Neon Genesis Evangelion (en ; Shin Seiki Evangerion; que quere dicir literalmente "O Evanxeo do Novo Século") tamén coñecida sinxelamente como Evangelion ou Eva, é unha serie de animación xaponesa, ou anime, producida por Gainax e Tatsunoko Production, dirixida por Hideaki Anno e emitida orixinalmente pola canle TV Tokyo dende outubro de 1995 até marzo de 1996. O anime ten 26 episodios e o elenco de voces xaponesas orixinais inclúe a Megumi Ogata como Shinji Ikari, Megumi Hayashibara como Rei Ayanami e Yūko Miyamura como Asuka Langley Soryu. A música da serie foi composta por Shirō Sagisu.

Evangelion está ambientado quince anos despois dun cataclismo mundial, e a acción ten lugar especialmente na cidade futurística e fortificada de Tokyo-3. O protagonista é Shinji, un mozo adolescente que é recrutado polo seu pai na misteriosa organización Nerv para pilotar unha máquina xigante (mecha) e biomecánica chamada "Evangelion" co obxectivo de combater os aliens chamados "Anxos". A serie explora as experiencias e emocións dos pilotos dos Evangelion, así como as dos membros de Nerv no seu intento de previr que ningún dos Anxos cause outro cataclismo, ó tempo que lidan cos movementos estratéxicos da organización e coa busca da verdade que se agocha detrás destes eventos. A serie contén conceptos e imaxes derivados da cábala, do cristianismo e do xudaísmo.

En Galiza, estreouse en galego no ano 2005 a través da TVG, dentro do espazo infantil e xuvenil Xabarín Club. Neon Genesis Evangelion recibiu a aclamación da crítica mais tamén xerou certa controversia. Particularmente controvertidos foron os dous últimos episodios, o cal levou ó equipo da serie a producir un final alternativo no filme de 1997 Evangelion: O final de Evangelion. Considerada como unha deconstrución do xénero mecha, a serie de televisión orixinal provocou o renacemento da industria do anime e converteuse nunha icona cultural. Filmes, manga, vídeos e outros produtos da franquía Evangelion conseguiron récords de vendas nos mercados xaponeses e un grande éxito internacionalmente, con 150 billóns de iens de ganancias nos produtos relacionados no ano 2007 e as máquinas pachinko de Evangelion xerando máis de 700 billóns de iens no ano 2015.

Sinopse

miniatura|esquerda|250px|Recreación do Evangelion Unidade-01 nunha Factoría Metalúrxica de Shanghai. No ano 2015, quince anos despois dun cataclismo global coñecido como o Segundo Impacto, o adolescente Shinji Ikari é convocado na futurista cidade de Tokyo-3 polo seu distante pai Gendo Ikari, director da forza especial paramilitar Nerv. Á súa chegada, Shinji é testemuña da loita entre as forzas das Nacións Unidas e un Anxo, un dos monstros xigantescos cuxo espertar foi anunciado polos manuscritos do Mar Morto. Por mor dos campos de forza case impenetrables dos Anxos, os xigantes biomecánicos Evangelion de Nerv, sincronizados co sistema nervioso dos seus pilotos e posuidores dos seus propios campos de forza, son as únicas armas capaces de evitar que os Anxos aniquilen a humanidade. A oficial de Nerv Misato Katsuragi acompaña a Shinji no complexo de Nerv que se atopa baixo a cidade, onde o seu pai o forza a pilotar o Evangelion Unidade-01 e loitar contra o Anxo. Sen adestramento, Shinji axiña se ve desbordado na batalla, facendo que o Evangelion entre en modo "berserker" e mate salvaxemente o Anxo por si só.

