Ravachol, nado cara a 1891 e finado o 24 ou 25 de xaneiro de 1913, foi un papagaio, mascota de Perfecto Feijoo que vivía na botica que este tiña na praza da Peregrina en Pontevedra.

Converteuse nun dos símbolos da cidade. O enterro do Papagaio Ravachol conmemórase cada ano durante o entroido de Pontevedra.

Orixe do nome Recibiu o seu nome do anarquista francés François Claudius Koënigstein, máis coñecido como Ravachol, condenado a morte en 1892.

Non hai constancia de que o papagaio tivese un nome concreto durante os seus primeiros meses en Pontevedra, pero antes de que transcorrese un ano desde a súa chegada á cidade, todos os veciños coñecíano polo nome do famoso revolucionario francés François Ravachol, anarquista que, ademais de alborotador, era coñecido polos seus atentados terroristas con dinamita.

Foi o seu propio dono, Don Perfecto Feijoo, quen bautizou ao papagaio co nome de Ravachol, polo seu carácter revoltoso e indomable.

Historia O propietario O farmacéutico pontevedrés Perfecto Feijoo (1858-1935) licenciouse na Universidade de Santiago de Compostela. A partir de 1880 rexentou a botica situada na praza da Peregrina xunto á Igrexa da Virxe Peregrina na esquina coa rúa Oliva (hoxe desaparecida). Tiña un carácter agradable e afable e reunía na súa farmacia á flor e nata da sociedade pontevedresa. Destacadas personalidades da política, as artes e a ciencia acudían á súa botica para participar nas reunións máis animadas. Foi, sen dúbida, unha das personalidades máis carismáticas da Galicia da época.

Orixe do papagaio En 1702, a frota española, xunto coa francesa, tentou desembarcar mercadorías traídas de América. Os barcos foron atacados pola frota anglo-holandesa, o que conduciu á batalla de Rande. Entre as mercadorías procedentes do novo continente había un cargamento de aves exóticas. Tras o afundimento dos barcos, un gran número de papagaios conseguiu sobrevivir. Esparexéronse e foron capturados polos aldeáns. miniatura|Estatua de Ravachol coa capela da Virxe Peregrina de Pontevedra ao fondo. Descoñécese a data de nacemento do papagaio Ravachol, pero foi en 1891 cando Martín Fayes, profesor de música e director da banda militar de Tui, amigo de D. Perfecto, regaloullo. O novo papagaio permanecería en Pontevedra durante 22 anos.

Chegada a Pontevedra do papagaio Ravachol O papagaio tardou algún tempo en adaptarse ao seu novo fogar, pero pronto mostrou o seu carácter axitado e irreverente. A súa facilidade de palabra mesturábase cun vocabulario vulgar, procedente dos soldados do cuartel onde traballaba o seu antigo propietario, Martín Fayes. Dependendo da época do ano e da hora do día, a gaiola do papagaio estaba situada na farmacia, na parte traseira da farmacia ou fóra da farmacia xunto a un banco de pedra. Era neste último lugar onde o papagaio atopábase máis cómodo gozando da animación dos transeúntes. En 1900 participou nunha representación dun texto de Enrique Labarta Pose no Teatro Principal de Pontevedra.

Morte e enterro Trala súa morte, acontecida o venres 24 ou o sábado 25 de xaneiro de 1913, o Diario de Pontevedra fíxose eco da nova. Dise que a causa da súa morte foi o consumo excesivo de galletas empapadas en viño ou un envelenamento. A sociedade pontevedresa sumiuse nun triste loito e organizouse para despedir ao referente máis emblemático da cidade. O cadáver foi embalsamado e exposto na farmacia.

