Portugal (, en mirandés: Pertual), oficialmente República Portuguesa, é unha República unitaria semipresidencialista situada en Europa Occidental. Ademais do territorio continental, no oeste da Península Ibérica, o territorio da República comprende os arquipélagos autónomos dos Azores e Madeira. Portugal ten unha extensión total de 92.212 km², e unha poboación de 10.487.289 habitantes no 2012. A súa capital é a cidade de Lisboa.
A terra dentro das fronteiras da actual República Portuguesa leva habitada continuamente dende a era prehistórica. Durante os seguintes séculos chegaron á Península Ibérica os romanos, seguidos tempo despois dos suevos e dos visigodos, así como posteriormente os musulmáns no século VIII. Trala caída do Imperio Romano, no ano 410 estabeleceuse no norte peninsular o Reino de Galicia, do cal sete séculos máis tarde, no ano 1128, se separaría a súa parte sur formando o que daría lugar ao actual Portugal. Nos séculos XV e XVI, na era dos descubrimentos, Portugal estendeuse por todo o mundo converténdose nunha superpotencia política, económica e militar, que levou a ser o primeiro imperio global.
O imperio portugués foi o máis lonxevo dos modernos imperios coloniais europeos, xa que durou case 600 anos, dende a captura de Ceuta en 1415 até a entrega de Macau a China en 1999 (de facto) ou a concesión da soberanía a Timor Leste en 2002 (de iure). O imperio estendeuse ao longo dun gran número de territorios que hoxe forman parte de cincuenta e tres Estados soberanos diferentes, deixando un legado de máis de 240 millóns de falantes de lingua portuguesa e varios de crioulos de base portuguesa. Porén, a súa influencia internacional viuse reducida considerablemente durante o século XIX, principalmente por mor da Independencia do Brasil, a súa principal colonia. Xa no século XX, a revolución do 5 de outubro de 1910, depuxo a monarquía logo de séculos baixo este sistema de goberno, estabelecendo a democrática pero inestable Primeira República Portuguesa, a cal sería substituída polo Estado Novo, un réxime autoritario de dereita. A democracia foi restaurada despois da Revolución dos Caraveis do 25 de abril de 1974.
Portugal é hoxe un estado desenvolvido de economía avanzada cun alto nivel de vida, sendo o décimo noveno país do mundo en 2005 en función do seu índice de calidade de vida. É ademais un dos países máis globalizados e pacíficos do mundo, ocupando o sétimo posto nesta clasificación no ano 2008. É á súa vez membro de diferentes organizacións internacionais como as Nacións Unidas, a Unión Europea, a Eurozona, a OCDE, a OTAN, o Fondo Monetario Internacional, a Organización Mundial do Comercio, Organización dos Estados Iberoamericanos e a Comunidade dos Países de Língua Portuguesa. Etimoloxía O nome "Portugal" apareceu por vez primeira entre os anos 930 e 950 d. C., aínda que se comezou a utilizar con máis frecuencia cara a finais de século. O Rei Fernando I, chamado o Magno, denominou oficialmente ao territorio Portugal cando o deu ao seu fillo García II de Galicia no ano 1067. Porén, xa no século V durante o reinado dos suevos, o cronista limiao Hidacio de Chaves escribiu sobre un lugar chamado Portucale, sitio cara a onde fuxira o Rei galego Requiario:
Cale, presuntamente a actual Vila Nova de Gaia, xa era coñecida como Portucale no tempo dos godos. Nun escrito de 841 aparece por primeira vez mencionada unha provincia portugalense. Afonso II, ampliando a xurisdición espiritual do bispo de Lugo, di:
A etimoloxía do nome Cale é, porén, misteriosa. Algúns historiadores argumentaron que os gregos foron os primeiros en establecerse Cale e que o nome deriva da palabra grega kallis (καλλις), "fermoso" , en referencia á beleza do val do Douro. Outros afirmaran que ten a súa orixe na lingua dos galaicos, sendo este un nome celta como moitos outros que se atopan na rexión. Así, para algúns a palabra cale ou cala significaría "porto", mentres que outros argumentan que proviría da raíz da palabra Gallaecia. En calquera caso, o Portu do nome Portucale converteuse no moderno Porto, a cidade que se atopa no lugar da antiga cidade de Cale na desembocadura do río Douro.
