Serafín Xoaquín Avendaño Martínez, nado en Vigo o 2 de agosto de 1837 e finado en Valladolid o 23 de agosto de 1916, foi un pintor galego,Blanco y Negro, 3 de setembro de 1916. representante do realismo paisaxístico luminoso e aéreo.

Traxectoria Fillo do pedagogo Joaquín Avendaño, criouse no barrio de Teis. Moi novo, na nenez, trasladouse co seu irmán Teodomiro a Madrid. Formouse na Real Academia de Belas Artes de San Fernando (1840-1855).Enciclopedia Galega Universal. Foi discípulo de Antonio María Esquivel e de Jenaro Pérez Villaamil. Vivamente apaixonado pola luz, situábase no campo co cabalete, para captar directamente a realidade non desde as formas estritas, senón desde o cromatismo. Foi un exemplo do preimpresionismo da pintura galega. De lento pero firme recoñecemento internacional na actualidade, aínda que en vida gozou de considerable prestixio, especialmente en Italia, onde residiu longos anos.

Comezou moi novo a conseguir galardóns, xa que en 1858 gañou a medalla de prata na Exposición Rexional de Santiago de Compostela,Celebrada con motivo da visita da raíña Isabel II. cunha acuarela aínda anecdótica, titulada «A miña tristura». A súa pintura parte da escola paisaxística creada polo belga Carlos de Haes, aínda que pronto se afastou dos seus modos un tanto preciosistas e fríos. miniatura|Aldea galega, ca 1908. Museo de Belas Artes da Coruña. A posición económica familiar de Avendaño permitiulle viaxar polo mundo. Na década dos sesenta coñeceu os Estados Unidos, instalando o seu estudio en Portland, Oregón, onde se fan famosos os seus cadros coa impresión dos torrentes fluviais das cataratas do Niágara.

Viaxou tamén a Inglaterra, Francia, Alemaña e Suíza. Competindo con Martín Rico, alcanzou pensión para Roma.

En 1864 conseguiu a terceira medalla na Exposición Nacional de Belas Artes, galardón que repetiu en 1892, e a segunda en 1899, compartíndoa con outro galego prematuramente falecido, Jenaro Carrero Fernández.

As súas andanzas por Europa levárono a establecerse en Italia a partir de 1876. Alí residiu ata finais da centuria, integrándose na escola paisaxística de Rivara, na que exerce notable influencia.

A súa fama lévao a conseguir distincións da Coroa belga e a amizade íntima do gran compositor Giuseppe Verdi, en cuxa quinta «La Traviatta» pasa tempadas de traballo e relacións cordiais.

De cando en vez regresa a España para participar en certames e mostrar a súa obra. En Vigo traballa na leira familiar de Bellavista, no arranque da barriada de Teis. O seu prestixio levouno a formar parte do xurado de exposicións nacionais, e a colaborar na revista Blanco y Negro, a partir do ano 1893 e ata 1911. Os últimos anos da súa vida pásaos en Valladolid, onde lle chega a morte en 1916, en plena guerra europea.

En Italia organízanse numerosas exposicións póstumas das súas obras, desde 1930 a 1990, en Roma, Turín, Xénova e Milán. En España dedícaselle atención a partir de 1940, cando o Museo de Pontevedra, por iniciativa de Xosé Filgueira Valverde, organiza a mostra titulada Enrique Campo e os seus precedentes.

Galería de imaxes

Notas

Referencias

Véxase tamén Bibliografía

Lafuente Ferrari, Enrique (1953). Breve historia de la pintura española. Madrid, Edit. Tecnos . Murguía, Manuel (1886). Los precursores. A Coruña, Biblioteca Gallega, La Voz de Galicia .

Otero Túñez, Ramón (1963). "El pintor Avendaño". Cuadernos de Estudios Gallegos. . T. 18. Nº. 54. pp. 119-122. Pablos, Francisco (1981). Pintores gallegos del Novecientos pp. 16-27. A Coruña, Fundación Barrié de la Maza .

Pantorba, Bernardino de (1980). Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes. Madrid .

VV. AA. (1979). Vigo en su historia . Vigo, Caixavigo .

Outros artigos La traviata Precursores Ligazóns externas

Avendaño no Museo de Belas Artes da Coruña.

Bibliografía sobre Avendaño en pintoresgallegos.com.

Categoría:Nados en Vigo Categoría:Pintores de Galicia do século XIX Categoría:Pintores de Galicia do século XX Categoría:Pintores de Galicia coa obra no dominio público Categoría:Nados en 1837 Categoría:Finados en 1916