O mosteiro de Santa María da Armenteira é un mosteiro románico de transición, ou protogótico, que pertenceu desde a segunda metade do século XII á Orde do Císter. Sitúase na parroquia de Santa María da Armenteira, no concello pontevedrés de Meis. O seu estilo arquitectónico responde aos preceptos do Plano Bernardino baseado na austeridade formal e o rigor funcional. Desamortizado en 1836, foi abandonado ata finais do século XX, cando acolleu a unha comunidade de monxas da Orde Cisterciense da Estrita Observancia.
Historia Fundación A lenda conta que foi fundado por Santo Ero. Risco recóllea así Risco 1962:356.:
Castelao utilizou este motivo para o ex libris que debuxou para Xosé Filgueira Valverde.
Segundo a obra Relación escrita del Convento de Armenteira, escrita por frei Basilio Duarte no século XVII, a primeira referencia documental é a doazón do lugar de Gondes no 1149 feita por Diego Ovéquiz ao abade Ero. Mais outras fontes, como a propia documentación do Císter sinalan que foi no 1162 cando se incorpou á obediencia cisterciense, aínda que puido ser fundado como beneditino en 1151.
O patrimonio monástico conformouse nos séculos medievais grazas compras e ás doazóns nobiliarias e reais. Entre estas últimas destaca a do ano 1175, do rei Fernando II de Galicia quen lle outorgou a décima parte das rendas de Pontevedra. Tamén recibiu donativos de Afonso IX e Sancho IV. O seu dominio estivo concentrado na península do Salnés.
Con todo, a situación da comunidade medieval foi de pobreza, segundo as fontes coetáneas. Detrás disto estaba a presión nobiliaria para quedar coas propiedades do mosteiro. Deste xeito, no século XV, o papado interveu para favorecer o mosteiro: no ano 1439, Uxío IV asinou unha bula que obrigraba á devolución as propiedades usurpadas, e no 1462, Pío II, exime ao mosteiro de pagar tributos ao Arcebispado de Santiago de Compostela.
Idade Moderna No ano 1427, en Santa María de Sión, na periferia de Toledo, frei Martín de Vargas fundou a Congregación Cisterciense Reformada, tamén coñecida como Congregación de Castela ou, popularmente, Orde dos bernardos. A chegada ao trono de Sabela de Castela supuxo un pulo para a incorporación progresiva dos mosteiros galegos do Císter a esta congregación, aínda que a da Armenteira foi tardía, no 1525, sendo rei Carlos V. Logo da incorporación a esta congregación o mosteiro coñeceu un período de renovada prosperidade que levou á edificiación dun novo claustro. miniatura|Mosteiro e freguesía da Armenteira no mapa da xurisdición da Lanzada incluído no Catastro de Ensenada, 1752. No Antigo Réxime o dominio monástico de Santa María da Armenteira incorporaba as seguintes parroquias:
Na arquidiocese e provincia de Santiago de Compostela: miniatura|Corredor do claustro. Santa Ana da Barcia do Seixo Santa María de Perdecanai San Martiño de Agudelo Santa María de Curro Santa María de Caldas de Reis Santa Cruz de Castrelo Santa María de Troáns Santa Eulalia de Xil Santa María de Covas Santa María da Armenteira San Martiño de Meis San Salvador de Meis San Vicente de Nogueira Santa María de Paradela San Gregorio de Raxó San Vicente do Grove San Pedro de Lantaño San Xián de Romai San Cristovo de Briallos San Clemenzo de Sisán Santo André de Barrantes San Xoán de Leiro Santa Baia de Ribadumia Santa María de Besomaño San Amaro de Arra San Xenxo de Padriñán San Xoán de Dorrón San Pedro de Bordóns San Miguel de Valga Santo Estevo de Tremoedo
Na diocese e provincia de Tui:
San Xoán de Cabeiro San Vicente de Trasmañó
Idade Contemporánea A principios do século XIX había 26 monxes no mosteiro e a comunidade cisterciense mantívose ata que foi exclaustrado en 1837 no marco da Desamortización de Mendizábal.
Logo de máis dun século de abandono, na década de 1960, Carlos del Valle-Inclán, fillo do escritor Ramón del Valle-Inclán, promoveu a asociación "Amigos de Armenteira" que comezou a reconstrución. En 1989, instaláronse nel monxas trapistas procedentes do Mosteiro de Allotz (Navarra). En 2020 contaba con nove relixiosas. Ademais da contemplación, manteñen unha hospedaxe e elaboran produtos de cosmética natural.
No ano 2016 conformoume unha Fraternidade de Laicos Cistercienses entre persoas leigas que participaban en diferentes actividades espirituais do mosteiro de Santa María da Armenteira. Este grupo participa en convivencias, reunións de formación e retiros espirituais canda a comunidade monástica.
Descrición miniatura|Maqueta do mosteiro, exposta no Museo do Viño (Cambados). O mosteiro edificouse seguindo as pautas cistercienses do románico, observable nas bóvedas de canón apuntado, as bóvedas de crucería, as distintas alturas das naves. Con eles tamén se mestura un compoñente rexional, a rica tradición e personalidade do románico local convive co racional e austero estilo da orde. O engadido máis importante desta tradición local é un ciborio cuberto con cúpula nervada de arcos cruzados mudéxares sobre trompas, relacionada coa arquitectura hispano-musulmá.