A Sociedade de Artesáns organizou o funeral e instalou un tanatorio na farmacia. O boticario axiña empezou a recibir mostras de condolencias. Animado polo ambiente de loito, decidiu esaxerar o feito aproveitando a proximidade do entroido. Así, o mércores 29 celebrouse o enterro de Ravachol, tras unha capela ardente no Salón do Recreo de Artesáns desde o día anterior. Ás sete do serán unha gran comitiva dirixiuse ó Circo Teatro, onde se celebrou "...unha criminal velada que correrá a cargo duns cantos coñecidos atropeladores da arte cómica-lírica-rapsódica-romántica-sentimental". Nela actuaron Víctor Cervera-Mercadillo vestido de clown, Antonio Blanco Porto recitando un poema, o barítono Torres, o coro "La paella", a banda de música e un discurso necrolóxico a cargo de José Fernández Tafall. Famosos pontevedreses participaron no funeral, que serviu de despedida ao entrañable papagaio Ravachol. Os restos mortais do papagaio foron soterrados nunha leira que D. Perfecto posuía en Mourente. miniatura|O papagaio Ravachol enfermo de sobredose de Viagra no Entroido do ano 2008.

Descrición Personalidade O temperamento do papagaio era moi peculiar, a súa verborrea e facilidade de expresión convertíano nunha atracción singular. Moitos clientes daban caramelos ao papagaio, e os que non o facían recibían unha boa reprimenda de Ravachol. Era moi apreciado polas xentes da cidade a pesar de ser moi mal falado e de que os seus diálogos e frases non eran sempre correctos.

Frases A vida do papagaio estivo marcada por un gran número de anécdotas relacionadas coa súa facilidade de expresión e o seu particular sarcasmo. O máis sorprendente é que o seu dominio do idioma ía acompañado dunha intelixencia que lle permitía manter pequenas conversacións. Tamén identificaba determinadas situacións para aplicar as súas frases e expresións, case sempre en galego, que pronto se popularizaron e máis tarde utilizáronse na linguaxe cotiá dos pontevedreses. Por exemplo, Ravachol podía dicir a frase ameazadora "se collo a vara..." para dirixirse aos que lle molestaban. Se non había ninguén atendendo aos clientes e entraba un cliente na farmacia, gritaba "Don Perfecto" (hai xente na tenda). Se o cliente tiña mal aspecto, gritaba: "Aquí non se fía". En cambio, cando chegaba un cura, imitaba a un corvo. Ao presidente do Goberno español, Eugenio Montero Ríos, e á escritora Emilia Pardo Bazán dedicoulles insultos que serían condenados na época. Outro exemplo da súa intelixencia é que ás veces gritaba "Don Perfecto a despachar" e cando se lle achegaba o farmacéutico dicíalle "Engañeiche!". Outra frase famosa súa era "arre, arre".

O papagaio Ravachol na cultura popular Enterro moderno En 1985, un grupo de pontevedreses, en colaboración coa comisión municipal de festas, decidiu recrear o velorio e enterro do Papagaio Ravachol durante o entroido da cidade. O éxito desta primeira recreación foi tal que en poucos anos o enterro do Papagaio Ravachol converteuse nun dos actos máis populares do entroido galego. A celebración pecha a semana de entroido en Pontevedra (celébrase no canto do enterro da sardiña). É costume que Ravachol apareza o luns de Entroido cun disfrace que cambia cada ano en función da actualidade. Inicialmente, o funeral celebrábase o venres, pero trasladouse ao sábado, despois do Mércores de Cinza, para facilitar a participación de miles de persoas no cortexo fúnebre. miniatura|Lembranza do Papagaio Ravachol.

Relevancia Existen innumerables exemplos de recoñecemento desta figura do entroido de Pontevedra. Foi obxecto de reportaxes televisivas, columnas xornalísticas, estudos históricos e inspiración literaria. Tamén ten a súa propia saeta, rumba, tanguillos e coplas murgueras, a súa insignia e diversos artigos de merchandising. O papagaio ten un monumento desde o 23 de febreiro de 2006 no mesmo lugar da cidade onde tiveron lugar as súas pintorescas fazañas. Precisamente alí reconstrúese cada ano a farmacia de don Perfecto Feijoo, derrubada en 1947 para alargar a rúa Michelena, e recréanse os famosos faladoiros.

O papagaio tamén ten unha figura dedicada na famosa cerámica galega de Sargadelos. Os doces chamados Ravacholitos tamén están dedicados ao papagaio Ravachol.

