A varíola, (do latín variola: 'pústula pequena') vexigas ou boasAínda que o DRAG non fai ningunha distinción, algúns dicionaristas (como Cuveiro Piñol, Valladares, Porto Rey, Filgueira, Carré ou Ibáñez) especifican que as boas son as chamadas popularmente vexigas loucas ou, tecnicamente, a varicela. Pérez Ballesteros escribiu Foguetes (1888), os seguintes versos: "D' as boas cacarañado/ saleu onte d' o hespital/ Mingo Eiroa, mal falado,/ co as carraxes d' o seu mal". foi unha enfermidade infecciosa grave, altamente contaxiosa e cun alto risco de morte, causada polo virus Variola virus (a miúdo chamado virus da varíola) que pertence ao xénero Orthopoxvirus, que se deu unicamente en seres humanos.Ryan KJ; Ray CG (editors) (2004): Sherris Medical Microbiology, McGraw Hill 4ª ed., 525. ISBN 0-8385-8529-9. O último caso de orixe natural diagnosticouse en outubro de 1977, e a Organización Mundial da Saúde (OMS) certificou a erradicación mundial da enfermidade en 1980, o que converte ás vexigas na única enfermidade humana que se erradicou.Información da OMS . (...) grazas ao éxito da campaña de erradicación, a varíola foi finalmente eliminada do corno de África, ao quedar reducida a un único caso, o cal ocorreu en Somalia no ano 1977. Unha desgraciada infección ocorreu nun laboratorio do Reino Unido en 1978. A erradicación global da varíola foi certificada, en base a diversas pescudas internacionais, por unha comisión de reputados científicos en decembro de 1979 e consecuentemente esta certificación sería refrendada pola World Health Assembly en 1980.
Os síntomas iniciais da enfermidade incluían febre e vómitos. Isto era seguido pola formación de úlceras na boca e unha erupción cutánea. Ao longo duns días, a erupción cutánea convertiase nas características bóchegas cheas de líquido cunha aboladura no centro. As protuberancias entón formaban unha costra que o caer deixaba cicatrices. A enfermidade transmitíase dunha persoa a outra principalmente a través do contacto prolongado cara a cara cunha persoa infectada ou, en raras ocasións, a través de obxectos contaminados. A prevención conseguiuse principalmente mediante a vacina contra a varíola. Unha vez que a enfermidade se desenvolveu, certos medicamentos antivirais poderían ter axudado, pero eses medicamentos non estiveron dispoñibles ata despois de que a enfermidade fose erradicada. O risco de morte era de arredor do 30 %, con taxas máis altas entre os bebés. A miúdo, os que sobrevivían tiñan extensas cicatrices na pel e algúns quedaban cegos.
Estaba causada por dúas variantes de virus que daban lugar a dúas formas clínicas, nomeadas Variola major e Variola minor. A V. major, a forma máis mortífera, alcanzaba unha proporción de mortalidade de 3–35%, mentres que a V. minor producía a morte a ~1% das súas vítimas. Outros efectos menores normalmente incluían vexigas ou bostelas na pel (de aí a denominación popular en galego de "vexigas" para designar a doenza) e ocasionalmente cegueira, debido a ulceracións na córnea. Non houbo nin hai tratamento especial para as vexigas e a única forma de prevención é a vacinación. Actualmente, a vacina xa non se administra excepto en casos moi especiais como son os dos traballadores en laboratorios nos que se conserva o virus ou a equipos de intervención preparados para combater un hipotético abrocho.
A evidencia máis antiga da enfermidade remóntase a arredor do ano 1500 a. C. en momias exipcias. Historicamente, a enfermidade producíase en brotes. Foi unha das varias enfermidades introducidas polo intercambio colombiano no Novo Mundo, o que provocou a morte de grandes cantidades de nativos americanos. Na Europa do século XVIII, estímase que 400.000 persoas morrían por mor da enfermidade cada ano e que un terzo de todos os casos de cegueira se debían á varíola. Estímase que a varíola matou ata 300 millóns de persoas no século XX e arredor de 500 millóns de persoas nos últimos 100 anos da súa existencia. Entre as mortes anteriores estaban varios monarcas europeos, como Lois XV de Francia, a raíña María II de Inglaterra, o emperador Xosé I de Austria, o rei Lois I de España, o tsar Pedro II de Rusia e a raíña Ulrica Leonor de Suecia. En 1967, producíanse 15 millóns de casos ao ano. O último caso mortal coñecido ocorreu en 1978 nun laboratorio do Reino Unido.