Historia de Portugal
Primeiros asentamentos
miniatura|esquerda|210px|A Citania de Briteiros, unha das máis características da cultura castrexa. A rexión que ocupa o actual Portugal estaba xa habitada tanto polo home de Neandertal como posteriormente polo Homo sapiens. As sociedades que formaban eran de subsistencia, as cales non estabelecían asentamentos prósperos, aínda que si sociedades organizadas. Co neolítico chegou coa domesticación dos animais, coa creación dalgúns cultivos de cereais e coa pesca, tanto fluvial como mariña. Entre o 4.000 e o 2000 a.C, Portugal e Galicia viron como se desenvolvía unha cultura megalítica orixinal con respecto ao resto da península, caracterizada pola súa arquitectura funeraria, os seus rituais propios e pola práctica da inhumación colectiva.
A Idade de Bronce viu os primeiros contactos mariños entre o litoral atlántico na actual Galicia e o das illas británicas, mentres que o sur da península empezaba as súas relacións comerciais co Mediterráneo: gregos e fenicios, provenientes do actual Líbano, así como os seus descendentes, os cartaxineses. Isto trouxo consigo a instalación dos primeiros postos comerciais semipermanentes. O motor deste comercio era a riqueza da península en metais (ouro, prata, ferro e estaño) así como o salgado do peixe atlántico, que gozaba de gran reputación no Mediterráneo. Os fenicios foron, precisamente, os que fundaron Lisboa cara ao ano 1000 a. C.
A principios do primeiro milenio antes da era cristiá, chegaron á zona dende o centro de Europa os celtas, un pobo indoeuropeo que se relacionou e mesturou coas poboacións locais, formando diferentes grupos étnicos e tribos. As principais tribos eran os galaicos na actual Galicia e norte de Portugal, mentres que no sur do actual país moraban os lusitanos e os conios, estes últimos principalmente no Algarve. Estas tribos vivían en pequenos núcleos de poboación illados situados en puntos altos con casas circulares, coñecidos como castros, dos cales moitos deles se conservan en Galicia. Practicaban tamén a agricultura e a gandaría. Co seu dominio do ferro os traballos da terra foron máis eficaces, as colleitas aumentaron e melloraron as condicións de vida e a demografía.
A era romana
miniatura|dereita|Templo Romano de Évora. Os romanos invadiron por primeira vez a Península Ibérica no ano 219 a. C. Dous séculos despois, cara ao ano 19 a. C. a práctica totalidade da península formaba parte da República Romana. No norte, a primeira chegada dos romanos produciuse con Décimo Xunio Bruto, que chegou ao norte do río Douro no 137 a. C. A zona foi chamada polos romanos Gallaecia por mor das tribos callaeci. Décimo Xunio continuou a súa expedición cara ao norte sometendo aos pobos castrexos, ata chegar ao río Limia e continúa ata o río Miño onde se detivo. Como resultado deste primeiro acercamento o territorio costeiro entre o Douro e o Miño quedou explorado e sometido a control romano. A partir de entón a sociedade indíxena galaica comeza a recibir influxos romanos, realizando xa intercambios comerciais directamente con Roma. Os galaicos fan a súa entrada na historia escrita no século I na épica Púnica de Silio Itálico sobre a primeira guerra púnica dun xeito que aínda hoxe nos é familiar, dous mil anos despois:
No 62 a. C. é o propio Xulio César quen visita Gallaecia movido polo seu desexo de obter riquezas, chegando até o golfo Ártabro e abandonando esta terra por Brigantium. Con todo a conquista definitiva do noroeste da península non se realizará até o emperador Augusto entre o 26 e o 19 a. C. no contexto das guerras cántabras. O propio emperador funda pouco despois as cidades de Lucus Augusti (actual Lugo) e Bracara Augusta (actual Braga). Nun principio, Augusto inclúe este territorio na Lusitania, a provincia do sur, mais posteriormente, tras certa variedade de trocos, Diocleciano constitúe a provincia da Gallaecia no ano 298 d. C.
