontevedra CF á segunda división en 2004, acometeuse unha reforma integral. Derruiuse e construíuse o novo estadio por sectores (fondo norte, fondo sur, tribuna e preferencia).
esquerda|miniatura|200px|Obras de reforma.
Tralas reformas, finalizadas en 2010, a capacidade reduciuse de 16.500 persoas a 12.500, xa que antes os fondos estaban deseñados para estar de pé. A reforma do estadio, financiada polo concello, a deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, viu como o orzamento inicial ascendía mesmo até o dobre, así como atrasos no tempo previsto de execución. Encontros
O 24 de marzo de 1998 acolleu un partido amigable entre a selección de fútbol sub-21 de España e a de Suecia (1-0), e o 10 de outubro de 2016 acolleu un encontro clasificatorio para a Eurocopa sub-21 de 2017 entre España e Estonia (5-0).
O 28 de decembro de 2008 acolleu un encontro da selección galega de fútbol feminino e a balear. O 7 de setembro de 2012 a selección española de fútbol xogou un amigable co combinado de Arabia Saudita, que se saldou con 5-0 a favor da primeira.
Outros usos Dispón de servizo de gardería e salas VIP e de prensa. Foi sede do Corpo Municipal de Bombeiros entre 1968 e 1987, e tamén do Club Ciclista de Pontevedra nos anos 80. Entre maio de 1987 e xullo de 1998 acolleu temporalmente parte do arquivo municipal mentres se acondicionaba outro espazo. En 1994 pasou a acoller a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.
Ao longo da súa historia acolleu diversos concertos e actuacións, como os de Joe Cocker, Alejandro Sanz, Mecano e Emilio Aragón en 1992, do grupo Depeche Mode en 1993, Joan Manuel Serrat en 1994 ou The Black Crowes e Julio Iglesias en 1995.
Notas
Véxase tamén
Categoría:Pontevedra CF Categoría:Deporte en Pontevedra Pasaron Categoría:Arquitectura civil en Pontevedra