miniatura|300px|Mapa dos Estados Unidos destacando en vermello a Rexión Sur, segundo a Oficina do Censo dos Estados Unidos. miniatura|300px|As catro Rexións (e as súas divisións) dos Estados Unidos segundo a Oficina do Censo. A Rexión Sur dos Estados Unidos (Southern en inglés), chamada habitualmente Sur americano, Dixie, ou simplemente Sur é unha gran rexión distintiva no sueste e centro-sur dos Estados Unidos de América. Por mor da herdanza cultural e histórica única da rexión, onde se situaron os primeiros establecementos coloniais europeos, a doutrina dos dereitos dos estados, a institución da escravitude e a herdanza da Confederación durante a guerra civil estadounidense, o Sur desenvolveu os seus propios costumes, literatura, estilos musicais, e variedades culinarias.
Xeografía Non existe unha opinión unánime con respecto á delimitación xeográfica e a mesma definición de Sur, e, tanto a súa delimitación coma a propia definición do termo, variou ao longo do tempo.
Se se utiliza a definición da Oficina do Censo dos Estados Unidos, a Rexión Sur dos Estados Unidos inclúe 16 estados (cun total de poboación estimado en 2006 de 109.083.752 habitantes) e divídese en tres unidades menores, ou divisións: Estados do Atlántico Sur (South Atlantic): Florida, Xeorxia, Carolina do Norte, Carolina do Sur, Virxinia, Virxinia Occidental, Maryland, e Delaware Estados do Centro Sueste (East South Central): Alabama, Kentucky, Mississippi e Tennessee Estados do Centro Suroeste (West South Central): Arcansas, Luisiana, Oklahoma e Texas
A definición popular do "Sur" é máis informal e xeralmente ten que ver cos estados que se separaron durante a guerra civil para formar os Estados Confederados de América. Estes estados comparten concordancias de historia e cultura que continúan ata hoxe en día. "Os estados fronteirizos" da guerra civil, expresamente Missouri, Kentucky, Maryland, e Delaware, forman aproximadamente a fronteira norte do "Sur". Estes teñen unha historia de estaren dacabalo entre a división Norte e a Sur, o que quedou claro cando se separaron durante a guerra civil aínda que permitisen a escravitude. Segundo o contexto, estes estados poden ou non ser considerados parte do Sur. Virxinia Occidental é un caso único xa que se separou de Virxinia pola súa negativa a unirse á Confederación e reter un sentido de independencia; se é culturalmente parte do Sur outra vez depende do contexto e de que diferenza se debuxe entre os Apalaches e a cultura do Sur.
Bioloxicamente, o Sur é unha rexión enorme e diversa, que ten numerosas zonas climáticas, coma a temperada, subtropical, tropical e árida. Moitos cultivos crecen facilmente nas súas terras e pódense cultivar sen xeadas durante polo menos seis meses do ano. Algunhas partes do Sur, en particular o Sueste, teñen paisaxes caracterizadas pola presenza de encinos, magnolios, enredadeiras de xasmíns de Carolina, e cornos florecentes. Outro ambiente común son os pantanos e lamazais da costa do golfo de México, sobre todo en Luisiana. O Sur é vítima do "kudzu" (Pueraria lobata), unha enredadeira invasora de rápido crecemento que cobre grandes extensións de terra e mata a vida vexetal indíxena.
