Bon Jovi é unha banda estadounidense de Hard Rock, formada en Nova Jersey en 1983. Acadou sona mundial a mediados dos anos 80 con temas como "Livin' on a Prayer", "You Give Love a Bad Name", "Bad Medicine", "Wanted Dead Or Alive" ou "I'll Be There For You".

Foi formada por Jon Bon Jovi (nome artístico de John Francis Bongiovi), con Richie Sambora na guitarra, David Bryan nos teclados, Tico Torres (Héctor Torres) á batería e Alec John Such como baixista (substituído non oficialmente en 1995 por Hugh McDonald). Acadaron grande éxito nas décadas dos 80 e 90, rexurdindo no 2000 co éxito "It's My Life". Na actualidade están promocionando Lost Highway, disco que ocupou o número 1 de álbums na lista de Billboard, sendo un fito histórico para a banda, que xa ten 24 anos de carreira e arredor de 130 millóns de discos vendidos.

Historia Formación e primeiros pasos (1978-1985) Jon Bon Jovi é fillo de Frank Bongiovi (famoso peiteador estadounidense, fundador da franquía Jon Anthony) e de Carol Sharkey (ex-miss e antiga coelliña de Playboy). De cativo a súa nai intentou introducilo no mundo da música, pero a el non lle interesaba e a súa nai terminou desistindo. Anos máis tarde, na adolescencia, Jon acudiu a un concerto de rock & roll e foi nese momento cando tivo claro o que quería ser, "unha estrela de rock". Antes de acadar o éxito traballou no salón de peiteado do seu pai e limpando pisos de estudios de gravación.

Jon pasou case toda a súa adolescencia escapando do colexio para tocar rock & roll, xeralmente co seu amigo David Rashbaum (David Bryan) co que formou a banda Atlantic City Expressway, que non posuía cancións propias pero que acadou moito éxito nos clubs da zona. En 1980 mudaron o nome por "The Rest". Unha noite, cando se dispuñan a abrir un concerto para Southside Johnny e Billy Squirer no Ritz de Manhattan, foi miralos o seu curmán Tony Bongiovi, un famoso enxeñeiro e produtor de grupos como The Ramones ou Talking Heads, e que era dono dun famoso estudo de gravación no que Jon acostumaba pasar horas axudando no que fose preciso. Tony preguntoulle a Jon como ían as cousas, ó que respondeu: "Odio esta banda, odio esta música, ódiote a ti, pero se podes axudarnos, chámame por teléfono". Días máis tarde, Southside Johnny e Billy Squirer producían a primeira demo de "The Rest". Jon contou despois que iso non era o que el quería, marchando a traballar co seu curmán ós estudos de gravación "Power Station" en Nova York.

A finais dos 70 compartiu o estudio con Steven Tyler, de Aerosmith, David Bowie e Little Steven, gravando algunhas cancións, máis tarde recompiladas no álbum The Power Station Years, do ano 1982. Tamén coñeceu grandes grupos como The Rolling Stones ou Queen. Estivo facendo presentacións locais, sendo abreconcertos doutras bandas.

En 1981 Jon Bon Jovi gravou por primeira vez, coa canción "R2-D2 We Wish You a Merry Christmas" no álbum especial de Nadal Christmas in the Stars, producido por Tony Bongiovi na Power Station.

En 1983 Chip Hobart, director da emisora Wapp FM, lanzou un disco onde se recompilaba unha canción de cada artista novo, e Jon aproveitou para levar o seu sinxelo "Runaway" (canción escrita en 1980 e que gravara ese ano cando o estudio estaba baleiro), sendo a canción que máis destacou dese álbum. Debido á grande acollida que tivo, pedíronlle facer un concerto, pero necesitaba unha banda propia. Polygram, que xa se fixara en Jon, fíxolle un gran contrato dándolle a liberdade de contratar ós músicos que el quixese. Jon recrutou a David Bryan, co que xa tocara , o baixista Alec John Such, membro de The Message, quen chamou a Tico Torres para que se instalase na batería. Logo uniuse Richie Sambora, quen logo de ver á banda nun concerto díxolle a Jon que el sería o novo guitarrista. E así, o 21 de xaneiro de 1984 sae á venda o seu primeiro disco, Bon Jovi, co xa mencionado sinxelo "Runaway", que chegou ó top 40. Tamén incluía temas como "She Don't Know Me", "Love Lies" ou "Roulette".

