miniatura|A top model Gisele Bündchen. miniatura|Unha caricatura do ano 1796 de James Gillray, titulada Following the Fashion (en gl.: Seguindo a moda). A moda é un termo aplicado a maioría das veces a unha corrente de expresión predominante, aínda que tamén se usa como modo de expresión que pode -ou non- ser seguido polos demais. Ligada ao termo vai a idea de que a moda cambia máis axiña cá cultura na súa totalidade.
A moda pódese definir como o uso pasaxeiro que regula o xeito de vestirse, de construír, de vivir etc., segundo o gusto do momento ou como o uso social que condiciona a indumentaria segundo unhas normas preestablecidas que varían de acordo coa época e a civilización.Moda Gran Enciclopèdia Catalana Indica no seu significado máis amplo unha elección ou, máis ben, un mecanismo regulador de eleccións, realizadas en función duns criterios de gustos, diferentes en cada cultura. Aínda que a moda pode asignarse ben ó feminino ou ó masculino, algunhas tendencias son androxinias.Undressing Cinema: Clothing and identity in the movies – páxina 196, Stella Bruzzi – 2012
A moda, ou as modas, e máis concretamente a moda nos vestidos, designa o xeito de vestirse, conforme ao gusto dunha época nunha zona determinada. É un fenómeno que implica ao colectivo a través da sociedade, a visión que ela reenvía, os códigos que impón e o gusto individual. O concepto de moda pasa a necesidade de vestir. O fenómeno da moda foi durante moito tempo un privilexio da aristocracia, da corte, e dos ricos que querían imitar as formas; posteriormente popularizouse e converteuse nun fenómeno de masas.
A moda, polo tanto, no que afecta ao corpo concirne non só á indumentaria senón tamén aos complementos, á maquillaxe, ao perfume e ata ás modificacións do corpo. A moda está vinculada a varios factores, entre eles a produción en serie, a aparición de poboacións máis numerosas, as cidades e a capacidade de difusión da prensa. A moda desenvólvese en asociación cun conxunto de fenómenos creativos, dos medios, industriais e comerciais, polo cal é un elemento dunha certa complexidade característica da nosa sociedade. Pode ser vista como un reflexo social e cultural. De feito, co desenvolvemento das comunicacións e o transporte, case todas as creacións no ámbito de pezas de vestir están dispoñibles para a maioría da xente, sexa cal for o grupo social.
A difusión da moda vai ser lenta ata fins do século XVII, en diante foron as primeiras publicacións periódicas as que lle deron publicidade. Antes, o comercio, as cartas, os matrimonios, as viaxes e ata a espionaxe eran os sistemas principais de difusión da moda. A ruta da seda tivo un gran papel pero baixo o segredo da elaboración destes tipos de tecidos . No século XVI comezáronse a popularizar as bonecas de dimensións pequenas ataviadas segundo a moda do momento con todos os seus detalles, tal e como menciona unha carta do rei Francisco I de Francia dirixida a Isabella d'Este, duquesa de Mantua.Rosita Levi Pizetsky - Storia del costume in Italia, Istituto editoriale Italiano, 1966 En 1672 fundouse en Francia o xornal literario e de moda Le Mercure Galant, seguido doutras publicacións similares noutros países europeos.
A moda pode ser observada desde un punto de vista estritamente artístico ou artesanal, pero tamén pode ser analizada como un instrumento do desenvolvemento económico.
Etimoloxía A palabra moda deriva do latín modus, que significa xeito, norma, regra, tempo, melodía, ritmo.
En francés, mode aparece na escrita a partir de 1482 e refírese aos cambios nos detalles da roupa reservada para a elite. A expresión a "nova moda", "estar á moda" é do 1549.
En italiano, o termo moda aparece co seu significado actual no tratado La carrozza da nolo, ovvero del vestire alla moda, do clérigo Agostino Lampugnani, publicado en 1645.
