O tesouro de Agolada é un conxunto de xoias, datadas probablemente no Bronce Inicial ou Bronce Antigo B (1700 - 1600 a. C.), composto por unha gargantilla e dous brazaletes de ouro. Atopouse, preto do Castro de Goiás, na parroquia de Ferreiroa, nun túmulo con motivo das obras da estrada de Lalín a Agolada no ano 1920, polo que se entende que formaba parte dun enxoval funerario.
O conxunto ten varios paralelos en Galicia, pero fóra de Galicia só se teñen atopado obxectos semellantes na Bretaña francesa, feito que é interpretado como unha testemuña das relacións atlánticas entre os poboadores do territorio galego e os da Bretaña francesa nos inicios da Idade de Bronce, sendo tamén interpretados como a expresión dunha sociedade xerarquizada.
Na actualidade consérvase no Museo de Pontevedra.
Descrición A gargantilla é unha delgada lámina rectangular con estreitamentos cara aos extremos. Mide 40 cm de lonxitude e 7,6 de ancho no centro onde alcanza a maior anchura e se decora con dezaoito cortes horizontais resultando dezanove canas limitadas por outras tres canas verticais feitas con buril. Nos extremos presenta pestanas dobradas para o seu enganche.
Os brazaletes son subcilíndricos, macizos, con forma de curva elíptica, lisos e abertos, que rematan en dous botóns planos. O seu diámetro máximo é de 9 cm e pesan entre 300 e 400 gramos.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Tesouro
Ligazóns externas Ficha da mámoa onde foi atopado o tesouro Blog onde se pode contemplar unha imaxe do tesouro
Agolada Categoría:Agolada Categoría:Xoiaría de Galicia Categoría:Prehistoria de Galicia Categoría:Museo de Pontevedra Categoría:Artigos de Galicia sen imaxes