Campina Grande é un municipio brasileiro do estado da Paraíba, considerado un dos principais centros industriais da Rexión Nordeste e un dos maiores centros tecnolóxicos da América Latina. Foi fundada o 1 de decembro de 1697 e alcanzou a categoría de cidade o 11 de outubro de 1864. Pertence á Rexión Xeográfica Inmediata de Campina Grande e á Rexión Xeográfica Intermedia de Campina Grande. De acordo co censo de 2024 o IBGE, a súa poboación é de 440,939 habitantes, sendo a segunda maior cidade da Paraíba; na súa rexión metropolitana, formada por dezanove municipios, viven unhas 651,619 persoas.
Situada a 128 quilómetros da capital do estado, João Pessoa, Campina Grande é un importante centro universitario, xa que ten 21 universidades e facultades, das cales tres son públicas. É tamén a cidade con maior número proporcional de doutores do Brasil, 1 para cada 590 habitantes, seis veces superior á media nacional. Para alén do ensino superior, o municipio destaca polos seus centros de capacitación para o nivel medio e técnico. Tamén posúe o segundo maior PIB entre os municipios paraibanos, representando o 15.63% do total das riquezas producidas na Paraíba.
Campina Grande é sede de varios eventos culturais de sona, dos que sobresaen os festexos de San Xoán do mes de xuño, o Festival Internacional de Música (FIMUS), o Festival Internacional de Jazz (FIMUS Jazz). Así mesmo, acolle varios eventos relixiosos, como o Encontro da Nova Consciencia (ecuménico), o Encontro para a Consciencia Cristiá, e o CRESCER (Encontro da Familia Católica), realizados durante o entroido. Tamén é de interese o Festival de Inverno, entre outros eventos.
Notas
Categoría:Cidades da Paraíba