Despois da hospitalización, Shinji instálase na casa de Misato e comeza a vivir en Tokyo-3. Na súa segunda batalla, Shinji destrúe o Anxo mais despois foxe, apesarado. Misato enfróntase a Shinji e el decide seguir sendo piloto. O equipo de Nerv e Shinji deberán loitar e derrotar os restantes 14 Anxos para evitar o Terceiro Impacto, un novo cataclismo global que destruiría o mundo. O Evangelion Unidade-00 é reparado pouco despois. Shinji tenta facer amizade coa súa piloto, Rei Ayanami, unha adolescente misteriosa e illada socialmente. Coa axuda de Rei, Shinji derrota outro Anxo. A eles úneselles a piloto do Evangelion Unidade-02, a talentosa mais insufrible adolescente Asuka Langley Sōryu, que é de ascendencia xermano-xaponesa-estadounidense. Xuntos, os tres conseguen derrotar varios Anxos. Mentres Shinji se adapta ó seu novo papel como piloto, pouco a pouco vólvese máis confiado e seguro de si mesmo. Asuka múdase con Shinji e comezan a desenvolver sentimentos confusos entre eles, chegando a bicarse por provocación dela.

Despois de ser absorbido por un Anxo, Shinji libérase grazas a que o seu Evangelion actuou por si mesmo. Despois vese obrigado a loitar contra o Evangelion-03, que está infectado por un Anxo, e ve como o seu piloto, o seu amigo e compañeiro de clase Toji Suzuhara, queda incapacitado e presuntamente paralizado de xeito permanente. Asuka perde a confianza en si mesma tras unha derrota e cae nunha espiral de depresión. Isto empeora na súa seguinte batalla, onde un Anxo ataca a súa mente e a obriga a revivir os seus peores medos e traumas infantís, o que resulta nunha ruptura mental. Na seguinte batalla, Rei autodestrúe a Unidade-00 e morre para salvar a vida de Shinji. Misato e Shinji visitan o hospital onde atopan a Rei viva mais alegando que é "a terceira Rei". Misato obriga á científica Ritsuko Akagi a que lle revele os escuros segredos de Nerv, descubrindo un cemiterio de ósos de Evangelion desbotados e un sistema de conexión artificial que funciona con clons de Rei, quen foi creada co ADN da nai de Shinji, Yui Ikari. Esta sucesión de eventos deixa a Shinji emocionalmente tocado e arredado do resto dos personaxes. Kaworu Nagisa substitúe a unha catatónica Asuka como piloto da Unidade-02. Kaworu, que nun principio traba amizade con Shinji e gaña a súa confianza, é en realidade o derradeiro Anxo anunciado, Tabris. Kaworu loita contra Shinji, mais despois decátase de que debe morrer para que a humanidade sobreviva, e polo tanto pídelle a Shinji que o mate. Shinji dubida, mais finalmente mátao. Este feito fai que a culpa o sobrepase.

Despois de que o Anxo final é derrotado, Seele, un misterioso grupo que supervisa os eventos da serie, lanza o "Proxecto de Complementación Humana", unha forma de evolución forzada da humanidade na que as almas de tódalas persoas se fusionan con fins benévolos, crendo que se se unifica, a humanidade podería finalmente vencer a soidade e a alienación. A alma de Shinji lida coa razón da súa existencia e chega a unha epifanía de que precisa que os outros prosperen, o cal lle permite destruír o muro de emocións negativas que o atormentaban e reunirse cos demais, que o felicitan.

Personaxes

miniatura|esquerda|O uniforme escolar de Rei e Asuka.

Hideaki Anno tentou crear personaxes que reflectisen partes da súa propia personalidade. Os personaxes de Evangelion lidan coas relacións interpersoais, os seus problemas persoais e con eventos traumáticos do seu pasado. As calidades humanas dos personaxes permitiron que algúns espectadores da serie se identificasen cos personaxes a nivel persoal, mentres que outros os interpretan como símbolos históricos, relixiosos ou filosóficos. Shinji Ikari é o protagonista da serie e o piloto designado do Evangelion Unidade-01. Logo de presenciar a morte da súa nai Yui Ikari cando era neno, Shinji foi abandonado polo seu pai, Gendo Ikari. É emocionalmente hipersensible e, ás veces, fai o que se espera del por medo ó rexeitamento, mais rebelouse a miúdo e chegou a negarse a pilotar o Eva polo dano insoportable que lle fixeron a el e ós seus amigos. Ó longo da serie repítese a si mesmo "Non debo fuxir" como un medio para animarse a enfrontar as ameazas do día, e isto dálle valentía na batalla, mais ten o hábito persistente de retirarse en resposta a eventos traumáticos. Anno describiu a Shinji como un neno que "se encolle ante o contacto humano" e que se "convenceu de que é unha persoa completamente innecesaria".

