La Bohème é a ópera que consagrou a Giacomo Puccini como gran compositor lírico. Reflicte as súas vivencias durante os anos de estudante no conservatorio de Milán, onde compartiu habitación con Pietro Mascagni. O libreto baséase na novela por entregas, Escenas da vida bohemia de Henry Murger, publicada no periódico O Corsario ó longo de cinco anos (1845-1849). Os que axustaron a novela para face-lo libreto foron Luigi Illica e Giuseppe Giacosa.
Estreouse no Teatro Regio de Turín o 1 de febreiro de 1896.
Personaxes Rodolfo, poeta, amante de Mimí (tenor) Marcelo, pintor, amante de Musetta (barítono) Shaunard, músico (barítono) Colline, filósofo (baixo) Mimi, modista, amante de Rodolfo (soprano) Musetta, amante de Marcelo (soprano) Alcindoro, vello protector de Musetta (baixo) Benoît, caseiro dos bohemios (baixo)
Sinopse Acto I Noiteboa, na mansarda dos bohemios en París, Marcello pinta e o poeta Rodolfo lamenta non ter inspiración. Vai frío e, como non teñen leña, queiman os manuscritos do drama que está a escribir Rodolfo. Colline, el filósofo, entra aterecido e enfado por non dar empeñado uns libros para pagar a renda. Schaunard, o músico, chega con comida, viño e cartos que obtivo de coidar o papagaio dun cabaleiro inglés. Todos queren comer, pero Schaunard advirte que hai que gardar para o futuro, e só lles deixa o viño. Aparece o caseiro Benoît para cobrar a renda, os inquilinos camélano e conseguen que recoñeza que o viron nun antro; cando se decatan de que está casado, os bohemios reaxen con finxida indignación moral e o caseiro marcha sen cobrar. Entusiasmados, deciden baixar á rúa para se divertiren; Rodolfo afirma que os seguirá despois. Daquela alguén bate na porta: é Mimí, a quen se lle apagou a candea na escaleira; Rodolfo recíbea con cortesía e, cando lle vai acender a candea, tamén apaga a del; Mimí descobre que perdeu a chave do seu cuarto e os dous póñense a buscala ás escuras; cando a atopa, Rodolfo gárdaa disimuladamente no peto e seguen na procura até as mans dos dous bateren, o que serve de pretexto para se presentaren e contaren a historia das súas respectivas vidas. Rodolfo canta Che gelida manina e Mimi resposta (Sì, mi chiamano Mimi). As declaracións de amor son interrompidas polas voces dos amigos que reclaman a Rodolfo desde a rúa; el, para que non entren, dilles que non está só, e eles entenden que está a traballar coa inspiración. Finalmente, Rodolfo propón a Mimí saíren xuntos á rúa, cantando o seu amor no dúo "O soave fanciulla".
Acto II As rúas do Barrio Latino están cheas de xente e vendedores ambulantes. Os catro amigos e Mimí sentan no café Momus para cear. Daquela aparece Musetta, antiga amante do pintor Marcello, acompañada do seu amante, o decrépito Alcindoro; entre burlas e celos, Musetta consegue acordar outra vez o amor de Marcello cantando a sensual (Quando m'en vò); tras finxir que un zapato lle manca o pé para que Alcindoro lle vaia á procura doutro par, Musetta aproveita para se reunir co seu amado Marcello e pasar a conta da consumición dos bohemios a quen con ela estaba. A multitude mobilízase para ver o desfile militar, ocasión que aproveitan Marcello e Colline para levaren a Mussetta en bolandas e fuxiren entre os risos cómplices dos asistentes. Cando xa marcharon, chega Alcindoro cos zapatos e ten que pagar a conta.
Acto III A alfándega de Enfer baixo a neve, pola que entran na cidade varredores e mulleres para o mercado. Mimí, a tusir e visiblemente enferma, saca dunha fonda a Marcello para pedirlle axuda (O buon Marcello, aiuto!) e contarlle que Rodolfo marchou da casa a véspera; Marcello resposta que Rodolfo está na fonda a durmir. Rodolfo, acorda e sae fóra á procura de Marcello, sen ver a Mimí, que se deu agachado a tempo. Rodolfo explica a Marcello os motivos polos que abandonou a Mimí: empeza pretextando que por ser moi compracente con outros homes, pero a seguir confesa que ela está gravemente enferma, e que nas condicións en que viven non durará moito tempo; a dor de vela doente (Mimí e tanto malata!) e o remorso por non lle poder ofrecer unha vida mellor levárono a finxir que non a amaba para que ela o esquecese e buscase un home mellor. Marcello, sabedor de que Mimí está á escoita, tenta facer que Rodolfo cale, pero Mimí xa o escoitou todo cando dá en tusir, delatándose. Marcello déixaos para ir tras de Musetta, coa que discute por celos, e Mimí e Rodolfo acaban declarándose novamente o seu amor e acordando seguiren xuntos o resto do inverno, até abril, cando cheguen as flores e os días de sol.
Acto IV Novamente na mansarda, Marcello e Rodolfo traballan e lamentan a perda das súas respectivas namoradas (o dúo: O Mimì!, Tu più non torni! ); entran Schaunard e Colline cunha codia de pan e un arenque, e os catro parodian unha cea elegante, cantando e bailando. Entra Musetta sobrecollida, anunciando a Mimí que, desfalecida, apenas dá subido as escaleiras; todos a axudan, e Rodolfo, desesperado, acomoda a enferma nun leito. Preocupados, Musetta e Marcello saen para vender as xoias dela e traer o médico e medicinas; Colline e Schaunard van vender o abrigo do primeiro, que se despide del (Vecchia zimarra, senti). Unha vez só, Rodolfo e Mimí lembran os seus días de felicidade no dúo Sono andati?. Regresan todos e rodean a moribunda, que gradece a Musetta o manguito para quentar as mans; Musetta reza, e Mimí, en que os outros o perciban inmediantamente, morre. O último en decatarse será Rodolfo, que cando o comprende, berra desesperado: "Mimí...! Mimí...!".
Notas
Véxase tamén
Categoría:Óperas de Puccini Categoría:Óperas en italiano Categoría:Óperas de 1896