En 1985 lograron o disco de Ouro co álbum 7800 Degrees Fahrenheit, do que lanzaron os sinxelos "In And Out Of Love", "Silent Night" e "Only Lonely", canción que escribiu Jon pouco despois de romper coa súa moza, cando lle deu a elixir entre a música e ela. O disco logrou certo interese, pero non o éxito que desexaban e esperaban. O desinterese manifestábase debido á presenza de baladas, calidade esta na que máis fincapé fixeron os seus detractores, dándolle unha imaxe falsa e mol do que é o Heavy Metal, xa que, nesa época o público do xénero demandaba un son e unha imaxe que reivindicase posturas de rebeldía. Só dous grupos lograran romper as barreiras entre pesados e suaves: Def Leppard e o propio Bon Jovi.

Ese mesmo ano participaron no festival "Monsters Of Rock", pero non foi suficiente para dar o salto á fama. Non conseguiron asistir ó Live Aid. Ese ano Jon Bon Jovi coñeceu a Cinderella, facendo unha xira xuntos polos Estados Unidos.

Días de gloria con Slippery When Wet e New Jersey (1986-1989) Debido a que o seu último álbum acadara un éxito moderado, puxéronse a traballar no lanzamento do seu decisivo terceiro álbum, Slippery When Wet, en 1986, que non só significou o seu lanzamento ó estrelato, senón que foi un dos álbums máis vendidos de 1986 e da década dos 80. Para este lanzamento contaron coa axuda do reputado produtor e compositor Desmond Child. O disco vendeu máis de 12 millóns de copias nos EE.UU, onde os sinxelos "You Give Love A Bad Name" e "Livin' on a Prayer" foron número un. "Livin' On A Prayer" estivo 4 semanas no primeiro lugar da revista Billboard, o álbum estivo no top 5 durante 38 semanas e 46 semanas no top 10. Tamén triunfaron as cancións "Never Say Goodbye", "Raise Your Hands", "Wild In The Streets" e "Wanted Dead Or Alive", que se converteu na insignia da banda).

En outubro o disco chegou ó número 1 nos Estados Unidos, onde estivo 8 semanas. No Canadá logrou 10 discos de platino, dous no Reino Unido, un de ouro en Alemaña, España, Italia, Finlandia, Suecia e o Xapón. A fama chegou a tal punto que Jon asinaba con outro nome nos hoteis onde se aloxaban para pasar desapercibido.

En 1987 Jon participou no show de "Donnington '87" xunto a Bruce Dickinson, vocalista de Iron Maiden, Paul Stanley, vocalista de KISS, e Dee Snider vocalista de Twisted Sister.

En 1988 aparece o exitoso New Jersey. Orixinalmente se pensara nun álbum dobre, pero a idea foi descartada pola compañía discográfica. Vendéronse máis de 16 millóns de copias, editándose cinco sinxelos exitosos, chegando dous deles ó número 1: "Bad Medicine" e "I'll Be There For You". Tamén "Born To Be My Baby", "Lay Your Hands On Me" e "Living In Sin" entraron no top 10. Durante esta época foron os seus abreconcertos grupos como Cinderella ou Vixen.

En 1989 Jon Bon Jovi xunto a Richie Sambora nunha presentación interpretaron a canción "Wanted Dead or Alive" en vivo, pero armados só con dúas guitarras acústicas, nos MTV Video Music Awards. Esta presentación fascinou ós seus seguidores, e provocou a iniciativa de MTV de crear os especiais acústicos chamados MTV Unplugged, que terían moi boa acollida nos anos 90, sendo Bon Jovi pioneiros con "Evening With Bon Jovi".

Posteriormente, cando se editou o video de "Living In Sin", a banda recibiu algunhas críticas en MTV polo seu contido explícito, polo que, a pedido da cadea, a banda tivo que reeditalo. A xira do New Jersey foi tan longa (237 concertos) que acabou deteriorando fisicamente ós membros. No medio da xira Jon casou con Dorothea Hurley (á que coñecera cando estudaba) en segredo en Las Vegas.