A misteriosa piloto do Evangelion Unidade-00, Rei Ayanami, é un clon creado a partir dos restos recuperados de Yui e caracterízase por ter unha autoestima negativa produto da comprensión de que ela é un activo prescindible. Durante un tempo, desprezou a Shinji pola súa falta de confianza no seu pai Gendo, a quen ela é moi achegada. Porén, despois de que Shinji e Rei derrotasen xuntos ó Anxo Ramiel, ela desenvolve unha relación amigábel con el. Contra o final da serie, revélase que ela é un de moitos clons, cuxo uso é o de substituír a Rei existente se é asasinada.

Asuka Langley Soryu é unha rapaza prodixio que pilota o Evangelion Unidade-02, quen posúe un temperamento ardente e un exceso de orgullo e confianza en si mesma que a miúdo a meten en problemas e dificultades, especialmente durante as batallas. Cando era pequena, Asuka descubriu o corpo da súa nai pouco despois de que ela cometese suicidio, o cal provocou que reprimise as súas emocións e xurase non volver chorar. Asuka e Shinji desenvolven sentimentos intensos mais ambiguos o un cara ó outro e teñen dificultades para achegarse ós demais, xa que a súa relación foi concibida orixinalmente como unha reprodución da que teñen os personaxes principais de Nadia: The Secret of Blue Water. En comparanza con Shinji, Asuka e Rei preséntanse cos seus propios defectos e dificultades relacionadas con outras persoas. Misato Katsuragi é a coidadora e oficial ó mando de Shinji e Asuka. O seu comportamento profesional en Nerv contrasta dramaticamente co seu comportamento despreocupado e irresponsable no fogar. O deseñador dos personaxes Yoshiyuki Sadamoto concibiuna como unha "rapaza do lado" e unha perdedora promiscua que errou á hora de tomar a vida en serio. Hideaki Anno describiu a Shinji e a Misato como "temerosos de saír feridos" e "inadecuados, ou carentes da actitude positiva, respecto do que a xente considera como os heroes dunha aventura".

Os pilotos adolescentes dos Evangelion son enviados á batalla polo frío Gendo Ikari, o pai de Shinji e o comandante de Nerv. Abandonou a Shinji e chamou por el só para que servise como piloto dun Evangelion rescatou os restos do corpo da súa muller morta para crear a Rei, a quen vía como unha simple ferramenta á súa disposición para derrotar os Anxos e promulgar a Complementaridade Humana. Ó igual que Shinji, el é algo asocial e ten medo de ser insultado por outros, fuxindo deles a miúdo e comentendo inmoralidades no proceso. Este medo é o que o levou a abandonar a Shinji. É representado como un home implacable no seu afán por gañar, un home que "toma medidas drásticas e extremas, por medios xustos ou sucios, polas boas ou polas malas, para cumprir o seu propio propósito". Segundo Yoshiyuki Sadamoto, os personaxes de Gendo e Fuyutsuki están baseados en Ed Straker e Alec Freeman da serie de televisión UFO. Sadamoto deseñou a aparencia dos personaxes co obxectivo de que as súas personalidades "puideran entenderse máis ou menos dunha ollada". A estética atractiva e distintiva das personaxes femininas principais contribuíu ás grandes vendas de produtos da franquía Neon Genesis Evangelion. O deseño de Rei en particular fíxose tan popular que os medios de comunicación referíanse a ela como a "Rapaza Premium" debido ás altas vendas dos libros con Rei na cuberta.

Produción