En canto ao inglés fashion<ref>Segundo o Barnhart dictionary of etymology de 1988</ref> deriva tamén do latín facto, que en francés dará façon. Xa en 1489 aparece por escrito como o xeito de vestir ou de vivir das clases altas. Vogue, style, look e outros son case sinónimos. Mode tamén se utiliza en inglés.
Os creadores de imaxe
A moda como tal xurdiu no século XIV e foi evolucionando ata os nosos días. Durante centos de anos foron os monarcas e os nobres os que marcaron as pautas da moda. No século XVII, Lois XIII, rei de Francia, decidiu ocultar a súa calvicie cunha perruca. Ao pouco tempo, os nobres europeos comezaron a afeitarse a cabeza e seguir o seu exemplo, impoñendo un estilo que durou máis dunha década. No século XIX, as revistas femininas comezaron a promover as novas tendencias e ata a ofrecer patróns económicos para que as mulleres puidesen confeccionarse a súa propia roupa. Coa chegada do século XX e a popularidade do cine e a televisión, as estrelas da pantalla convertéronse en ídolos internacionais e empezaron a impoñer a moda. O mesmo sucedeu cos músicos famosos, os cales puxeron en voga estilos radicais que a mocidade non tardou en imitar. Hoxe en día, a situación apenas cambiou. Os anunciantes válense eficazmente de desfiles de modelos, atractivas revistas de papel satinado, carteleiras, escaparates e anuncios televisivos para crear unha demanda de pezas novas.
Historia miniatura|Dama da Antiga Grecia lucindo un quitón. Ata o século XV a historia da moda é a historia da vestimenta, dado que ata aquel momento os cambios na vestimenta eran moi lentos ou practicamente inexistentes, non se pode falar de moda no sentido actual.
As leis dos modos da época romana son un valioso documento para coñecer o xeito de vestir daquel tempo, estas leis limitaban o luxo no xeito de vestir masculino e feminino.
Xa no 215 a.C. a Lex Oppia buscaba limitar a riqueza dos vestidos das mulleres, Xulio César e outros emperadores interviñeron contra os traxes de homes e mulleres fixando tamén o prezo.
As imposicións no xeito de vestir era xusto o contrario do concepto de moda propiamente dito; por exemplo en moitos lugares obrigábase os xudeus a portaren un distintivo no seus vestidos e en ningún caso había unha liberdade no xeito de vestirse que, en toda Europa occidental, estaba suxeita a numerosas regulamentacións.
Este tipo de leis antisuntuarias e de obrigacións no vestido continuaron ata o século XVIII. En 1789, ás portas da Revolución francesa, os burgueses parisienses presentáronse á apertura dos estados xerais con vestido negro e gravata branca, vestido este que se lles impuxo para humillalos ante a aristocracia que estaba moi luxosamente ataviada. Aínda así este contraste no xeito de vestir provocou o efecto contrario posto que a Asemblea Nacional Constituínte aboliu as diferenzas de clase, en Francia, en canto ao vestiario.
A moda no Renacemento miniatura|Miguel de Cervantes lucindo unha gorgueira segundo a moda do seu tempo Co renacemento redescóbrese a humanidade como centro do Universo,; por primeira vez estudáronse as proporcións. Ata a primeira metade do século XVI homes e mulleres usaban vestidos que seguían as formas do corpo sen alteralas. Na segunda metade do século XVI iniciouse un proceso de maior rixidez no vestiario debido á influencia da moda de España e da intervención moral da contrarreforma. Os vestidos volvéronse a pechar e a finais do século púxose de moda a gorgueira -que era un pescozo de tea amidonado- e as saias femininas eran en forma de campá ríxida.
Século XVII Cara a 1630 a moda masculina toma un aire case militar cunha especie de corpiño e botas altas de coiro, cunha espada á beira e bigote marcial. Nesta época domina a moda francesa tanto nos homes como nas mulleres.