A inoculación contra a varíola parece que comezou na China arredor do século XVI.. Europa adoptou esta práctica de Asia na primeira metade do século XVIII. En 1796, Edward Jenner introduciu a vacina moderna contra a varíola. En 1967, a OMS intensificou os esforzos para eliminar a enfermidade. A varíola é unha das dúas enfermidades infecciosas que foron erradicadas, sendo a outra a peste bovina (unha enfermidade dos ungulados de dedos pares) en 2011.
O nome de vexigas provén da palabra latina que significa "manchado" e refírese aos avultamentos que aparecen na cara e no corpo das persoas infectadas.
Historia Durante miles de anos ocorreron ocasionalmente epidemias de vexigas; con todo, logo dun exitoso programa de vacinación mundial logrouse erradicar a enfermidade. Nos Estados Unidos, o último caso de vexigas rexistrouse en 1949, mentres que o último caso ocorrido en forma natural no mundo foi en Somalia en 1977. Unha vez que a enfermidade se erradicou en todo o mundo, suspendeuse a vacinación habitual de toda a poboación porque xa non había necesidade de previla.
Posiblemente a súa orixe sexa de hai aproximadamente uns 3.000 anos. Algúns sitúana na India, outros en Exipto. Durante varios séculos, sucesivas epidemias devastaron a poboación e era unha enfermidade tan letal que nalgunhas culturas antigas estaba prohibido dar nome aos nenos ata que contraían a enfermidade e sobrevivían a ela. A súa taxa de mortalidade chegou a ser ata dun 30% dos pacientes infectados. Aparición da enfermidade thumb|upright|Estatua de Sopona, o deus ioruba que se cre que causa a enfermidade A evidencia clínica crible máis antiga da varíola atópase nas descricións de enfermidades semellantes á varíola en escritos médicos da antiga India (xa no ano 1500 a. C.).Vaccine and Serum Evils, by Herbert M. Shelton, p. 5 e China (1122 a.C.), Originally published as así como un estudo da momia exipcia de Ramsés V (falecido no ano 1145 a. C.). Especulouse que os comerciantes exipcios trouxeron a varíola á India durante o primeiro milenio a. C., onde permaneceu como unha enfermidade humana endémica durante polo menos 2000 anos. A varíola probablemente introduciuse na China durante o século I d. C. desde o suroeste, e no século VI foi levada desde a China ao Xapón. No Xapón, crese que a epidemia dos anos 735–737 matou ata un terzo da poboación. Polo menos sete deidades relixiosas foron dedicadas especificamente á varíola, como o deus Sopona na relixión ioruba de África Occidental. Na India, a deusa hindú da varíola, Shitala, era adorada en templos de todo o país.
Un punto de vista diferente é que a varíola apareceu no ano 1588 d.C. e que os casos rexistrados anteriormente identificáronse incorrectamente como varíola.
A cronoloxía da chegada da varíola a Europa e ao suroeste de Asia é menos clara. A varíola non se describe claramente nin no Antigo Testamento nin no Novo Testamento da Biblia nin na literatura dos gregos ou romanos. Aínda que algúns identificaron coa varíola a peste de Atenas (que se dicía que se orixinou en "Etiopía" e Exipto) ou a peste que levantou o asedio de Siracusa por parte de Cartago no ano 396 a. C., moitos estudosos coinciden en que é moi improbable que unha enfermidade tan grave como a variola maior non fose descrita por Hipócrates se existise na rexión mediterránea durante a súa vida.
