dereita|miniatura|200px|Pato cincento alimentándose dereita|miniatura|200px|Macho e femia O pato cincento ou pato cinsento (Mareca strepera, antes Anas strepera) é un parrulo de plumaxe pouco rechamante e ampla distribución. Foi descrito cientificamente por primeira vez en 1758 por Carl von Linné. É unha das especies incluídas no Acordo para a protección de aves acuáticas migratorias de África e Eurasia (AEWA).

Descrición Os patos cincentos miden entre 44 e 55 cm e o seu peso vai dos 500 ós 1.300 g. A envergadura das ás acada os 95 cm. A plumaxe reprodutora dos machos e gris, cun debuxo de liñas finas no lombo e os lados. Teñen a cabeza pardenta, tamén cun vermiculado fino, e o bico negro. As plumas cobertoiras da cola son negras, o peito ten manchas escuras e claras en forma de medias lúas. O espello é branco brillante, bordeado por unha faixa negra e outra vermella, e destaca moito nas ás grises, tanto cando voan coma cando están pousados. A parte inferior do corpo é branca.

A plumaxe de eclipse dos machos é semellante á das femias, que son castañas claras, coa cabeza agrisada, semellantes ás do lavanco, das que se diferencian polo menor tamaño, o bico escuro coa punta alaranxada e a falta dun espello visible.

As patas dos dous sexos son amarelas alaranxadas e os ollos negros.

Distribución Os patos cincentos crían no leste, norte e centro de Europa, en Norteamérica e en Asia. Atópanse principalmente en lagos das zonas de estepas e pradeiras. En Europa central son menos comúns que en Asia ou América do Norte. En 2015 unha parella desta especie de ave cría na Illa de SálvoraNoticia en Faro de Vigo.

Segundo Hartmut Kolbe pertencen ás especies que se benefician do quecemento global, que fixo aumentar as áreas axeitadas para se asentaren, e permitiu o crecemento dos seus números.

Conduta migratoria Moitos dos exemplares asiáticos e europeos voan no inverno á cunca mediterránea, onde procuran preferentemente zonas de augas tranquilas con arredores de vexetación abundante. Nesa época ten lugar a parte máis importante do cortexo, polo que as aves volven xa emparelladas ós territorios de cría.

Alimentación A súa fonte de alimentación principal son as plantas acuáticas, que obteñen mergullando a cabeza na auga, e os rizomas, sementes e partes verdes da plantas dos prados adxacentes á auga. Complementan a dieta cuns poucos insectos acuáticos, moluscos, anfibios, vermes e peixiños.

Conduta Os patos cincentos son menos gregarios cós doutras especies de parrulos e só forma pequenos bandos fóra da época reprodutora. Son máis silenciosos: os machos emiten un asubío rouco e a chamada das femias recorda a da femia dos lavancos. miniatura|260px|Adulto con polos Maduran sexualmente ó ano de idade. A época de posta e incubación vai de maio a xullo. Fan os niños no chan, preto da ribeira, ben agochado entre a vexetación. As femias poñen de 8 a 12 ovos amarelos, que chocan soas entre 24 e 26 días. Os polos poden comezar a voar con sete semanas de idade.

O pato cincento en catividade A plumaxe pouco rechamante e a conduta discreta dos patos cincentos fai que non sexan populares como ave de adorno. É máis corrente velos en zoolóxicos.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Hartmut Kolbe: Die Entenvögel der Welt. Ulmer Verlag, Stuttgart-Hohenheim 1999, ISBN 3-8001-7442-1.

Ligazóns externas BirdLife Species Factsheet Gadwall Information - Cornell Lab of Ornithology Vídeos en Internet Bird Collection

Categoría:Anátidos Categoría:Animais descritos en 1758