Historia A cultura predominante do Sur ten as súas orixes no establecemento na rexión de colonos británicos. No século XVII, a maioría eran de orixe inglesa quen se asentaron sobre todo nas rexións costeiras do Sur, pero no século XVIII, grandes grupos de escoceses e escoceses do Ulster (máis tarde chamados escoceses-irlandeses) instaláronse nos Apalaches e o Piemonte Americano. Nun censo do 2000 de americanos e as súas ascendencias autodeclaradas (as áreas onde a xente proclama ascendencia "americana") eran os lugares onde, historicamente, moitos protestantes escoceses-irlandeses así como moitos poboadores ingleses se instalaron en América: o interior e mais algunhas áreas costeiras do Sur, e a rexión dos Apalaches. Crese que o número de escoceses americanos na rexión podería ser de 20 millóns e de escoceses-irlandeses americanos, 27 millóns. Esta xente ocupouse en guerras endémicas, comercio, e intercambios culturais cos indios americanos da rexión, coma os indios de Creek e Cheroqui. Logo de 1700, grandes grupos de escravos africanos foron introducidos para traballar nas grandes plantacións que dominaron a agricultura de exportación, cultivando o tabaco, o arroz e o anil. O algodón fíxose dominante logo de 1800. A explosión do cultivo de algodón creou a "institución peculiar" da escravitude, unha parte integrante da economía do Sur a principios do século XIX.
A universidade máis antiga do Sur, a College of William and Mary, foi fundada en 1693 en Virxinia; promoveu o ensino da economía política e educou aos futuros presidentes estadounidenses Jefferson, Monroe e Tyler, todos de Virxinia. En efecto, toda a rexión dominou a política na era do First Party System (Primeiro Sistema de Partidos): por exemplo, catro dos cinco primeiros presidentes, Washington, Jefferson, Madison, e Monroe, eran de Virxinia.
Dúas importantes cuestións políticas aconteceron na primeira metade do século XIX e causaron a aliñación política ao longo das liñas fronteirizas, reforzando as identidades do Norte e Sur como rexións distintas con claros intereses fortemente opostos e que alimentaron os argumentos sobre os dereitos dos estados que culminaron na secesión e a guerra civil. Unha destas cuestións concernía as tarifas protectoras decretadas para axudar ao crecemento do sector industrial, principalmente no Norte. En 1832, en oposición á lexislación "federal" (nacional) que aumentaba as tarifas, Carolina do Sur aprobou unha ordenanza de anulación, un procedemento polo cal un estado deixa sen efecto unha lei federal. Pouco despois foi enviada unha flotilla naval ao porto de Charleston, e utilizouse a ameaza das tropas de terra desembarcadas para impor o cobro das tarifas. Alcanzouse un compromiso polo cal estas serían reducidas gradualmente, pero o desacordo subxacente sobre os dereitos dos estados seguiu aumentando nas décadas seguintes.
A segunda cuestión concernía a escravitude, principalmente á pregunta de se a escravitude estaría permitida nos estados recentemente admitidos. A cuestión foi tratada con delicadeza por compromisos políticos deseñados para equilibrar o número de estados "libres" e "escravos". Con todo, a cuestión xurdiu de novo de forma máis virulenta, ao redor da época da Intervención Norteamericana en México, que aumentou os intereses en xogo engadindo novos territorios, principalmente no lado Sur da liña xeográfica imaxinaria de división.
Guerra civil Cara a 1855 o Sur perdía poder político respecto do Norte máis populoso e foi encerrado nunha serie de batallas constitucionais e políticas co Norte en canto aos dereitos dos estados e o asunto da escravitude nos territorios. O presidente James Polk impuxo un réxime de tarifas baixas ao país (a denominada Walker Tariff de 1846), que enfadou aos industriais de Pensilvania, e bloqueou a proposta de financiamento federal de estradas nacionais e melloras dos portos. Unha vez que o Norte subiu ao poder en 1861, moitos habitantes do Sur sentiron que era o momento de separarse da Unión.