Na parte sur, os romanos tardaron case dous séculos en controlar a zona, perdendo moitas vidas de soldados. Cara ao ano 150 a. C. as ambición romanas sofren un duro revés cara tras estourar unha rebelión no norte, onde os lusitanos e outras tribos nativas, baixo a dirección de Viriato, conseguiron o control de todo o oeste da Península. Roma enviou numerosas lexións e algúns dos seus mellores xerais a Lusitania para sufocar a rebelión, mais foi en balde, xa que os lusitanos mantiveron o control sobre de territorio. Así, os líderes romanos decidiron cambiar a súa estratexia. Subornaron a aliados de Viriato para matalo, co que no 139 a. C., Viriato foi asasinado e Roma instalado un réxime colonial. No ano 27 a. C., Lusitania gañou o estado de provincia romana.
Os suevos, os visigodos e os árabes
miniatura|O Reino Suevo cara ao século V. No século V a Gallaecia pasou de ser unha provincia romana a albergar un reino nas mans dos suevos. O seu territorio, descrito por destacados autores coetáneos á fin da dominación romana, abarcaba a actual Galicia e gran parte do actual Portugal, chegando mesmo até Lisboa. En xeral, os límites do reino permaneceron máis ou menos intactos na parte norte até o século XII. Trala batalla de Vogladum no ano 507, os visigodos foron expulsados da Galia (agás da Septimania) polos exércitos francos que lideraban o rei Clodoveo I, chegando á Península Ibérica. Trala súa chegada foron ocupando todo o territorio, chegando a tomar Braga, capital do Reino Suevo, no ano 584. Cara ao ano 700 toda a península estaba baixo o seu mando.
Despois do século VI, o nome da España (Hispania) deixou de designar unicamente á Península Ibérica, pasando tamén a designar o territorio gobernado polos visigodos. Pola súa banda, Galicia (Gallaecia) —gobernada por un monarquía sueva— asumiu do mesmo xeito esta nova diferenciación política —posteriormente tamén xeográfica— individualizándose da España (Hispania). A fin das monarquías sueva e visigoda non cambiaron xa esta nova concepción da Península Ibérica, que quedaba repartida así en dúas entidades xeográficas, Hispania e Gallaecia, manténdose do mesmo xeito durante máis de cinco séculos, diferéncianse unha da outra con fórmulas tales como Galletiam et Ispaniam, Hispaniae et Galliciae, Hispaniis et Gallicis regionibus, presentes ó longo de toda a Idade Media.López Teixeira, 2005, p. 243.
Por outra banda Lusitania despois de ser invadida polos vándalos, os alanos, os burios e os visigodos, foi conquistada polos árabes. Así, despois de vencer aos visigodos en só uns poucos meses, o Califato Omeia comezou a expandirse rapidamente e a partir do ano 711, o sur do territorio que hoxe é Portugal converteuse en parte do Imperio de Damasco que se estendeu dende o río Indo, na India, até o sur de Francia até o seu colapso no ano 750, cando o oeste do imperio obtivo a súa independencia baixo o mandato de Abd al-Rahman I coa creación da Emirato de Córdoba. Despois de case dous séculos, no ano 929, o emirato converteuse nun Califato até a súa disolución un século despois, no ano 1031, formándose non menos de vinte e tres pequenos reinos Taifa. As principais cidades portuguesas baixo dominio árabe eran Alcácer do Sal, Beja, Coímbra, Lisboa, Santarém e Silves. A poboación musulmá, porén, eran poucos en número, permanecendo na súa maior parte no Algarve, e en xeral ao sur do río Texo. Así, o sur do actual Portugal permaneceu baixo o seu dominio durante un cinco séculos e medio, dende o ano 711 até a conquista do Algarve no 1249 por Afonso III.
A formación do Reino
miniatura|esquerda|O Psalterio de Londres, mapamundi inglés do século XII.