A República Turca do Norte de Chipre (RTNC) (en ; KKTC) é un estado de facto, que controla o terzo norte da illa de Chipre, no Mediterráneo oriental.
Turquía é o único país que a recoñece; todos os demais gobernos e as Nacións Unidas recoñecen a soberanía da República de Chipre (coñecida tamén só como Chipre) sobre toda a illa. A Organización da Conferencia Islámica recoñece á República Turca do Norte de Chipre como un estado constituínte, baixo o nome de Estado Turco Chipriota.
O norte de Chipre esténdese desde o a punta da Península de Karpass no nordés ata a Baía de Morphou, Cabo Kormakitis e o seu punto máis occidental, o exclave de Kokkina no oeste. O seu punto máis meridional é a aldea de Louroujina. Unha zona desmilitarizada baixo o control das Nacións Unidas esténdese entre o norte de Chipre e o resto da illa e divide Nicosia, a cidade máis grande da illa e capital de ambos lados.
Un golpe de estado en 1974, realizado como parte dun intento de anexar a illa á Grecia, provocou a invasión turca de Chipre. Isto provocou o desaloxo de gran parte da poboación gregochipriota do norte, a fuxida dos chipriotas turcos do sur e a partición da illa, o que levou a unha declaración unilateral de independencia por parte do norte en 1983. Debido á súa falta de recoñecemento, o norte de Chipre depende en gran medida de Turquía para obter apoio económico, político e militar.
Os intentos de alcanzar unha solución á disputa de Chipre non tiveron éxito. O Exército turco mantén unha grande forza no norte de Chipre co apoio e aprobación do goberno da RTNC, mentres que a República de Chipre, a Unión Europea no seu conxunto e a comunidade internacional considérao como unha forza de ocupación. Esta presenza militar foi denunciada en varias resolucións do Consello de Seguridade das Nacións Unidas.
O norte de Chipre é unha república democrática semipresidencial, cun patrimonio cultural que incorpora diversas influencias e unha economía que está dominada polo sector servizos. A economía experimentou un crecemento durante os anos 2000 e 2010, co PNB per cápita máis que triplicado na década de 2000, pero está freada por un embargo internacional debido ao o peche oficial dos portos do norte de Chipre pola República de Chipre. O idioma oficial é o turco, cun dialecto local distinto que se fala. A gran maioría da poboación está formada por musulmáns sunitas, mentres que as actitudes relixiosas son na súa maioría moderadas e laicas. O norte de Chipre é un estado observador da ECO e da OCI baixo o título de "Estado turcochipriota", e de PACE baixo o título "Comunidade turcochipriota".
Historia
Debido á súa localización xeográfica e á súa importancia estratéxica, Chipre foi invadida polos Hititas, Asirios, Exipcios, Persas, Ptolemeos. Romanos, Bizantinos, Lusignanos e Venecianos.
En 1571, a illa foi conquistada polo Imperio Otomán. Os otománs gobernaron a illa mediante o sistema millet onde todos os individuos foron clasificados segundo a súa relixión. Chipre estivo baixo dominio turco ata 1878, cando a súa administración pasou a Gran Bretaña. Ata a primeira guerra mundial, a illa pertenceu legalmente a Turquía, momento en que foi anexionada por Gran Bretaña debido a súa belixerancia aliada cos Imperios Centrais. En 1960, obtén a súa independencia.
Independencia de Chipre
O dominio británico non puido conter as aspiracións propias de ambas as comunidades. Os greco-chipriotas, que iniciaran en 1830, cando nace o estado grego, un reclamo pola ENOSIS (unión con Grecia, coa que tiñan vínculos culturais e históricos). Contrariamente, os turco-chipriotas conformaron a "Volkan", unha milicia que en 1858 pasou a chamarse Organización de Resistencia Turca (TMT) cuxo obxecto era evitar a ENOSIS apoiando o TAKSIM, repartición da illa entre Turquía e Grecia.