Sete estados do algodón decidiron a secesión logo da elección de Abraham Lincoln en 1860. Estes estados formaron os Estados Confederados de América. En 1861, uníronselles catro máis. O goberno dos Estados Unidos rexeitou recoñecer os estados que se separaran como un novo país e mantivo operativo ata o último momento o seu derradeiro forte no Sur, que a Confederación capturou en abril de 1861 na Batalla de Fort Sumter, no porto de Charleston, provocando a guerra civil. Nos seguintes catro anos de guerra o Sur foi o principal campo de batalla pois todas as batallas principais, excepto dúas, libráronse en chan sureño. A Confederación mantivo un réxime de tarifas baixas para as importacións europeas, pero impuxo un novo imposto a todas as importacións do Norte. O bloqueo do exército da Unión impediu que a maior parte do comercio entrase no Sur, polo que os impostos confederados apenas se notaron. O sistema de transporte do Sur dependeu principalmente do tráfico fluvial e costeiro por barco; ambos foron pechados pola Mariña de Unión. O pequeno sistema de ferrocarril practicamente sufriu un colapso, de modo que cara a 1864 as viaxes internas eran tan difíciles que a economía confederada ficou mutilada.
A Unión (así chamada porque loitaba polos Estados Unidos) finalmente derrotou aos Estados Confederados de América (nome formal dos estados americanos do sur durante a guerra civil). O Sur sufriu moito máis que o Norte, principalmente porque a guerra desenvolveuse case por completo no Sur. Aproximadamente, a Confederación sufriu 95.000 baixas en combate e 165.000 persoas morreron de enfermidade, o que fai un total de 260.000 mortes, dunha poboación branca total no Sur naquel momento de arredor de 5,5 millóns. Segundo os datos do censo de 1860, o 8 % de todos os homes brancos entre 13 e 43 anos de idade morreu na guerra, cun 6 % no Norte e un extraordinario 18 % no Sur. Con todo, o número de baixas do Norte superou as do Sur.
Reconstrución Logo da guerra civil, o Sur foi en gran parte devastado en termos de poboación, infraestrutura e economía. A República tamén se atopaba así mesmo en reconstrución, con tropas militares no control político directo do Sur. Moitos habitantes brancos do Sur que apoiaran activamente á Confederación perderon moitos dos dereitos básicos da cidadanía (coma o dereito de votar) mentres que coa promulgación da décimo terceira emenda (que rexeitaba a escravitude), a décimo cuarta (que concedía a cidadanía estadounidense plena aos afroamericanos) e a décimo quinta (que ampliou o dereito de voto a homes negros), os afroamericanos no Sur comezaron a gozar de máis dereitos dos que nunca tiveran na rexión.
Os chamados Carpetbaggers do Norte chegaron ao Sur para participar na política e os negocios. Algúns eran representantes do Freedmen's Bureau e outras axencias de reconstrución; outros eran humanitarios coa intención de axudar á xente negra; e algúns eran aventureiros que esperaban beneficiarse a través de métodos cuestionables. Algúns políticos oportunistas pouco escrupulosos foron alí para manipular o voto negro e nalgúns casos para establecer gobernos deshonestos.
Así a todo na década de 1890 desenvolveuse no Sur un contragolpe político contra estes dereitos. Organizacións coma o Ku Klux Klan, unha organización clandestina creada para perpetuar a "supremacía branca", mediante linchamentos e outras formas de violencia e intimidación que impedisen aos afroamericanos exercer os seus dereitos políticos (as famosas incineracións de cruces non se converteron nun ritual do Klan ata a aparición do Segundo Ku Klux Klan na década de 1920) e foron creadas as leis de Jim Crow para facer legalmente a mesma cousa. Estes cambios no serían desfeitos ata finais da década de 1960 polo African-American Civil Rights Movement (Movemento polos dereitos civís afroamericanos).
Século XX O primeiro pozo de petróleo importante no Sur foi perforado en Spindletop preto de Beaumont (Texas), na mañá do 10 de xaneiro de 1901. Outros xacementos petrolíferos foron descubertos máis tarde en Arcansas, Oklahoma, e baixo o golfo de México. O resultante "boom do petróleo" transformou definitivamente a economía dos estados da Rexión Central Suroeste e conduciu á primeira expansión económica significativa logo da guerra civil.