A entrada ós anos 90 Os problemas nas posteriores xiras debidos á tensión e ó desgaste físico, ocasionaron que a banda fixera unha paréntese. A súa inactividade a finais de 1989 e principios dos 90 levou a pensar na disolución da banda. Dita idea viuse alimentada cando en 1990 Jon Bon Jovi, en calidade de solista, editou o seu segundo álbum, Blaze of Glory, que constituíu a banda sonora da película Young Guns II. O director da película solicitara a Jon que presentase "Wanted Dead or Alive", éxito de Slippery When Wet, como tema principal da banda sonora, pero Jon viu mellor facer un novo álbum cunha temática do Oeste.

O seu primeiro sinxelo, "Blaze of Glory", é unha especie de segunda parte de "Wanted Dead or Alive", e foi postulado ó Oscar na categoría de "Mellor Canción orixinal", e gañou un Globo de Ouro como "Canción do Ano". Outros éxitos do álbum foron "Billy Get your Guns", "Dying Ain't Much of a Living" ou "Miracle.

Mentres tanto, Richie quixo probar como solista editando o seu primeiro álbum fóra de Bon Jovi, Stranger in this Town, que tivo unha acollida moderada.

Keep The Faith, unha renovación musical (1992-1993): En 1992 reintegrouse o quinteto, lanzando ó mercado o álbum Keep The Faith, co que a banda experimentou un cambio musical, para estar acorde cos novos tempos e manterse en boa brecha, o que provocou moitas críticas. Estas incrementáronse polo cambio radical da súa aparencia.

Ante estas críticas Jon declarou:

Despois de todo arrasan novamente e amosan a súa calidade en cancións como "Keep the Faith", "Bed Of Roses", "In these arms", "I'll Sleep When I'm Dead", "I Believe" ou "Dry county" (ademais da primeira canción en castelán da banda, "Cama de Rosas"). O álbum logrou vender 10 millóns de copias a nivel mundial, e con el iniciaron outra xira mundial, que os levou por segunda vez a Latinoamérica.

Cross Road e These Days (1994-1996) En 1994 tomouse en consideración a posibilidade de publicar un recompilatorio dobre en directo, pero ó final lanzouse ó mercado o álbum recompilatorio Crossroad 14 classic grooves, que contén ademais dous temas novos: "Always" e "Someday I'll Be Saturday Night", cos que arrasaron novamente coas listas europeas e americanas. O álbum vendeu 25 millóns de copias a nivel mundial. No mesmo ano Alec John Such abandonou a banda, sendo substituído de forma non oficial por un vello amigo, o baixista Hugh McDonald, que xa gravara con Jon e a banda The All Star Review o seu primeiro éxito, "Runaway", en 1982.

En 1995 lanzaron ó mercado o álbum These Days, con temas máis escuros que nas súas anteriores producións, sobre todo as cancións "Hey God" e "Something To Believe In", cunhas letras que deron moito que falar. These Days foi un disco moi vendido en Europa, se ben nos Estados Unidos tivo un éxito moderado. Deste álbum editáronse os sinxelos "Hey god", "Something for the pain", "Hearts Breaking Even", "Damned", "These days", "This is ain't love song" ("Como Yo Nadie Te Ha Amado" na versión en castelán) e a suave "Lie to me".

En xuño dese ano a banda tocou no mítico Estadio de Wembley, en Londres. Foron os días 23, 24 e 25, con cheos absolutos de 72.000 persoas por noite. A terceira noite foi gravada e editada en vídeo como Live From London, con 11 temas dos máis de 20 que tocaron.

Logo da emisión de These Days, cando a banda aínda non terminara a xira de Crossroad e trala saída de Alec, Jon manifestou:

En 1996 continúa a xira mundial de These Days, percorrendo case toda Europa, América e o Xapón con cheos totais.

Nestes tempos Richie casou coa actriz Heather Locklear; a esposa de David tivo xemelgos e Tico, que era tamén pintor e piloto, casou coa modelo Eva Herzigova; por todo isto a banda decidiu facer unha nova paréntese, separándose despois do seu tour por Londres en 1996.

Nova aventura en solitario (1997-1999)