Aínda que a peste antonina que arrasou o Imperio Romano entre os anos 165-180 d.C. puido ser causada pola varíola, San Nicasio de Reims converteuse no patrón das vítimas da varíola por ter supostamente sobrevivido a un ataque desta no ano 450, e San Gregorio de Tours rexistrou o primeiro uso do termo "variola" tras un brote similar en Francia e Italia no ano 580. Outros historiadores especulan que os exércitos árabes levaron por primeira vez a varíola de África ao suroeste de Europa durante os séculos VII e VIII. No século IX, o médico islámico, Al-Razí, proporcionou unha das descricións máis definitivas da varíola e foi o primeiro en diferenciala do sarampelo e da varicela no seu Kitab fi al-jadari wa-al-hasbah (O libro da varíola e o sarampelo). Durante a Idade Media producíronse varios brotes de varíola en Europa. Non obstante, a varíola non se establecera alí ata que o crecemento da poboación e a mobilidade marcados polas cruzadas o permitiron. No século XVI, a varíola xa se arraigara na maior parte de Europa, onde tiña unha taxa de mortalidade de ata o 30 por cento. Esta aparición endémica da varíola en Europa ten unha importancia histórica particular, xa que as sucesivas exploracións e colonizacións por parte dos europeos tenderon a estender a enfermidade a outras nacións. No século XVI, a varíola convertérase nunha causa predominante de morbilidade e mortalidade en gran parte do mundo.
Erradicación
En 1796 Edward Jenner iniciou o que posteriormente daría lugar á vacina: o 14 de maio deste ano inoculou a James Phipps, un neno de 8 anos, un exsudado obtido das pústulas da man dunha granxeira infectada polo virus das vexigas bovinas. Tras un período de 7 días o raparigo presentou malestar. Poucos días despois, Jenner volveu realizar varias picadas superficiais con material procedente das temidas vexigas humanas, que o raparigo non chegou a desenvolver.
En 1798 Jenner publicou o seu traballo "An Inquiry into the Causes and Effects of the Variolae Vaccinae, a Disease Known by the Name of Cow Pox" , onde acuñou o termo latino variolae vaccinae (vexigas da vaca). Deste xeito, Jenner abriu as portas á vacinación.
Cinco anos despois, en 1803, fíxose posiblemente unha das campañas máis grandes para erradicar a varíola, a da Real Expedición Filantrópica da Vacina, coñecida como Expedición Balmis en referencia ao médico alacantino Francisco Xavier Balmis. Esta expedición foi de carácter filantrópico e deu a volta ao mundo entre os anos 1803 e 1814. O seu obxectivo era en principio que a vacina das vexigas alcanzase todos os recunchos do por entón Imperio Español, xa que a alta mortalidade do virus estaba ocasionando a morte de miles de nenos.
Sintomatoloxía As formas clínicas das vexigas son dúas. As vexigas maiores foron a forma grave e máis común da enfermidade, e ocasionaban unha erupción máis estendida e febre máis alta. Había catro tipos de vexigas maiores: a común (a máis frecuente, nun 90% ou máis dos casos); a modificada (leve, en persoas que se vacinaron); a lisa; e, para rematar, a hemorráxica (estes dous últimos tipos eran raros e moi graves). Historicamente, as vexigas maiores tiñan unha taxa xeral de mortalidade de aproximadamente o 30%; con todo, as varíola lisa e a hemorráxica adoitaban ser mortais.
As vexigas menores eran un tipo menos común e moito menos grave, cunhas taxas de mortalidade do 1% ou menores.
Etioloxía A varíola estaba causada polo virus varíola que xurdiu en poboacións humanas miles de anos atrás. Excepto polas reservas nalgúns laboratorios, o virus varíola está eliminado. Con todo, por mor dos sucesos internacionais de setembro e outubro de 2001 aumentou a preocupación de que o virus varíola puidese utilizarse como axente de terrorismo biolóxico. Por esta razón, o goberno estadounidense está tomando precaucións para poder facer fronte a un posible abrocho de vexigas .
Como se contaxian as vexigas