Manuel Abelenda Zapata, nado na Coruña o 2 de novembro de 1889 e finado en Perillo (Oleiros) o 20 de febreiro de 1957, foi un pintor galego.
Traxectoria Nado nunha familia moi humilde e iniciouse en traballos artesanais antes de entregarse á pintura; os únicos estudos relacionados con esta arte fíxoos na Escola de Artes e Oficios da súa cidade natal a partir de 1903, na que pronto destaca e obtén os modestos premios da época. Cun complemento económico concedido polo Concello da Coruña e mais a Deputación Provincial viaxa en 1909 a Madrid, onde se integra nos ensinos do Círculo de Bellas Artes. En 1913 viaxa a Roma para estudar na Academia de España, como bolseiro da Deputación, pero regresa a España ó ano seguinte. miniatura|dereita|Exposición no Palacio de María Pita, en 1917. De esq. a der., de pé: Tella, Abelenda, Barreiro, Sobrino, Palacios, Seijo, Sotomayor, Lloréns, Castelao, Concheiro, Francés, Madariaga (co chapeu nas mans), González del Villar e dúas persoas sen identificar. Sentados: a muller de Francés, a Pardo Bazán e Picadillo. En 1923 instalouse en Perillo (Oleiros), tras casar cunha muller dese lugar.
A partir deses anos realiza numerosas exposicións en cidades galegas (A Coruña, Vigo, Ferrol, Santiago etc.), Madrid e Barcelona, sendo considerado pola crítica da época un dos primeiros intérpretes da paisaxe galega. Novamente, cunha bolsa da Deputación coruñesa, viaxa a Italia, Suíza e Francia en 1930.
A guerra civil sorpréndeo en Madrid, onde se atopaba opositando a unha cátedra de profesor de debuxo, e permanece en Madrid ata 1939, data na que regresa á Coruña.
Continúa participando con éxito en diferentes exposicións (Vigo, 1940; Madrid, 1941; Barcelona, 1942; Oporto, 1942; Bilbao, 1945 etc.) e recibe terceira medalla na Exposición Nacional de Belas Artes de 1943, polo seu cadro Mañana de octubre desde mi estudio. É nomeado académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes (1941) e académico correspondente da Real Academia Galega (1946).
En 1957 morre repentinamente na súa casa de Perillo.
A súa obra móstrase en Europa e América, de feito, en museos de Suramérica figuran obras súas, así como no de Arte Moderna de Madrid e nos de Galiza.
Abelenda foi por completo alleo a todas as innovacións europeas do seu tempo. Pola contra, apegado á paisaxe da súa terra, interprétaa con modos técnicos emparentados co impresionismo e cun sentimento lírico intimista, de raíz literaria.
Vida persoal
Casou en 1923 con Obdulia Freire Mariñas, e foron pais de Obdulia, Leonardo e Manuela Abelenda Freire. Notas
Véxase tamén Bibliografía
Chamoso Lamas, Manuel: «Arte», en Galicia. Barcelona, Editorial Noguer. 1976. Gaya Nuño, J. A.: La pintura española del siglo XX. Madrid, Ibérico Europea de Ediciones 1970. Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia, 1987. Pablos, Francisco: Plástica galega. Vigo, Caixa de Aforros Municipal de Vigo, 1981. Pablos, Francisco: Pintores galegos do Novecentos. A Coruña, Fundación Barrié de la Maza, 1981. Pantorba, Bernardino de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes. Madrid, 1980. Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Vol. I. Xixón, S. Cañada, Edit., 1974. Fundación Barrié: Manuel Abelenda, Catálogo da Exposición celebrada pola Deputación da Coruña co gallo do centenario do nacemento. 1989.
Ligazóns externas
Roteiro cultural e literario 2017
Pintores de Galicia do século XX Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1889 Categoría:Finados en 1957 Categoría:Membros correspondentes da Real Academia Galega