Errico Malatesta, nado o 14 de decembro de 1853 en Santa Maria Maggiore (Campania) e finado o 22 de xullo de 1932 en Roma, é un dos grandes teóricos do anarquismo moderno. Pechou a etapa dos clásicos anarquistas, xunto con Pierre Joseph Proudhon, Mikhail Bakunin e Piotr Kropotkin.

Biografía O seu pensamento post-materialista abre unha corrente ata o momento inexistente na teoría anarquista, o que lle creará un conflito ideolóxico con Kropotkin, ó que considera próximo ó positivismo. As súas teorías influirán nas novas correntes filosóficas que xorden a finais do século XIX e comezos do XX en torno ó neokantismo e neoidealismo.

Errico Malatesta naceu nun contexto familiar pequeno-burgués do que se desprenderá ó comezar o seu activismo político traballando en diferentes oficios, entre eles o de electricista. O seu activismo político empeza con 17 anos, ó interesarse pola Internacional e o socialismo antiautoritario. En 1872 coñece Bakunin, do que se considerará discípulo. Posteriormente, Malatesta inicia un período de viaxes coa finalidade de participar en distintas axitacións sociais, percorrendo lugares como Suíza, España, Exipto, Romanía, Francia, Bélxica ou Inglaterra. En marzo de 1885, para evitar a persecución en Europa, decide fuxir a Arxentina. Alá fundará sindicatos (como a Sociedad de Resistencia Cosmopolita de Obreros Panaderos) e promoverá a organización do proletariado, á vez que se introducirá en fortes loitas ideolóxicas con anarquistas individualistas.

En 1889 volve a Italia e inicia unha longa etapa de creación e fundación de periódicos e revistas libertarias como L'Associazione (1889), L'Agitazione (1897), L'Internazionale (1901), La Rivoluzione Sociale (1902), Volontà (1913), Umanità Nova (1920) ou Pensiero e Volontà (1924), sendo as tres últimas moi importantes polo seu prestixio entre a prensa anarquista internacional da época. En 1891 en Suíza, funda o Partido Socialista Revolucionario Anárquico Italiano, unindo anarquistas ciprinianos e anarquistas propiamente ditos. Despois de ser condenado a sete meses de cárcere en Italia e a arresto domiciliario, escapa a Inglaterra desde onde axiña pasa ós Estados Unidos. En 1900 vive na Habana, e posteriormente en Nova York e Londres, onde traballa de mecánico electricista durante 13 anos, atento sempre ós movementos sociais e a manterse ó día co pensamento científico e filosófico.

En 1907, no Congreso Internacional Anarquista de Ámsterdam, volve a verse envolto en pugnas contra os anarquistas individualistas. Ese mesmo ano publicará polémicos artigos atacando o sindicalismo como cumio do anarquismo. Non prefería a participación dos anarquistas en sindicatos, senón a fusión dos mesmos. Sostiña a necesidade da participación nos sindicatos (e outras organizacións populares de loita), pero á vez que a necesidade da organización política dos anarquistas.

En 1914 interveu no Congreso do Fascio Comunista Anarchico, e participa nunha campaña insurreccional dirixida contra a monarquía de Savoia e o Vaticano. Coa chegada da primeira guerra mundial, Malatesta amósase absolutamente partidario da oposición activa ó esforzo de guerra en tódolos países, por considerala unha guerra fratricida en proveito dos intereses de minorías explotadoras. Isto producirá a separación ideolóxica con Kropotkin (partidario da aliñación con Francia e Inglaterra). A separación exemplifícase coa oposición de Malatesta ó "Manifesto dos 16" de Kropotkin.

En 1920 ten lugar unha serie de ocupacións de fábricas por parte dos traballadores, onde Malatesta participa como inspirador do movemento desde a Unione Sindicale Italiana. Coa chegada de Mussolini, Malatesta é procesado pola súa participación antifascista en varias revistas. Prisioneiro no seu domicilio, illado e reprimido polo fascismo, morre o 22 de xullo de 1932 en Roma.