Recoñécense na súa estrutura distintas campañas construtivas:
Primeira etapa, entre 1167 e finais do século XII ou principios do XIII na que se realizan a cabeceira e os muros. Nesta fase foi dominou a influencia borgoñona nas bóvedas e nos piares. Etapa de transición, principios do século XIII a 1220 ou 1225 na que se fixo a construción das naves. Influxo mudéxar. Realización da cúpula e a fachada. Na portada unha inscrición sitúa o inicio das obras en marzo do 1212 e mais o nome do autor "Petrus Froya".
Igrexa miniatura|Debuxo de Enrique Campo Sobrino da ábsida e ciborio de Santa María de Armenteira (1910). Ten unha planta basilical de tres naves de catro tramos aínda que de dimensións pequenas. A cabeceira está graduada formada por tres ábsidas semicircular, coa central máis destacada, e todas antecedidas dun tramo recto para acoller o presbiterio.
A nave central é o dobre de ancha que as laterais. A central está cuberta por unha bóveda de canón apuntada que se sostén por arcos faxóns, dobrados e de sección prismática, apoiados en pilastras, agás o que está máis próximo á fachada, que descansa directamente nun canto do muro. As naves laterais están cubertas por unha bóveda de aresta. O interior do templo, con perpiaño granítico, responde ás ideas de austeridade prescritas pola Orde do Císter.
O cruceiro ten tres tramos e unha única nave que non sobresae da planta. No tramo central do cruceiro destaca o ciborio que acolle unha cúpula. Dende o exterior vese tras a cabeceira coma unha lanterna cuadrangular de cuberta tellada piramidal a catro vertentes. Dentro del, a cúpula amosa a influencia arte mudéxar e contrasta co abovedamento borgoñón do resto do edificio. Érguese sobre trompas cónicas e está formada por nervios resaltados, lisos, paralelos entre eles que se cruzan en perpendicular. As ménsulas lobuladas son outra solución propiamente mudéxar. Este tipo de cúpula é único en Galicia e considérase que a influencia mudéxear puido chegar dende a Catedral de Santiago de Compostela durante o reinado de Afonso VIII de Galicia.
Fachada miniatura|Fachada da igrexa do mosteiro. A fachada principal da igrexa está dividida por catro contrafortes que enmarcan tres espazos que se corresponden coas naves do interior. No lado norte, entre os contrafortes, ábrese unha porta nun arco de medio punto dobrado. De igual xeito estaba disposto o lado sur, mais este ficou tapiado polo edificio conventual edificado no século XVIII. No tramo central da fachada están rosetón e a portada, ambos de trazaría xeométrica. Este tramo central cupa o dobre de espazo que os outros, e está dividido en dous corpos separados por un beirado axadrezado sobre canzorros lisos e que compensa a verticalidade marcada polos contrafortes. No corpo inferior ábrese a porta principal, con seis arquivoltas. No superior, sobre a porta, destaca o monumental rosetón de pedra de círculos concéntricos con adornos elaborados de granito fino.
En todo o perímetro exterior vólvese distinguir o estilo cisterciense: predominio da horizontalidade sobre o vertical e perpiaño aliñado. Orixinariamente sen torres, no 1778 erguese o actual campanario.
Sobre o muro sur da igrexa, formando un ángulo recto e ocultando parte da fronte do templo, está a fachada principal do mosteiro. Consta de dúas plantas con fiestras e balcóns sinxelos e distribídos de xeito desordenado. miniatura|Claustro do mosteiro de Santa María da Armenteira. Claustro O claustro actual foi edificado entre o 1575 e 1677. Ten unha planta cadrada e cada á ten, na parte inferior, seis grandes arcos con bóvedas de crucería de nervos curvos de medio punto. No século XVIII o claustro gañou unha altura, abríndose catro fiestras con lintel nos muros de cada á. Ambos os dous corpos están separados por unha cornixa.
Crenzas e supersticións No primeiro terzo do século XIV, o abade do mosteiro foi Domingos III. Ao morrer foi enterrado nun sartego no mesmo mosteiro e colleu sona de Corpo Santo.
A tradición conta que aquel que estivera enfermo debía deitarse sobre a lápida e así curaba das súas doenzas. Un frade que escribiu a crónica do mosteiro no século XVII explicou que todo comezou cando un escribán de Raxó (Poio), Gonzalo Pérez, que tiña fortes dores de barriga, deitouse sobre o sartego e quedou durmido. Cando acordou, notou que a dor desaparecera por completo e sentiu un recendo que saía da sepultura.
Cóntase tamén que o sartego tiña un burato á altura da cabeza e que a través del podía sacarse terra. Colocada esta terra sobre a cara ou nunha bolsiña pendurada do pescozo, curaba certas enfermidades.Crenzas semellantes existen noutros lugares, como Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), San Xiao de Arnois (A Estrada), Santa Uxía de Asma (Chantada) ou na ermida de Santa María de Mixós (Monterrei).
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Dionisio Duarte (1624). La relación escrita del convento de Armenteira. Risco,Vicente: “Cultura espritual”, en Historia de Galiza I, 1962 (reed. Akal 1979, 255-777). VAQUEIRO, Vítor: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, ed. Galaxia, Vigo 2011, s. v. Domingos III. Bouza Brey, Fermín (ed.) (1961): “Historia del monasterio de Armenteira. Por fray Basilio Duarte (siglo XVII)”, Compostellanum VI, pp. 233-283
Outros artigos Orde do Císter Mosteiros e conventos de Galicia Orde Cisterciense da Estrita Observancia
Ligazóns externas Santa María de Armenteira en Turgalicia. Web do mosteiro de Santa María de Armenteira
Armenteira Armenteira Categoría:Meis Categoría:Bens de Interese Cultural da provincia de Pontevedra Armenteira Armenteira