O castro de Troña é un castro galaico pertencente á cultura castrexa, situado na parroquia de Pías (Ponteareas). Trátase dun exemplo de "castro cristianizado" coa construción dunha capela na súa croa.Como ocorre con moitos outros castros galegos, por exemplo, o da Cameixa en Boborás (cun cruceiro) ou o de Santa Mariña na Estrada. Foi declarado Monumento Histórico Artístico en abril de 1949 e Ben de Interese Cultural (BIC) con categoría de monumento en 2009.DECRETO 403/2009, do 22 de outubro, polo que se declara ben de interese cultural, coa categoría de monumento, o castro de Troña, no termo municipal de Ponteareas, na provincia de Pontevedra
Situación O sitio arqueolóxico sitúase no cumio do monte do Doce Nome de Xesús, xunto coa ermida do mesmo nome, na parroquia de Santa Mariña de Pías a 229 metros de altitude, no concello de Ponteareas.
É unha das citanias castrexas máis coñecidas de Galicia, despois da de Santa Trega, e unha das que se encontra mellor conservadas.
Descrición O castro ten forma elíptica ou oval, ocupando toda a cima e a ladeira oeste do monte denominado Doce Nome de Xesús. Mide 120 metros de norte a sur e 200 metros de leste a oeste. Cun formidable sistema defensivo, provisto de murallas e un gran foxo na parte máis expugnable, alberga unhas 30 construcións de diferentes tipos: circulares, cadradas, elípticas e rectangulares.
Escavacións arqueolóxicas É un xacemento rico en materiais arqueolóxicos: cerámica indíxena e romana, muíños, moedas, fíbulas e ata unha machada de ferro. Ademais atopáronse dous petróglifos con representación ofídica: un deles aínda segue in situ, na parte da coroa, pero o outro, que estaba nunha vivenda próxima ó camiño que sobe á citania, foi trasladada ó antigo Museo de Pías.
A principios do século XX e como consecuencia da construción dun camiño cara ó monte e o acondicionamento do seu cumio, chegaron as primeiras noticias sobre o castro. Porén, houbo que esperar ata o ano 1927 para que se iniciasen as primeiras escavacións sistemáticas que foron dirixidas polos arqueólogos Luis Pericot e Florentino López Cuevillas ata o ano 1930.
Despois quedou abandonado durante máis de 50 anos, ata que no ano 1981 fíxose cargo dos traballos José Manuel Hidalgo Cuñarro, dedicándose dende entón á limpeza, descubrimento e consolidación das construcións, así como á recollida e catalogación dos materiais que foron aparecendo.
O resultado deste traballo foi a localización de 12 estruturas máis, parte da muralla e dun torreón. Ademais encontráronse varias construcións pétreas que en ocasións superpoñíanse. Por debaixo dalgúns pavimentos encontráronse restos de pisos e fogares pertencentes a niveis de ocupación de diferentes épocas, ó tempo que se atopou numeroso material arqueolóxico.
No ano 1985 exhumáronse 30 casas, unha delas cun xeso branco no interior do muro. Así, as escavacións prolongáronse ata 1987 e os traballos ata 1992, poñendo ó descuberto un conxunto de estruturas que indican un certo urbanismo, con lousas, canles para as augas e vivendas con vestíbulo.
Cultura popular Existen varias lendas sobre o lugar, pero a máis curiosa é a que alude á serpe que se atopa no petróglifo.Vítor Vaqueiro, 589-490.
Conta a lenda que unha enorme serpe vivía no castro e que de vez en cando baixaba a roubar e devorar ovellas e outros animais dos labregos. Disque a serpe falaba coas reses e dicíalles: "Dáme do teu leite que eu che darei do meu peite!
Os veciños, para eludir o medo, acordaron levarlle un animal tódolos días á montaña, evitando así que baixara á aldea. Pero cansados de pagar tal tributo, un día decidiron matala. Recolleron moitos nobelos, cos que fixeron unha bóla, á que ataron unha corda, déronlla a comer e cando a serpe picou, tiraron da corda ata o cume do monte e alí matárona. Enterrárona xunto á ermida e puxeron un cruceiro por riba dela O sistema empregado para matar a serpe lembra o que utilizou o profeta Daniel: "Tamén había un dragón enorme, que veneraban os babilonios. ... Eu adoro o Señor, meu Deus, pero ti, maxestade, dáme permiso e eu matarei o dragón sen espada e sen caxato... Entón Daniel colleu pez, graxa e mais pelos, coceu todo xunto, fixo unhas bolas e meteullas na boca ó dragón. O dragón comeunas e rebentou|Daniel 14, 23-27..
Outra lenda di que debaixo da ermida hai un camposanto de mouros, xa que desde este lugar sae un camiño soterrado que vai ata o río Tea en Portavilares, que era o que usaban os mouros para ir ver os cabalos que tiñan alí.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Barciela Garrido, Pilar e Rey Seara, Eusebio (2000): Xacementos arqueolóxicos de Galicia. Edicións Xerais de Galicia, Colección Roteiros. páxs. 194-199. ISBN 84-8302-484-5
VAQUEIRO, Vítor: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, ed. Galaxia, Vigo 2011, 489-490.
Outros artigos Castro Castros de Galicia Idade de Ferro Cultura castrexa Monte da Picaraña
Ligazóns externas Páxina do castro de Troña na web de Turgalicia Castro de Troña en Patrimonio Galego
Tronna Categoría:Bens de Interese Cultural da provincia de Pontevedra