José Manuel Palacín Rodríguez, nado no Porriño en 1966, é un político galego, que foi líder do Centro Democrático Liberal e de Converxencia 21.
Traxectoria
Fillo de emigrantes, estabeleceuse na península de forma definitiva en 1973. É licenciado en Xeografía e Historia e tamén fixo estudos de música sendo saxofonista e vocalista de dous grupos musicais, BBC - Mañana Examen e Muerte en la Noria. Posteriormente estudou Arquivística e Historia das Institucións.
Principiou na política en 1985, co extinto CDS, de Adolfo Suárez, onde foi colaborador de Francisco Moldes Fontán. Non obstante, en 1993, retirouse co obxectivo de rematar os seus estudos e para dedicarse á música. No ano 2000 editou un disco co grupo Muerte en la Noria. En 2001, da man de José Manuel Barros González, alcalde do Porriño e exvicepresidente da Deputación, traballou para o Partido Popular de Galicia, se ben a comezos de 2007 retornou ás súas orixes centristas entrando a formar parte do Centro Democrático Liberal, encargándose de artellar o partido en Galicia. Presentouse ese mesmo ano como candidato polo CDL ás eleccións municipais na cidade de Vigo.BOP. Pontevedra , 1/05/2007. O 23 de xuño de 2007 foi designado voceiro autonómico do partido, posto que non foi ratificado ata o 14 de marzo de 2009. Foi membro da executiva nacional como vogal por Galicia despois do II Congreso Nacional en xaneiro de 2008, sendo un dos cinco principais poñentes do partido. En maio de 2009 integrou a candidatura do CDL ás Eleccións de Deputados ó Parlamento Europeo.BOE, 06/05/2009..
O 19 de xuño de 2010 celebrouse en Vigo o I Congreso Federal do CDL de Galicia no que resultou elixido como Presidente da Federación Galega. Tras artellar o partido ó longo dese ano, conseguiu presentar oito candidaturas nas municipais de 2011 e acadar seis concelleiros. Foi elixido como candidato á Xunta nas Autonómicas de outubro de 2012, logrando 1.554 votos, multiplicou por oito os resultados das Europeas de 2009.
En outubro de 2012 celebrouse en Madrid o IV Congreso Nacional onde José Palacín, amais de ser o creador do Regulamento, tamén presentou un modelo federalista para a xestión interna que non foi aceptado. Chegado o fin do seu mandato, que se cumpría o 19 de xuño de 2013, José Palacín convocou a Convención Federal e nela anunciou que non se ía presentar a un segundo mandato debido á incompatibilidade persoal coa práctica da política. Deixou a presidencia o 24 de xuño de maneira oficial.
A mediados de 2018 Palacín comezou a prestar apoio ao alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, ata o punto de que en abril de 2019 o líder de C21 anunciou que Palacín concorrería nas súas listas como número 3 cara ás municipais de maio. Non obstante os resultados foron "moi malos" (como recoñeceu o propio Padín) e iso foi motivo de renuncia a acta de el mesmo e da súa número dous, Milagros González. José Palacín, terceiro da lista, acabaría asumindo a acta de concelleiro, sendo o único representante dos liberais en toda Galicia. O 10 de xullo de 2021 foi elixido secretario xeral de C21 Tui. Dende novembro de 2022 é o presidente nacional de C21. Para as eleccións locais de 2023 concorreu como candidato por Tui, conseguindo manter a súa condición de concelleiro. En abril de 2025 disolveuse o seu partido C21 e pasou a ter a condición de non adscrito na corporación.
Obras Palacín colaborou como articulista en varias publicacións como A Nosa Costa, A Nosa Galicia, Galicia Confidencial, Atlántico Diario ou Minuto Digital - (La Gaceta). Os seus escritos e enlaces exprésanse no seu blog persoal Discusiones Bizantinas.Discusiones Bizantinas Actualmente escribe en exclusivo para a publicación "Adiante Galicia".
Notas
Categoría:Políticos de Galicia Categoría:Nados no Porriño Categoría:Políticos do PPdeG Categoría:Políticos do CDS Categoría:Nados en 1966