Cabaret Voltaire foi un grupo musical inglés. Inicialmente formado por Stephen Mallinder, Richard H. Kirk e Chris Watson, o grupo tomou o seu nome do Cabaret Voltaire, un club de Zürich, Suíza, que foi o epicentro dos inicios do movemento dadaísta. As súas primeiras actuacións estiveron influenciadas polo dadaísmo, pero máis tarde Cabaret Voltaire converteuse nun dos grupos máis prolíficos e importantes que fusionaron o pop co dance, o techno, o house dub e a música experimental electrónica.

Historia O grupo formouse en Sheffield en 1973. Adicados á experimentación na creación e o procesamento de sons, parecían interesarse máis no son en si mesmo que nas propias cancións. Estes primeiros experimentos están documentados nunha edición de tres discos compactos chamada Methodology (Mute, 2002). Naquela época ofrecían algunhas actuacións en directo que adoitaban atraer a hostilidade das audiencias proletarias de Sheffield. Nun destes incidentes Mallinder foi hospitalizado con vértebra astillada logo de que o público lanzara obxectos contra a banda. Porén, a chegada do punk rock trouxo unha audiencia máis tolerante e aberta ó son electrónico e industrial que facían.

En 1978 Cabaret Voltaire asinou contrato coa discográfica Rough Trade Records. Con este selo editaron numerosos sinxelos musicalmente experimentais que foron moi aclamados, incluíndo "Extended Play", "Nag Nag Nag", "Three Mantras" e "3 Crepuscule Tracks", e álbums como The Voice Of America (1980) e o aclamado Red Mecca (1981).

Durante esta época fixeron xiras por Europa, Xapón e América sen o apoio dunha discográfica maioritaria, e editando un álbum en directo gravado no Xapón en 1982, chamado Hai!. En 1983, coincidindo co abandono de Watson (que formou o grupo The Haflter Trio xunto con Andrew M. McKenzie, antes de converterse en enxeñeiro de son para a BBC e, posteriormente, solista), Cabaret Voltaire decidiu conscientemente encarreirar o seu son cara a unha dirección máis comercial, co álbum The Crackdown (Virgin Records). Esta decisión foi recompensada, xa que o álbum acadou o posto 31º no Reino Unido (uns 60 postos máis alto que o seu anterior e única aparición nas listas do Reino Unido). En 1984 os sinxelos "Sensoria" e "James Brown", pertencentes ó disco Micro Phonies (Virgin Records), tiveron presenza nas listas de música independente e soaron con forza na escena underground da época.

En 1987 a banda lanzou o disco Code, seguido polo álbum Groovy, Laidback & Nasty, de grande influencia house, en 1990. Unha serie de traballos completamente instrumentais foron editados polo selo Instict Records baixo o nome de Cabaret Voltaire, en 1993 e 1994 pero, ó parecer, tratábase dunha produción exclusivamente realizada por Richard H. Kirk. Porén, Mallinder estivo involucrado nestas gravacións, aínda que a súa voz non estivese presente nas mesmas. O único álbum no que a participación de Mallinder é cuestionable é The Conversation (1994), no que Kirk aparece acreditado como o responsable da instrumentación, programación, arranxos e mesturas, e Mallinder aparece só como coautor das cancións. O último lanzamento de Cabaret Voltaire no que Mallinder pon a súa voz é o sinxelo ethno-techno "Colours", de 1990.

Desde os finais dos anos oitenta Kirk comezara unha carreira en solitario baixo distintos nomes, incluíndo Electronic Eye e Sandoz, mentres que Mallinder se mudara a Perth, Australia, gravando alí algúns traballos cun colaborador baixo o nome de Sassi & Loco, e máis recentemente, colaborando cos Kuling - Bros. Mallinder tamén se dedicou a impulsar a súa propia discográfica Offworld Sounds e contribuíu ó mando dos sintetizadores e a programación no disco en solitario de Shaun Ryder (cantante de The Happy Mondays), Amateur Night At The Big Top.

As esperanzas dunha reunión de Cabaret Voltaire acrecentáronse a finais dos noventa, cando Kirk fixo algún comentario ó respecto. O máis significativo é un comentario de Kirk na reedición de Radiation onde afirmaba estar traballando en novo material de Cabaret Voltaire que pronto sairía á luz. Porén, isto nunca ocorreu e a reunión do grupo parece improbable nun futuro próximo. Nunha edición especial de Q Magazine, titulada "Depeche Mode / History of Electro - Pop", Kirk declarou que aínda consideraba a resurrección do nome de Cabaret Voltaire, pero que nesta ocasión tiña pensado "involucrar xente moza no proxecto", suxerindo que o papel de Mallinder no grupo podería ter concluído.

