Donald John Trump (pronunciado en inglés: [ˈdɒnəld d͡ʒɒn trʌmp]), nado en Nova York o 14 de xuño de 1946, é un executivo, empresario, político e escritor, presidente dos Estados Unidos de América entre 2017 e 2021 e desde o 20 de xaneiro de 2025. É o fundador da empresa Trump Entertainment Resorts.
Traxectoria
Formación e carreira empresarial Estudou na escola militar de West Point. É o conselleiro delegado (en inglés, CEO) de The Trump Organization, unha compañía inmobiliaria, e o fundador de The Trump Entertainment, compañía dedicada a xestionar casinos. Fíxose especialmente famoso en televisión con The Apprentice (O Aprendiz), un reality show do que foi presentador, narrador e xuíz, ademais de produtor executivo, durante as tres primeiras temporadas. Donald Trump é coautor dun libro chamado Why we want you to be rich ("Por que queremos que ti sexas rico"), que coescribiu xunto co seu amigo Robert Kiyosaki.
Ademais, participou na Batalla dos millonarios contra Vince McMahon (presidente e accionista maior da WWE) en Wrestlemania 23. A batalla consistiu en que cada milmillonario era representado por un loitador, Bobby Lashley (chamado o Superman moreno) representando a Trump e Umaga representando a McMahon; a vitoria foi para Bobby Lashley e como consecuencia Vince McMahon foi rapado por completo, o invitado foi a lenda da loita libre Stone Cold Steve Austin, quen ten fortes rivalidades con Vince McMahon. Esta particular loita foi o grande evento do 1 de abril de 2007.
Carreira política esquerda|miniatura|Chapa da campaña de Reagan co lema 'Fagamos os EUA grandes outra vez', que inspirou o lema de Trump. Outros precedentes dun lema similar remóntanse á década de 1920. Trump iniciou a súa carreira política cando anunciou a súa candidatura á presidencia dos Estados Unidos en xuño de 2015 como representante do Partido Republicano. Co seu lema "Make America Great Again" (MAGA), enfocou a súa campaña en temas como a inmigración, a economía e a desregulación. Venceu nas eleccións presidenciais de novembro de 2016, derrotando á candidata demócrata Hillary Clinton, e tomou posesión como o 45º presidente dos EUA o 20 de xaneiro de 2017. A súa presidencia estivo marcada por políticas internas controvertidas e un enfoque de America First ("América Primeiro") na política exterior. esquerda|miniatura|Escenario do atentado contra Donald Trump. Ademais do candidato republicano, foron acadados tres homes, resultando morto un deles. Despois de perder as eleccións en 2020 contra Joe Biden, volveuse presentar nas eleccións presidenciais de novembro de 2024 contra a candidata demócrata Kamala Harris, que volveu gañar Trump, após unha campaña axitada na que tivo un papel destacado o magnate de orixe surafricana Elon Musk e que incluíu un atentado no que foi ferido na orella dereita.
Política internacional esquerda|miniatura|Donald Trump recibido por Kim Jong Un o mércores 27 de febreiro de 2019 en Hanoi, Vietmam, para a súa segunda reunión cumio. (Foto oficial da Casa Branca) Durante a súa presidencia, Trump adoptou un enfoque de política exterior que moitas veces se caracterizou por ser unilateral e de confrontación. Realizou unha serie de achegamentos a líderes usualmente considerados autoritarios, incluíndo tentativas de diálogo con Kim Jong-un de Corea do Norte e unha postura conciliadora cara a Vladimir Putin, aínda que estas relacións foron complexas e obxecto de crítica dentro e fóra dos Estados Unidos. Con China, Trump iniciou a súa presidencia impondo tarifas e demandando negociacións comerciais que aumentaron as tensións, aínda que non escalou a conflitos abertos.
Ademais, a administración Trump caracterizouse por unha postura de retirada de importantes acordos e tratados internacionais. En política ambiental internacional Trump retirou oficialmente aos Estados Unidos do Acordo de París sobre o cambio climático, argumentando que era desfavorable para a economía estadounidense e negou repetidamente a existencia dun cambio climático antropoxénico.
Tamén abandonou o Plan de Acción Integral Conxunto (Acordo Nuclear con Irán) acordado por Barack Obama, reforzando unha política de "máxima presión" contra Irán.
Na OTAN, Trump acusou aos outros membros de manter un gasto insuficiente en defensa, tanto no seu primeiro mandato como durante a campaña e logo de ser electo en 2024. Tamén tentou impór aranceis a produtos europeos, aumentando as tensións transatlánticas. En relación cos veciños de Norteamérica, Trump mantivo tensións comerciais e políticas tanto con Canadá como con México, chegando a renegociar o Tratado de libre comercio de América do Norte, resultando no USMCA (Acordo Estados Unidos-México-Canadá).
Ademais, as súas declaracións despectivas sobre Estados-nación como os países africanos, Haití e Porto Rico (Estado asociado aos EUA) suscitaron indignación internacional e doméstica. Na súa visión de política exterior, Trump pareceu favorecer un retorno ás "esferas de influencia", un punto que podería aliñarse con as visións de Putin, aínda que isto resultou controvertido en canto ás relacións internacionais tradicionais dos EUA.
En Oriente Medio, Trump mostrou un claro apoio a Arabia Saudita e Israel, recoñecendo Xerusalén como a capital única do Estado israelí e non de Palestina, e causando controversia internacional.
Afirmou tamén que podería rematar coa guerra en Ucraína "ás 24 horas" da súa nova posesión.