As súas teorías foron desenvoltas basicamente nun gran número de revistas e periódicos que fundou e nos que participou activamente.

Alonxamento ideolóxico con Kropotkin esquerda|200px|miniatura As teorías de Malatesta teñen unha base e unha orixe en Kropotkin, malia as diferenzas en certos puntos, aumentando este distanciamento ó longo das súas vidas. Estas diferenzas poden resumirse en catro puntos: Malatesta cre que o anarquismo non se pode basear no cientifismo. Afirma que o anarquismo é un ideal ético e social proposto á vontade libre dos homes, sendo a anarquía unha orde natural, harmonía de necesidades e intereses de todos, liberdade completa no sentido dunha solidariedade así mesmo completa, dándolle un sentido ético e non científico á definición. Malatesta afirma que a vontade e a conduta do home non están predeterminadas, pois o home fórmase socialmente. Critica a teoría de Kropotkin de "Tomar do montón" (Tomar o necesario que haxa nos primeiros momentos revolucionarios). Malatesta afirma que non se debe esperar para empezar a producir, e que non hai tal montón, porque para el a abundancia só se acadaba co socialismo. Mentres Kropotkin apostaba pola intervención da clase obreira na primeira guerra mundial xunto con Francia e Inglaterra, Malatesta foi un fervoroso opositor á participación proletaria na guerra, véndoa como unha simple loita entre dous bandos igualmente imperialistas e pro-capitalistas.

Visión sobre o sindicalismo Seguindo co seu pensamento, cabe destacar a súa particular visión sobre o sindicato e a súa función dentro do movemento anarquista. Malatesta parte da premisa de que o sindicato é necesario, e que os anarquistas deben participar nel ou fundalo se non existe. Malia isto, afirma que o sindicato é un medio e non un fin. Esta idea baséase nas súas sospeitas sobre o feito de que o sindicato, se non se ten clara a súa función e é confundido cunha organización política, pode converterse nun pseudopartido, con tendencias xerarquizantes e autoritarias cara á maioría dos participantes que se acercan polo seu carácter reivindicativo. Á vez, cre que o sindicalismo non debe caer no erro do oportunismo e conformismo social, nin na pura defensa dos intereses particulares, se ben recoñece que hai unha tendencia no propio sindicalismo que o leva a caer niso (de aí a necesidade da organización anarquista separada). Moitos anarquistas vían na experiencia da CGT francesa e no declinamento do sindicalismo revolucionario ante a represión dos Estados e as concesións dos mesmos cara sectores moderados e negociadores, un claro exemplo das teses de Malatesta.

Concepción económica A postura de Malatesta respecto á concepción económica vai mudando co tempo. Nun primeiro período coincide con Kropotkin ó considerar o comunismo como un sistema económico ideal. Para el, comunismo significa que "todos traballan e todos gozan de todo. Basta só saber cales son as cousas que se necesitan para satisfacer a todos e facer de modo que todas estas cosas sexan abundantemente producidas". Segundo o autor, non tería que existir nin a moeda nin nada que a substituíse, aínda que si un rexistro das cousas pedidas e as producidas a fin de ter a produción á altura das necesidades. Di que "o que queremos facer pola forza é pór en común os terreos, materias primas, instrumentos de traballo, edificios e tódalas riquezas que actualmente existen" non se refire ó establecemento do comunismo, senón á toma dos medios de produción por parte dos traballadores que os poñen en funcionamento.

Malia esta afirmación, nunha segunda etapa da súa vida substitúe este dogmatismo económico por outra idea: a de que cada localidade de persoas experimente o seu sistema económico (mutualismo, cooperativismo, colectivismo ou comunismo). Aínda que Malatesta está aberto a que as comunidades asuman o sistema económico que prefiran, ten a certeza de que todas acabarán asimilando o comunismo como sistema económico ideal. Deste modo afirma que "Referente ó modo de organizarse e de distribuír a produción o pobo fará o que queira, tanto máis canto que na práctica pode verse cal é o mellor sistema. (...) Cando se vexa que sistema é o mellor, os demais irano adoptando".