Membros do grupo Stephen Mallinder - voces, baixo (1973-1994) Richard H. Kirk - guitarras, teclados, gravacións (1973-1994) Chris Watson - teclados, gravacións (1973-1981)

Discografía Álbums Cabaret Voltaire 1974-1976 (1981 casete) Mix-Up (outubro 1979) #12 UK Indie Live at the Y.M.C.A. (febreiro 1980) #2 UK Indie The Voice of America (xullo 1980) #3 UK Indie Live at the Lyceum (1981 casete) #14 UK Indie Red Mecca (agosto 1981) #1 UK Indie 2x45 (xuño 1982) #1 UK Indie Hai! (Live In Japan) (outubro 1982) #5 UK Indie The Crackdown (agosto 1983) #31 UK Johnny Yesno (novembro 1983) #8 UK Indie Micro Phonies (novembro 1984) The Covenant, The Sword and The Arm of the Lord (outubro 1985) Code (outubro 1987) Groovy, Laidback and Nasty (xuño 1990) Body and Soul (marzo 1991) Plasticity (outubro 1992) Technology:Western Re-Works 1992 (xuño 1992) International Language (xuño 1993) The Conversation (xullo de 1994)

Sinxelos/EPs Extended Play EP (cancións: Talkover/Here She Comes Now/Do The Mussolini (Headkick)/The Set Up) (xullo de 1978) Baader-Meinhof/Sex in Secret en A Factory Sample (xaneiro de 1979) Nag Nag Nag (abril de 1979) Silent Command/Chance Versus Causality (outubro de 1979) UK #10 Indie Three Mantras (xaneiro de 1980) UK #10 Indie Seconds Too Late (setembro de 1980) UK #8 Indie Sluggin' For Jesus/Your Agent Man (marzo de 1981) Eddie's Out/Walls of Jericho (xullo de 1981) UK #6 Indie (as primeiras copias incluían un sinxelo de 7" gratuíto coas cancións "Jazz the Glass"/"Burnt to the Ground") Yashar Crackdown/Just Fascination (decembro de 1982) Just Fascination (xullo de 1983) #94 UK The Dream Ticket (setembro de 1983) Yashar (Remix) (outubro de 1983) UK #6 Indie Sensoria (marzo de 1984) #96 UK James Brown (outubro de 1984) #100 UK Drinking Gasoline Virgin (xaneiro de 1985) I Want You (xuño de 1985) #91 UK Shakedown (marzo de 1986) The Drain Train (xullo de 1986) #5 UK Indie Don't Argue (febreiro de 1987) #69 UK Here To Go (setembro de 1987) US #16 Hot Dance Music/Club Play, UK #88 Hypnotised (decembro de 1989) #66 UK Keep On (xuño de 1990) #55 UK Easy Life (outubro de 1990) #61 UK Colours (xaneiro de 1991) What Is Real (abril de 1991) Percussion Force (setembro de 1991) I Want You/Kino '92 (febreiro de 1992) Nag Nag Nag (outubro de 2002)

Aparicións en recompilatorios

A Factory Sample (1978) C81 (1981) A Diamond Hidden in the Mouth of a Corpse (1985) Wasted: The Best of Volume, Part I (1995) The Original Sound of Sheffield '83/'87 (2001) Conform to Deform '82/'90 (2002) The Original Sound of Sheffield '78/'82 (2002) Methodology '74/'78: The Attic Tapes (2002)

Proxectos relacionados

Acid Horse, con Al Jourgensen, Chris Connelly e Bill Rieflin, ademais de Stephen Mallinder e Richard H. Kirk. Hafler Trio, con Chris Watson. Sweet Exorcist, con DJ Parrot e Richard H. Kirk. The Pressure Company, con Richard H. Kirk. Xon, con Richard H. Kirk.

Na cultura popular Na película Todo nun día, pódese ver un póster de Cabaret Voltaire na habitación de Ferri. É a portada do seu disco Micro - Phonies'' (1984). Os samples de "Don´t Argue" proveñen dunha película propagandística americana de 1945 chamada "Your Job In Germany", dirixida por Frank Capra e con guión de Thedor Seuss Geisel (coñecido como "Dr. Seuss". En 2002 o director Eve Wood realizou o documental "Made In Sheffield", sobre a historia da escena musical da zona, incluíndo a bandas como Cabaret Voltaire, Heaven 17, ABC, Clock DVA, Human League ou Pulp. En 1987 a empresa de software Firebird lanzou un videoxogo para Commodore 64 e ZX Spectrum chamado "I-Ball". A versión para Commodore 64 incluía música escrita por Rob Hubbard, baseada nas cancións "Whip Blow" e "I Want You" de Cabaret Voltaire.

Ligazóns externas Páxina non oficial de Cabaret Voltaire con toda a discografía, en inglés. Artigo sobre Cabaret Voltaire da revista "The Wire", en inglés.

Categoría:Grupos musicais de Sheffield Categoría:Grupos musicais de pop