Controversias e problemas xudiciais Donald Trump estivo envolto en numerosas controversias e problemas xudiciais. Un dos máis destacados foi a investigación sobre a interferencia rusa nas eleccións de 2016, que desembocou nunha investigación extensa dirixida polo fiscal especial Robert Mueller. A pesar de que o informe final non estableceu que houbese conspiración co goberno ruso, citou varios casos de posible obstrución á xustiza por parte de Trump.
En 2015, o cociñeiro de orixe asturiana José Andrés planeaba abrir un restaurante no Trump International Hotel en Washington, D.C. Despois de que Trump fixera comentarios despectivos sobre os inmigrantes mexicanos, Andrés retirouse do contrato, polo que foi denunciado, e el mesmo presentou unha contra-demanda. As partes chegaron a un acordo en abril de 2017. O hotel de Trump pechou, foi vendido a CGI Merchant Group, e reaberto en 2022. Andrés anunciou que volvería alí para abrir o restaurante.
Tamén en 2022, a empresa de Trump foi condenada por esquema de fraude fiscal.
Ademais, Trump enfrontou varios litixios civís e criminais que incluían cuestións sobre a súa fundación, prácticas empresariais e acusacións sobre o manexo de documentos clasificados tras deixar o cargo. Outra grave controversia xurdiu co seu apoio tácito e, ás veces, explícito, ao asalto ao Capitolio o 6 de xaneiro de 2021. Ademais, Trump foi acusado reiteradamente de promover noticias falsas (fake news) e desinformación, especialmente en relación coa integridade do proceso electoral nos EUA e a pandemia de COVID-19.
O 9 de maio de 2023, un xurado concedeulle 5 millóns de dólares á xornalista E. Jean Carroll, considerando a Donald Trump culpable de difamación e abuso sexual contra ela. En xaneiro de 2024, outro xurado ditaminou que Trump debía pagar 83,3 millóns de dólares adicionais a E. Jean por difamación continuada tras negar as súas acusacións; a sentenza foi confirmada por un tribunal federal en abril dese ano. As apelacións non reverteron os veredictos: en decembro de 2024 a corte rexeitou as apelacións relativas á condena inicial de 5 millóns, e en setembro de 2025 mantivo a sentenza de 83,3 millóns, desbotando a alegación de inmunidade presidencial.
No ámbito empresarial, a causa civil contra Trump Organization, promovida pola Fiscalía do Estado de Nova York por suposto fraude contable e inflar valoracións de propiedades, rematou cun xuízo celebrado entre outubro de 2023 e xaneiro de 2024. O xuíz ditaminou que a organización debía devolver 364 millóns de dólares correspondentes a ganancias “obidas ilícitamente”. En agosto de 2025 un tribunal de apelación anulou a sanción económica por considerala excesiva, aínda que confirmou a responsabilidade civil da Trump Organization.
En 2023 un gran xurado do estado de Xeorxia imputou a Trump e 18 persoas máis baixo a lei RICO por suposta conspiración para reverter os resultados das eleccións de 2020 no estado, incluíndo presión sobre funcionarias electorais e uso de papeletas falsas de electores. Con todo, tras cambios na fiscalía e numerosas apelacións, o novo fiscal declarouno a finais de novembro de 2025 sobresido definitivamente; o caso foi arquivado por non considerarse viable seguir con el.
En novembro de 2025 foron publicados correos electrónicos do falecido Jeffrey Epstein nos que este afirmaba que Donald Trump pasara “varias horas” na súa casa cunha das vítimas da súa rede de explotación sexual. O suceso reavivou o interese público sobre a relación entre Epstein e Trump, xerou novos interrogantes sobre o posible coñecemento de Trump das actividades delituosas do financeiro e provocou críticas xeneralizadas, tamén entre republicanos e MAGA.
Acusacións de racismo á familia Trump Trump e os seus antepasados directos (pai e avó) foron acusados de racismo en varias ocasións ao longo das súas carreiras empresariais e política. esquerda|miniatura|Protestas contra Trump cantando a canción de Woody Guthrie "This Land Is Your Land" no aeroporto JFK. As acusacións remóntanse aos anos 70 cando a empresa de Trump foi demandada polo Departamento de Xustiza dos EUA por supostamente discriminar a inquilinos afroamericanos e hispanos nos seus complexos de apartamentos. O caso rematou cun acordo no que a empresa Trump acordou non discriminar sen admitir culpabilidade.
Ademais, o pai de Donald Trump, Fred Trump, foi arrestado durante unha manifestación do Ku Klux Klan en Queens en 1927, aínda que non hai evidencias claras de que fose membro do KKK. Este evento histórico foi citado frecuentemente como contexto sobre as actitudes raciais na familia Trump.
O músico folk americano Woody Guthrie escribiu letras criticando a Fred Trump, a quen acusou de segregacionismo nas súas urbanizacións.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Eleccións presidenciais dos Estados Unidos de 2016 Eleccións presidenciais dos Estados Unidos de 2020 Eleccións presidenciais dos Estados Unidos de 2024 Impeachment Pandemia de COVID-19 por territorios Asalto ao Capitolio dos Estados Unidos de América de 2021 Ataque estadounidense-israelí contra Irán de 2026 Protestas No Kings
Persoas relacionadas Laura Loomer Steve Witkoff
Categoría:Empresarios dos Estados Unidos de América Categoría:Presidentes dos Estados Unidos de América Categoría:Nados en 1946 Categoría:Nados en Nova York Categoría:Personalidades da televisión Categoría:Estadounidenses de ascendencia alemá Categoría:Estadounidenses de ascendencia escocesa