As demandas derivaron nunha loita violenta, dirixida pola Organización Nacional de Loitadores Chipriotas (EOKA), co apoio do Arcebispo Makarios III, arcebispo e primado da Igrexa Autocéfala Ortodoxa de Chipre (ou Igrexa Ortodoxa Chipriota). Perante tal situación, os turcos pasaron a apoiar o dominio británico para evitar ser súbditos dun estado grego.
Ante o custo militar e en vidas humanas que demandaba ao Reino Unido manter a situación colonial, este país invitou a Grecia e a Turquía para atopar unha solución á cuestión chipriota.
Iso derivou no Acordo de Zürich de 1958 e no Acordo de Londres de 1959. Os mesmos entraron en vigor o 16 de agosto de 1960 co nacemento da República de Chipre a través dunha complexa constitución cuxos principais puntos eran:
República bicomunal con status igualitario de ambas as comunidades. Grecia, Turquía e o Reino Unido serían as potencias garantes, con dereito de intervención cando o réxime constitucional se vise en perigo. Coa finalidade de evitar a enosis, declarouse que Chipre non podía unirse a ningún estado, grupos de estados e organizacións das que Grecia e Turquía non fosen parte. Tamén se estableceu a non participación, en todo ou en parte, da República de Chipre nunha unión política ou económica con outro Estado. O poder executivo quedaba a cargo dun Presidente greco-chipriota, e un Vicepresidente turco-chipriota, elixidos polas súas respectivas comunidades por sufraxio universal. Ambos gozarían de poderes idénticos, con dereito a veto. O poder lexislativo (casa dos representantes) con integrantes elixidos por cada comunidade en proporción 70/30. Cada comunidade disporía da súa propia cámara lexislativa comunal con competencia no ámbito relixioso e cultural entre outros. As dúas comunidades aceptaron nos tratados renunciar ás súas demandas de enosis e taksim.
División intercomunal
O líder greco-chipriota, Makarios, contrario á igualdade intercomunal, buscou eliminar o dereito a veto dos turco-chipriotas a través da modificación da constitución. O rexeitamento destes provocou diversos actos de violencia no ano 1963, que terán a súa culminación no mencionado ano, ao seguinte e en 1967.
Consecuentemente, os turco-chipriotas víronse obrigados a deixar sectores da illa, illarse en enclaves e deixar os seus postos laborais. O Consello de Seguridade da ONU aprobou a instalación dunha forza de paz na illa UNFICYP, aínda despregada na mesma.
Operacións militares turcas
O 15 de xullo de 1974 efectúase na illa un golpe de estado contra o Goberno de Makarios. Este foi liderado por un grupo de militares gregos e grecochipriotas coa intención de revivir a ENOSIS. O mesmo contaba co apoio da denominada "Ditadura dos Coroneis" de Atenas (1967-1974).
Isto espantou a Turquía que temía pola minoría turcochipriota que se comprometeu defender polo tratado de garantías que dera orixe ao estado chipriota. Por iso, levou a cabo unha masiva invasión do sector norte de Chipre a través da denominada Operación Atila (tamén denominada polos turcos "Operación de Mantemento da Paz").
Consecuentemente, o 37% de territorio quedou en mans turcas e, entre 140.000 e 160.000 grecochipriotas tiveron que fuxir da parte norte da illa.
Desde entón, a volta dos refuxiados ás súas terras e ás súas propiedades é reclamada polos grecochipriotas. Turquía, pola súa banda, respondeu coa proclamación en 1975 do "Estado Federado Turco de Chipre" e en novembro de 1983 cunha declaración de independencia converténdose na República Turca do Norte de Chipre (RTNC).
Situación posterior á invasión turca
Desde a realización da operación de 1974, a ONU intentou resolver o conflito sen éxito.
En 1999, a Unión Europea estableceu no Consello Europeo de Helsinqui que a reunificación non era unha precondición para a adhesión de Chipre. Grecia ameazou con vetar a candidatura de Turquía se non se incluía esta decisión.
Nacións Unidas realizou innumerables esforzos para a solución do conflito a través da reunificación. As propostas realizadas polo Secretario Xeral de Nacións Unidas en 1984, 1986 e en 1992 foron rexeitadas polos grecochipriotas por non admitir a igualdade política entre as dúas comunidades. Outros intentos de solución ao conflito fracasaron en 1996 e 1997, debido a que aos turcochipriotas non se lles recoñecía como Estado independente.