Organización política e social Sobre a organización política Malatesta segue un método moi didáctico: en primeiro lugar define a orixe do Estado e do goberno, posteriormente fai unha crítica ó sistema de estado e de goberno na actualidade, e finalmente propón a alternativa do anarquismo como organización social e política.

Para Malatesta a palabra Estado significa o conxunto de institucións que subtraen ó pobo a xestión dos seus propios asuntos, para, mediante a delegación, confiar a algúns individuos a facultade de facer leis sobre todos e para todos. Ademais, Malatesta insiste no feito de entender como sinónimos Estado e goberno. A abolición do estado será, segundo el, a abolición de organización política que se apoia na autoridade, e á vez, a construción dunha sociedade libre e anti-autoritaria cos motores da harmonía e o concurso voluntario, para satisfacer tódalas necesidades sociais.

Á vez, rexeita dous tipos de definicións de Estado: A que o define como vínculo de conexión social, xa que por conseguinte, anarquía se podería entender como disgregación social. E a que o define soamente como poder central, xa que consecuentemente anarquía se podería entender como cantonalismo e comunalismo. Por estas dúas razóns, Malatesta propón evitar a frase "abolición do estado" e substituíla por "abolición do goberno".

Sobre o concepto de goberno, Malatesta apunta que este se constituíu historicamente a partir dun feito de forza (usurpación) ou da imposición por parte dun grupo social (predominio da minoría sobre a maioría). Respecto a este concepto, o autor dános dous definicións contrapostas. A primeira (segundo Malatesta a dada polo Goberno) consiste en entender goberno como unha entidade moral que contén atributos de razón, xustiza e independencia, cun poder social abstracto. A segunda definición, (segundo Malatesta a dada polos anarquistas) define o goberno como un conxunto de gobernantes que lexislan para regulamentar as relacións do home, que decretan, que forzan ó servizo militar, que castigan, que monopolizan, que declaran a guerra e que obrigan a todo o mundo coa finalidade de designios particulares. A súa crítica ó goberno baséase no feito de que os gobernantes non poden estar excepcionalmente dotados para apartar os propios individuos das súas deliberacións.

Unha vez rexeitado por amplas razóns o concepto de Estado e goberno, Malatesta propón a anarquía como modelo social e político en substitución do modelo que impera na actualidade.

Segundo Malatesta, o anarquismo ten unha única razón de ser, e é a rebelión moral contra a inxustiza. O anarquismo nace cando alguén ve que as causas de todo mal son as loitas entre os homes co dominio dos vencedores e a explotación dos vencidos; a submisión duns ante os outros ó longo da historia, co consecuente nacemento do capitalismo, o estado e a propiedade privada.

Para Malatesta, a base fundamental do método anarquista é a liberdade. Para el anarquía significa "non goberno", sendo o pobo mesmo o que debe decidir que facer e cando facelo. No caso de darse situacións que non se poidan resolver de manera instantánea deberíase elixir delegados, que serían persoas escollidas entre as máis intelixentes pero sen ningunha autoridade sobre os demais. Engade que a organización debe empezarse desde abaixo e ir subindo gradualmente (do simple ó composto). A súa concepción organizativa baséase na existencia de moitas agrupacións, dentro das que existen os diferentes oficios, cos seus respectivos delegados. Estes serían responsables de levar as inquedanzas da agrupación ás asembleas, sendo as súas conclusións devoltas ás agrupacións. A finalidade da anarquía pódese resumir na necesidade de que xurda unha organización social que teña por obxectivo o benestar e a liberdade, a reunión e a fraternidade humana.