O caso do rei Sol, Lois XIV, foi un auténtico paradigma, impuxo unhas modas e unha etiqueta que se copiou en toda Europa. En Versalles había unhas regras precisas de como debía vestir a nobreza. Unha novidade absoluta foi a introdución do habit a française (vestido como os franceses) que constaba de tres pezas: unha chaqueta de coiro, unha longa peza á cintura e uns pantalóns curtos ata o xeonllo. Outra novidade co mesmo éxito foi a perruca masculina con rizos, esta facía máis grande e estilizada a silueta de quen a levaba.
A finais do século XVII inventouse a gravata, nun principio de muselina, ornamentada con círculos, e que rodeaba o pescozo. Tamén os labores de punto pasaron de Venecia ao mundo occidental.
Século XVIII É neste século cando a moda aparece como unha industria e queda totalmente igualada para toda a civilización occidental. É tamén no século XVIII, como consecuencia do triunfo da burguesía e do individualismo, que aparecen os primeiros nomes de creadores de moda e de estilistas.
No século XVIII será o triunfo do rococó onde a moda feminina da época se caracteriza pola opulencia e a elegancia, con cores vivas, flores bordadas e labores de encaixe. Maliciosamente puxéronse de moda as falsas pencas no escote, na parte descuberta do peito, pero aínda con todo isto a figura da muller estaba rixidamente engaiolada. As mulleres da clase alta só podían sentar nun diván e éralles difícil pasar pola porta xa que levaban baixo as saias unha armazón chamada cancán. O vestido máis utilizado ata o 1770 chamábase andrienne, tamén chamado roupa á francesa, que levaba un longo manto para o que se necesitaban metros de tea.
Logo de 1770 os vestidos foron máis redondeados e acurtáronse ata ensinar o nocello. Apareceron gabardinas abrochadas por detrás e abertas por diante, chamadas polonaise, e chaquetas curtas e estreitas. Finalmente o gusto neoclásico que se abría camiño achegou a simplicidade e as mulleres vestiron traxes camiseiros, con vestido longo, suave e fino. Para o home continuou o uso do habit a française, pero con cores claras e decoración bordada. Acompañábase tamén cun pequeno colo duro. Logo de 1770 comezaron, sobre todo na moda masculina, a insinuarse influencias inglesas que xa emprendera a Revolución industrial e tiña gran riqueza nas súas colonias.
Na Francia revolucionaria unha violenta reacción popular afectou tamén á moda aristocrática: comezaron a desaparecer prezados tecidos, cosméticos e outros. Abandonouse a seda pola muselina de algodón. Tamén para as " xoias" comezou a usarse o ferro. As mulleres levaban unha banda vermella ao redor do pescozo chamada graficamente a guillotina. Foi tamén popularizado o corte do cabelo à la victime, que recordaba o que se impuña aos condenados á guillotina. miniatura| Xosefina Bonaparte, esposa de Napoleón, cara ao ano 1801. A perruca usábana os dous sexos. A raíña de Francia María Antonieta facíase facer polo seu peiteador, Leonard, peiteados monumentais nas perrucas. Ata a Revolución Francesa só se vían brancas. Tamén os cosméticos se difundiron entre homes e mulleres: en xeral a figura masculina vaise ver máis afectada e menos marcial que no século XVII.
Século XIX No século XIX, o inglés Charles Frederick Worth, durante o Segundo Imperio Francés, crea o modelo actual do modisto creador e, aproveitando os avances da revolución industrial, foi o primeiro que mirou de industrializar as súas creacións e todos os complementos do vestir, que ata entón nada máis que eran feitos en pequenas artesanías.
Sobre todo é o xeito de vestir masculino o que sofre un cambio máis profundo e radical. Para substituír o que se considera a frivolidade do século anterior, imponse un look austero e rigoroso, corte simplificado, tecido de punto robusto e decoración reducida ao mínimo. Todo isto abre a influencia inglesa que propón unha elegancia máis práctica e civil, informal e deportiva... Por iso a sinxeleza do vestido do gentleman entrou en toda Europa, en particular o frac e a levita ( frock coat) que permitía cabalgar de forma cómoda. miniatura|O dandi Brummel no 1805 segundo Richard Dighton.