O entón Secretario Xeral da ONU, Kofi Annan, presentou unha nova proposta en 2002 que incluía conceptos que provocaron fortes reticencias entre a comunidade grega. Revisada en 2003, establecía a creación dunha federación de dous estados -o Estado Greco Chipriota e o Estado Turco Chipriota- unidos conxuntamente por un goberno federal con escaso poder, algo similar a Suíza.
Logo de innumerables conversacións, o 24 de abril de 2004, o plan de paz do Secretario Xeral de Nacións Unidas para Chipre foi presentado á súa ratificación en referendo en ambas as comunidades.
Os turcochipriotas, ignorando o consello do seu presidente Rauf Denktash (que recomendaba votar en contra), aprobaron a proposta polo 65% da súa poboación. A comunidade grecochipriota rexeitou o plan e, con iso, acabábanse todas as esperanzas de que unha Chipre unificada puidese acceder á UE o 1 de maio de 2004. Gran parte da poboación grecochipriota pensaba que o plan daba demasiados poderes á parte turca. O principal escollo foi a oposición grega a que non todos os refuxiados grecochipriotas puidesen volver ás súas casas, que as tropas turcas puidesen permanecer na illa indefinidamente e que tamén o fixesen os 45.000 colonos turcos fincados na mesma.
Goberno e política
Forma de Estado: República secular e parlamentaria baseada na constitución de 1985, moi parecida á de Turquía. Xefe de Estado: presidente elixido por elección directa e por un termo de cinco anos. O actual presidente é Mehmet Ali Talat, electo en abril de 2005 como segundo presidente da república. Lexislatura: Unicameral. A asemblea lexislativa (Cumhuriyet Meclisi), ten 50 membros electos en forma directa por sufraxio universal, e por un termo de cinco anos. Executivo: a cargo do consello de ministros nomeados polo Presidente por consello do Primeiro Ministro.
Principais partidos políticos
Partidos parlamentarios
Partido Republicano Turco (CTP) Partido Nacional de Unidade (UBP) Partido Demócrata (DP) Movemento de Paz e Democracias (BDH)
Partidos non parlamentarios
Partido Comunista de Liberación (TKP) Partido Novo Chipre (YKP)
Sistema xudicial
A corte máis alta é a Suprema Corte de Xustiza. Esta funciona como corte constitucional, corte de apelacións e Alta Corte Administrativa. Posúe sete xuíces.
Cortes subordinadas:
O poder xudicial é exercido, ademais de pola Suprema Corte de Xustiza, polas cortes de Assize, distritais e de familia.
Corte Suprema de Xustiza
Composta polo presidente e xuíces da Suprema Corte, un membro nomeado polo Presidente da República Turca do Norte de Chipre, outro nomeado pola Asemblea Lexislativa, o Fiscal Xeral e un membro elixido pola Asociación Bar, é responsable do nomeamento, ascenso, transferencia e asuntos de disciplina de todos os xuíces.
Os nomeamentos dos presidentes e xuíces da Corte Suprema áchanse suxeitos á aprobación do Presidente da República.
Xeografía
A República Turca do Norte de Chipre ten unha poboación de ao redor de 190.000 habitantes e unha área de 3.355 quilómetros cadrados.
Chipre é a illa máis oriental do Mediterráneo e a terceira en tamaño tras Sicilia e Sardeña. O punto máis próximo a Turquía é de 67 Km, 102 Km de Siria e 417 de Exipto.
A República Turca do Norte de Chipre ten uns 190 km de longo, uns 65 de ancho e 3514 Km², comprendendo un 36% da illa.
A súa xeografía caracterízase por unha sucesión de cadea montañosa, chaira e praias. A cadea de Kyrenia (Beşparmak - cinco dedos) que corre de en sentido leste-oeste, ten o seu pico máximo no Monte İçova de 1023 m de altura.
Cara ao leste da illa, a cadea perde altura e esténdese ao longo da península de Karpas.
Principais cidades