miniatura|dereita|Estrada OU-0415 ao seu paso por Feás. Santo Antón de Feás é unha parroquia do concello ourensán de Boborás. A parroquia abarca os núcleos de poboación de Feás, Borraxas, Vilachá e A Fenteira.

A capitalidade parroquial está na aldea de Feás. No século XX sufriu un gran descenso de poboación pola emigración, maiormente a México, pero tamén a Panamá, Venezuela, Suíza, Alemaña e incluso a Suráfrica. Segundo o IGE, en 2012 tiña 427 habitantes (186 homes e 241 mulleres).

Toponimia Feás é un fitónimo que indica un lugar onde abunda o feo, do latín , de ("feo") + o derivativo de abundancia .

Xeografía Para chegar a Feás débese usar a estrada N-541 (Ourense-Pontevedra), desviándose á altura de Brués.

A parroquia de Feás está situada ó abeiro da cadea montañosa do Testeiro, ó agarimo do norte nos contrafortes da serra. A parte máis alta da parroquia localízase no lugar da Fenteira, situada arredor dos 800 metros e chega nas cotas máis baixas ata os 450 metros de Borraxas, atopándose nunha zona de transición A Vilachá e Feás, que teñen unha altitude próxima ós 500 metros. A disposición destes dous últimos lugares semella a dunha zona de aterrazamento formadas nesa transición das terras de montaña cara ós fondos vales que describen os ríos Cardelle e Lodairo, xa en altitudes próximas ós 320 metros. Son estes cursos fluviais os que permitiron a construción de muíños e propician a aparición das primeiras paisaxes de viñedo na zona do Foxo e Amarante.

Cunha superficie de 12,6 km², o seu terreo está constituído por rochas xistosas que modelan un relevo típico que se prolonga ata as veciñas terras de Beariz e ata o río Lodairo, onde se produce o contacto co dominio granítico, predominante na súa marxe esquerda.

Demografía A evolución demográfica de Feás está marcada pola emigración cara a América e Europa e, como noutras moitas zonas de Galicia, polo progresivo abandono do mundo rural.

Evolución: Ano 1887: 382 habitantes (Sen O Curro e Borraxas) Ano 1900: 467 Ano 1910: 501 Ano 1920: 542 Ano 1930: 593 Ano 1940: 696 Ano 1950: 758 Ano 1960: 896 Ano 1970: 635 Ano 1980: 612 Ano 1990: 538 Ano 2000: 472 Ano 2010: 425 Ano 2012: 427

Historia miniatura|Unha das mámoas da localidade, situada a un lado da casa de Leonor, camiño do Campo do Cabo|esquerda A parroquia de Santo Antón de Feás nace oficialmente o día 11 de xullo de 1789 ó segregarse xunto coa de Cardelle da de San Miguel de Albarellos á que pertencían as dúas. O primeiro párroco de Feás foi Agustín Otero, natural da mesma. Inicialmente quedou constituída polos lugares de Feás, As Costiñas, A Vesada, Puzós, Vilachá, A Fenteira e Antas Portas. En 1893 produciuse por parte do Bispado de Ourense un arranxo parroquial que afectou á configuración dos seus lindes, incorporando nesa data o lugar do Curro, que pertencía a Moreiras, e o de Borraxas, que dependía da parroquia de Cameixa.

Na Idade Media e Moderna, a súa dependencia á Encomenda de Pazos de Arenteiro, da Orde de San Xoán, condiciona a súa vida e a dos seus habitantes, marcada pola existencia dos chamados foros ou arrendamentos de terras, constituíndo un territorio agrícola e gandeiro e lugar de paso de arrieiros e comerciantes cargados de viño do Ribeiro con dirección a Pontevedra. Este paso dunha importante vía de comunicación fai dela unha parroquia puxante e así, no ano 1842, comeza a realizarse cada día 5 -máis adiante pasará ó día 8- unha importante feira á que concorren as xentes do seu contorno a comerciar co gando e demais especies da zona. Esta feira mantivo certo pulo até a década de 1980. miniatura|A poboación ten dous cruceiros. Este é o que se atopa máis preto da igrexa, e ata onde chega a procesión.

Patrimonio A presenza do home nesta terra vén dende moi antigo, quedando como testemuña milenaria desta pegada humana a existencia de numerosas mámoas espalladas por todo o seu territorio: 4 na Vesada, 3 no Curro, 5 en Vilachá e 1 na Fenteira. Estes indicios prehistóricos son tamén visibles no chamado Castro de Meimón, en Vilachá.

A parroquia mantén, aínda que cada vez máis deturpada, unha rica arquitectura tradicional que se observa nas zonas máis antigas da mesma e que está presente en toda a zona montañosa conformada polas serras do Testeiro e do Suído. É unha arquitectura cunha tipoloxía básica de casa de cachotería de xisto, tellado de grandes lousas, corredor pétreo e patín. En moitas delas vese un curral que pecha por diante a casa e que recibe o nome de quinteiro. O cruceiro situado no lugar da Cruz é o único vestixio artístico do seu pasado máis recente. Estas arquitecturas tradicionais, completadas con eiras e numerosos hórreos, víronse alteradas coas novas edificacións construídas polos numerosos emigrantes, que racharon cos modelos tradicionais.

Testemuña interesante das súas tradicións é a figura do felo, personaxe asociado ó entroido desta parroquia, que por esas datas percorrían disfrazados de tal figura os camiños e casas os mozos de Feás. Ían dotados dunha vestimenta na que destacan as colchas coas que se cobren, a carauta e o gorro con numerosas fitas de cores. Eran personaxes dotados dunha certa "agresividade", xa que zoupaban coas varas que portaban facendo fuxir coas súas carreiras a quen se lle puña por diante. Actualmente acoden anualmente ó Entroido de Boborás.

Camiño de Santiago Na actualidade está a potenciarse o Camiño de Santiago que se inicia en Braga (Portugal). Existen dous itinerarios: A Geira e Os Arrieiros e unha segunda de Miñoto-Ribeiro.

Lugares e parroquias Lugares de Feás

Parroquias de Boborás

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Boborás

Notas

Categoría:Parroquias de Boborás Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de santo Antón Categoría:Topónimos galegos con etimoloxía