Homenaxes A iniciativa de 1985 para recuperar a memoria de Ravachol cristalizou na organización dunha incineración da súa efixie para o venres da semana de Entroido. A iniciativa tivo éxito desde o primeiro ano, non así outra proposta que suxería aproveitar as cinzas da cremación para servir de fertilizante a árbores plantadas cada ano para dar lugar a un "paseo de Ravachol". En 1992 e, ininterrompidamente, desde o 2003, durante a semana de Entroido recreouse a botica de Perfecto Feijoo no lugar que antigamente ocupaba. Nese mesmo lugar, na praza da Peregrina, instalouse unha estatua de ferro do papagaio o 22 de febreiro de 2006 realizada polo escultor José Luis Penado.

Disfraces desde 1985 durante o Carnaval pontevedrés Entre 1985 e 1988 o Ravachol apareceu espido, pero desde 1989 aparece disfrazado. miniatura|Ravachol no Museo Galego do Entroido En 1989 apareceu cun elegante chaqué, mofándose dunha asignación de fondos da Xunta de Galicia ós conselleiros. En 1991 apareceu vestido de cacique do século XIX. En 1992, co gallo das Olimpíadas de Barcelona, apareceu vestido de deportista coa lapa olímpica. En 1993, co gallo do Ano Xacobeo, apareceu vestido de Peregrino. En 1994 apareceu vestido de Reitor Universitario como crítica ás instalacións da universidade na cidade. En 1995 apareceu vestido de toureiro. En 1996 apareceu vestido de obreiro, polos atrasos en obras públicas acontecidos no momento na cidade. En 1997, dado que o sepelio coincidiu co día dos namorados, apareceu vestido de Romeo galán. En 1998 apareceu vestido de bailarín de ballet cun cisne nun brazo, por unha solta de cisnes na Illa das Esculturas. En 1999 compaxinou indumentaria (metade e metade) de pobre e maxistrado, polos problemas da Audiencia Provincial de Pontevedra. No 2000 solicitaba a gratuituidade da Ponte de Rande, cunha representación da ponte nunha man e un maletín con cartos na outra. En 2001 ía vestido de xefe de estación de Renfe para reclamar a chegada da alta velocidade a Pontevedra. En 2002 apareceu de bombeiro, queixándose pola dificultade de acceso ás rúas peonalizadas. En 2003 apareceu vestido de voluntario limpador de chapapote, logo do desastre do Prestige. En 2004 apareceu vestido de militar namorado, como homenaxe á BRILAT e ó enlace do Príncipe Felipe con Letizia Ortiz. En 2005 apareceu como futbolista para refrotar o Pontevedra CF para a súa permanencia na segunda división. Foi disfrazado de xogador do Pontevedra Club de Fútbol co número 44. En 2006 apareceu vestido de bañista do "Puro Lérez" en referencia ao saneamento do río. miniatura|Ravachol en 2014 dereita|miniatura|Ravachol en 2023 En 2007 apareceu vestido de médico para acabar coas listas de espera. En 2008 apareceu vestido de enfermo por sobredose de viagra. En 2009 foi vestido de millonario repartindo billetes, dada a situación de crise económica do momento. En 2010 foi disfrazado de policía local, debido á medida tomada na zona urbana de Pontevedra de reducir a velocidade dos vehículos a 30 km/h. En 2011 foi disfrazado de obreiro, por mor da decisión do goberno de España de aumentar a idade de xubilación até os 67 anos. En 2012 apareceu como xastre, cunhas tesoiras por mor dos recortes feitos polas administracións públicas debido á crise económica. En 2013 vestiuse coa camisola laranxa que identifica os afectados polas participacións preferentes e sobre un pedestal coa lenda "Loba Caixa Galicia". En 2014 apareceu como Ollomóbil, vestido de policía municipal para controlar as prazas de estacionamento. En 2015 vestiuse como Cremamóbil, crematorio ambulante, pola polémica dos crematorios na cidade. En 2016 apareceu como negociador da fábrica ENCE. En 2017 criticou o tarifazo das eléctricas. En 2018 apareceu acompañado dunha instalación eléctrica e criticou o alumeado excesivo de Nadal. En 2019 defendeu a loita feminista e criticou o maltrato machista. En 2020 apareceu coa Ponte do Burgo con motivo da peonalización da ponte. En 2022 Ravachol apareceu vacinado e con máscara, pola actualidade da pandemia da COVID-19. En 2023 foi disfrazado dunha persoa enferma que non consegue ser atendida polo Sergas, en defensa da sanidade pública.